Chago: “Quería ter unha coviña para os raretes da música en Santiago”

DJ, promotor de eventos e deseñador gráfico, Chago -alter ego do artista compostelán Iago Pedreira– quere amosar e apoiar traballos de artistas valentes -locais e internacionais- para ofrecer propostas pouco convencionais coas que transformar o ambiente anquilosado da noite compostelá. Cofundador do colectivo Colapso, espazo de encontro para músicos, creativos e aficionados á arte experimental sonora e visual, Pedreira é tamén un dos artífices tras Codex Club, xestado entre Compostela e Berlín, onde acolle os proxectos máis atrevidos da música contemporánea actual para o desfrute lúdico e transgresor do público nocturno.

Investigando un pouco sobre a túa carreira, atopei que na maioría dos casos es definido como “salvador da noite compostelá e axitador (contra)cultural”. Que cres que aportas de distinto?

En Santiago sempre intentei darlle unha volta ao que estaba establecido na cidade en canto á música electrónica. Era todo bastante corrente e lineal na noite santiaguesa e sentín a necesidade de crear un espazo para algo diferente e que se prestase á experimentación. Así naceu Cobra Club fai catro anos, unha festa instalada no bar do Matadoiro como resposta a esa monotonía de garitos de rock e electrónica que había. Máis adiante, no Paraíso Perdido, empezamos con Codex Club e aí xa comezamos a xuntar arte plástica e dixital con sesións de DJ e música en directo nun contexto máis artístico. Despois xurdiu Cubata Club no pub Corzo que iso xa foi unha punkarrada total, cando máis me liberei a nivel de programación. Era como que me daba xa igual o tipo de música e só buscaba traer artistas con actitude e propostas diferentes. Digamos que era ter un espazo, unha coviña para os raretes da música.

Daquela é cando intentaras traer a Jpegmafia…

Si. Non puidera vir porque cancelara a xira.

Dígoo porque el é súper punki; fai rap pero ten unha actitude máis punkarra, nese sentido que comentabas.

É que neses concertos o que máis molaba era a actitude da xente. Polo Corzo pasaron artistas tan dispares como Lúa Preta co seu afrobeat de Angola, ou Bulma desde Bruselas, que mesturaba electrónica con black metal e grindcore. Quédome co ambiente que se xeraba e a actitude da xente. Cubata era unha especie de rave vampírica. Estaba moi guai.

Antes falaches de Codex Club en plural. Con quen máis traballabas na programación?

Codex empeceino con María Serrano. Eu centrábame na parte musical e ela na parte máis artística. Trouxemos fotógrafos, ilustradores, performers… Xente como Margarito dela Guetto, Mar Suárez… Diso encargábase ela. E agora seguimos traballando xuntos.

Tedes agora o colectivo Colapso.

Si. Colapso está máis relacionado co tema da arte sonora. É un colectivo que temos con Pablo Electrocute, Denís, Lorena e máis colegas que se están xuntando. Baséase, como digo, na arte sonora e tamén na recuperación do tema da identidade galega… Van un pouco por aí os tiros.

Soa como a un punto de encontro entre artistas. Ácido Folklórico entraría tamén dentro disto?

Ácido Folclórico é un pouco o fillo de Colapso con Codex. Fixémolo dúas veces no Liceo Mutante e seguiremos facéndoo. Unha parte máis desenfadada, digamos, tamén relacionada ca arte sonora pero algo máis divertido. A última vez que o fixemos levamos á xente que me axudou coas visuais no WOS. É practicamente unha jam de tanto músicos como artistas visuais. É como desenfadado no sentido de que o erro non é un problema senón ao contrario, é parte da actitude, pero sempre desde unha perspectiva de darlle visibilidade aos artistas, como dicías.

No WOS Festival actuaches dentro dunha selección de cinco artistas galegos destacados na produción musical de vangarda. Cales foron as túas sensacións da xornada? Coñecías a alguén máis?

Harrga! De feito son amigos, a primeira vez que tocaron foi no Corzo con Codex. Vinos tamén este ano no Atonal en Berlín e a verdade é que se están saíndo. Xoán Xil tamén é incrible. Todo o tema da modificación da zanfona, o tratamento do son e as frecuencias baixas que utiliza… moi bo. Resultoume unha pena que na SGAE poderían terse esforzado un pouco máis no tema do volume dos artistas… Pero si, estivo guai.

O teu DJ set contaba coa colaboración de M8 con visuais en directo 100% analóxicas de metraxe atopado e películas caseiras. Como xorde esta idea e como inflúe o visual na túa música?

Foi totalmente improvisado, que conste (risas). Aínda que xa tiña traballado con elas… Estas rapazas (Belén, Cris e Lúa) levan o Cineclube de Pontevedra e traballan co Liceo; son unhas namoradas do Super 8 e das películas en 8mm. O WOS propuxérame ter visuais para este bolo e o primeiro que se me veu á cabeza foi esta xente, porque hai moita empatía tanto a nivel persoal como artístico. Non foi preparado, tanto para elas coma para min, e xurdiu como a maxia. Tes que ter un feeling cos artistas para que saia iso.

De que influencias bebes para crear música e que buscas transmitir con ela? Porque son sons moi agresivos.

Eu escoitaba moito punk, rap así máis diferente… Non sei. As miñas influencias son artistas en xeral con actitude e que fagan algo distinto. A miña música é agresiva pero á vez ten un punto de calma porque é lenta, rozando o industrial, música case cinematográfica.

Gustaríache facer cousas para cine, videoarte… algo tirando cara o audiovisual?

Facer eu algo non. Estaría xenial pero non teño nada en mente… Colaborar si. Encántame xuntarme con outros artistas para facer cousas deste estilo.

É que a imaxe ten bastante presencia no que fas. Ti ademais es deseñador. Ves necesario que hoxe en día o visual teña máis importancia na música?

Persoalmente non me parece necesario. Son cousas diferentes. Sempre está ben que haxa colaboracións deste tipo, pero a veces dánselle certos puntos de vista á musica por culpa do visual que entorpece un pouco a escoita. É un tema que se o fas con coidado e sensibilidade, si ten sentido. Se non… nada.

Que opinas do panorama electrónico que está emerxendo en Galicia? Falo non soamente de artistas senón tamén de colectivos, festivais como o WOS, ou por exemplo o Fanzine Fest na Coruña.

Tampouco é unha escena que eu siga demasiado. Quero dicir, non son un seguidor da electrónica propiamente dito. Estou máis a prol de todo o tema da experimentación e xente con proxectos diferentes, dáme igual en que ámbito, rap, punk, o que sexa. Si que está habendo aquí xente que está facendo cousas moi interesantes pero non directamente, polo menos para min, que teña relación co concepto de música electrónica. En Galicia estame parecendo moi interesante a xente do soundsystem, dub e todo iso, que teñen a visibilidade que teñen e van como á súa bola… Case me interesa máis o que fai esa xente que outras propostas.

Como ves a túa traxectoria de DJ a medio prazo? Algún consello para quen empeza?

Agora estou máis centrado en todo o tema de produción e facer eventos. A medio prazo non sei. Eu vou entorno ás cousas que me vaian pasando e non teño tan sequera unha meta fixa. O meu consello? Pois que non se lle dea demasiadas voltas a practicar e que se fagan as cousas con actitude e xa está. (Risas)

Pódeche interesar...
Sen Senra e Derby Motoreta’s destacan nas confirmacións do Osa do Mar