Esther Estévez: “Dáme medo chiar por se corrixen”

Coñecín a Esther Estévez en primeiro de carreira. Si, estudiei con ela a carreira antes de que fora coñecida. Sen intención de quedar ben, a verdade é que sempre me pareceu boa xente. Prometo que se non o fora tamén o diría, pero creo que o é. Polo tanto, é desas persoa polas que te alegras sen vacilar dos seus éxitos.

En terceiro cursaba a materia de Lingua Galega con ela na universidade. Alí dabamos algunhas das cousas que ela agora fala no Dígocho Eu. Por exemplo, as diferenzas entre vogais abertas e pechadas. A día de hoxe aínda estou con ela nun grupo de Whatsapp con ela que se chama “Bóla”. Falando sobre esa anécdota na metade da entrevista ela ri moito: “Quen me ía dicir nesas clases de galego que ía estar hoxe como estou no Dígocho Eu”.

Ás veces á xente boa tamén lle vai ben, e este é un exemplo. Facer esta entrevista para min é moi especial, xa non pola ledicia de falar con alguén relevante en Galicia, se non por falar despois de bastante tempo un bo anaco con alguén a quen aprecio. A pandemia quitounos as cañas, a festa, as apertas e moitas cousas boas, pero non a satisfacción de escribir liñas sobre o éxito de alguén que o merece.

O primeiro, Esther Estévez, xornalista, non unha rapaza que sube tik toks non?

Jo! (risas) A raíz do tik tok ese viral que xa todo o mundo coñece, saín en moitos medios. E claro, eu entendo que a xente non ten por que saber quen son eu. Xa malamente me teñen que coñecer aquí, como para facelo fora de Galicia! Pero a ver, si que é verdade que se sacas un vídeo dun sitio, deberías ver que a conta está arraigada a unha televisión. A min picaríame a curiosidade, máis que nada.

E como vives isto da viralidade? Entendo que para ti estes meses foron ben, pero nos últimos tempos, as cousas subiron de nivel

Tes razón. Si que nos últimos meses foi unha constante loucura. É dicir, dende que comezou todo foi moi pouco a pouco, ultimamente está a ser unha animalada. Eu obviamente estou moi contenta. O que pasou co famoso tik tok foi moi inesperado, máis porque ese vídeo está ben, pero teño outros máis creativos ou que levaron máis traballo. Pero estas cousas nunca teñen explicación.

E respecto a como o levo, de cando en vez teño golpes de realidade. Por exemplo, cando vexo que me chaman de programa ou alguén ten interese no que fago. Pero no día a día, pois non é que me esqueza de que teño repercusión, pero si que o teño nun segundo plano. Intento que non me agoníe, porque ao final si que teño bastante responsabilidade, pero intento levalo da mellor maneira.

Imos un pouco para atrás. Estudaches xornalismo, xunto con algún compañeiro lamentable coma min! (risas). Entendo que comezarías a carreira coma moitos, como unha nena á que lle gustaba escribir, pero como a remataches?

Pois como acabas de explicar ti. Eu sei que hai moita xente que comezou cunha vocación incrible, pero eu rematei bacharelato e non sabía o que facer. Pero gustábame escribir, así que aí fun. O meu interese polo xornalismo foi medrando segundo foron pasando os anos, e sobre todo cando puiden facer prácticas, si que decidín que me quería dedicar a isto sexa no ámbito que sexa.

Cando rematei, como lle pasa á meirande parte da xente, estaba perdida. Non sabía por que rama tirar, se seguir estudando ou cara onde ir. E aí saíume unha bolsa FEUGA na TVG que foi a miña sorte.

E como valoras a formación na universidade?

Eu non sei como se da Xornalismo noutro sitio, só na USC. Non considero que fora algo malísimo, eu aprendín cousas. E sobre todo, grazas a facer a miña carreira en Galicia, puiden facer prácticas en cousas aquí ás que doutra forma non tería acceso. O que eu comento sempre é que debería actualizarse, ter máis materias ligadas ao xornalismo de hoxe e ás redes sociais. Porque eu do que estou facendo agora formeime na empresa, pero non na carreira.

E antes da TVG estiveches en Nós TV. Como foi a túa experiencia nunha televisión tan diferente respecto a onde traballas agora?

Pois eu teño un recordo súper bonito deses 5 meses que estiven aí de prácticas. Aprendín un montón e todo o que poida dicir é positivo. Eu non tiña ningunha experiencia previa en tele e ao estar nun sitio pequeniño puiden tocar moitos máis paus e ter unha formación moito máis personalizada. Eu creo que espremín ao máximo eses meses. Sentinme unha máis, non unha bolseira. Creo que aí mellorei moito como xornalista.

O Dígocho Eu xorde no departamento onde traballas na CRTVG. Penso que a clave respecto a outros formatos da mesma temática, é que nace coa vocación de adaptarse ás diferentes redes sociais.

Eu creo que si. Proxectos sobre lingua houbo moitos e moi bos, pero o que se pode sacar do Dígocho Eu é que naceu para as redes e usando a súa linguaxe. E por iso dende un principio a xente comezou a consumilo ben. Ademais, debo agradecer a Carlos Amado, o meu xefe, que ademais de ter a idea orixinal, el tirou de min un montón. El é o que se atreve con todo, por exemplo, del saíu a proposta de comezar a usar Tik Tok. Eu confío cegamente nel e sei que se algo pode saír mal porque ao final estamos aquí para ver o que funciona e o que non . Quizais se non fora por el, isto non se estaría facendo porque eu son a cara visible e levo os méritos, pero hai xente detrás.

Ao final supoño que a clave é ese experimentar. Se vai guai, ben e se non tamén.

Si, porque ao final sobre isto non hai nada escrito. Hai que ir facendo camiño!

Todos os medios utilizan as redes sociais, pero moi poucos as aproveitan de verdade.

Si. Por exemplo nunha rede como Twitter, que leva moitos anos connosco e todos os medios están aí, cal é a interacción entre medio e audiencia? Habería que reformular a maneira na que se comparten as cousas porque dependendo de como “vendas” un contido, vas ter un alcance ou outro sendo o mesmo produto. É moi importante ter en conta como comunicar nas redes.

E igual tampouco se destina a suficiente cantidade de recursos. Vós estades un departamento enteiro traballando neses mundos

Ao final a nós chámannos “os de Internet”! (Risas). Pero non só facemos as redes, tamén a web. O que pasa é que a xente máis nova son estamos nas redes porque tamén as usamos máis, loxicamente. Realmente todo está sempre evolucionando, pero nada disto é novo. A xente consume dende o seu móbil xa dende hai moito tempo. Entón, os medios que non lles están dedicando tanta atención ás redes deberían pensar na xente que está aí.

O Digocho Eu naceu o 1 de xaneiro do ano pasado. Fostes beneficiados do confinamento no sentido de que a xente tivera que estar na casa?

O espazo tiña dous meses e medio de vida cando nos confinaron. A min me mandaron para casa e probamos a facelo dende aí. Se saía mal, deixariamos de facelo, pero a verdade é que quitando todo o malo da pandemia e o 2020, para min foi súper positivo.

Estaba soa . Guionizaba todo eu, dedicáballe moito tempo a pensar en como facer as cousas. Lembro iso con bastante cariño porque realmente eu paseino ben! Foi unha vía de escape brutal. A nivel público creo que tamén foi un bo momento para o consumo porque(,) ao estar todos na casa, tiñamos máis ollos mirando.

Case o que mais me sorprende do Dígocho Eu é que o voso público sexa tan heteroxéneo. Dende persoas moi novas a min mesmo como ferramenta de traballo.

A verdade nin cando comezamos nin agora pensamos a quen lle estamos falando. Si que é verdade que, dende que sabemos que se usaba como material en moitas clases, si que temos en conta o público infantil. Eu creo que non cambiamos a forma de facer os vídeos, pero seguimos facendo o que viamos que funcionaba. Un ton informal, próximo, igual algunha pallasada máis infantil tendo en conta o dos nenos… pero ao final eu creo que nos ve todo o mundo.

Pensas que os xornalistas somos demasiado serios nalgunhas ocasións?

A ver, eu creo que podo permitirme ser así porque o formato foi collendo esta forma. Se fora máis serio, non estariamos neste punto agora mesmo. Non sei, non me imaxino un Telexornal sen ser serio. Pero se falas nas redes, ti podes facer contido informativo como o está a facer o meu compañeiro Gabri Fuentes, por exemplo. Facer cousas nun ton de risa sen que deixen de ser informativas, Se lle explicas á xente dunha maneira próxima e amena os temas, vaille interesar moito máis.

Eu xa sei que non es filóloga nin lingüista nin nada polo estilo, pero si que entendo que dada a túa posición, é relevante facerche preguntas sobre lingua. Pensas que o galego está nunha situación crítica?

Todos vemos a situación. Non se ve tanto o galego como hai uns anos, cousa que se ve referenciada nas estatísticas. O que pensamos dende o equipo é que, efectivamente, estamos nunha situación crítica, pero apreciamos que hai un certo interese polo contido en galego.

No Tik Tok , que é onde está a rapazada toda, moitos comentarios son en castelán. Pero se esa xente nos segue, quero pensar que nalgún momento algo vai facer click na súa cabeza e se vai lanzar a falar galego, porque moita xente o está facendo. Hai un montón de neofalantes. A miña conclusión é que se te interesas por un contido que está nunha lingua estaste sentido atraído en parte por ela.

Se facemos contido bo, se facemos música boa, se facemos cine bo en galego e a xente o consume, iso inflúe. A min dinme de broma influencer do galego, e si, o Dígocho Eu) está para falar sobre a lingua, pero o galego non está para falar sobre o galego. Podes falar do galego para falar do que che dea a gana. Temos moita cultura ao noso redor, e o que falta é que a xente que o consume se lance a falalo.

Consideras entón que os neofalantes son moi importantes neste contexto lingüístico?

Son. Porque ao final calquera falante é o futuro da nosa lingua.

E pensas que coa vosa labor no Dígocho Eu podedes conseguir realmente que haxa máis neofalantes?

Si, eu creo que si. De feito é o que máis nos animou a seguir con todo isto. Cando vexo que grazas a nós hai xente que fala o galego -porque nolo din directamente- xa conseguín todo. O tema do Dígocho Eu parece a broma de que vimos aquí a falar galego de dicionario, pero hai moitísimo detrás de iso. E unha desas cousas é que a xente lle colla cariño á lingua, porque é a nosa lingua dentro e fóra do traballo. Eu o que fago aí é un papel, porque logo a xente pensa que son un dicionario e non o son, pero de verdade que hai moitas cousas detrás diso.

Igual que do bo, penso que cómpre falar das críticas ao formato que estiven vendo durante este tempo. Algunha xente di que partir do castelán para ensinar o galego, non é o mellor xeito de facelo.

Eu podo darche unha visión como comunicadora, pero hai xente que estuda como ensinar de maneira máis efectiva as cousas e eu non teño ningún tipo de estudo sobre iso. Eu creo que a mellor forma de normalizar o galego é, por exemplo, que non se che faga raro escoitar a palabra cadeira en vez de silla. Falalo así e que a xente nos escoite.

Pero nós, ao comezar este formato, o que nos propuxemos era dar a coñecer cousas nas que metemos a zoca e non somos conscientes. Nós temos lingüistas na redacción e ao final sácanos de moitos apuros, pero se estás nun directo váiseche a olla. Este formato naceu xa non para xente de fóra, senón para axudarnos a nós mesmos e para descubrir moitas cousas que non sabemos. O obxectivo foi mellorar un pouco cada día. E non sei, tampouco a todo o mundo se lle pode gustar.

E logo a outra grande crítica xa a dixeches antes, o dicionario. Para algunha xente, o Dígocho Eu igual é demasiado prescriptivista.

O de que non son un dicionario estou farta de dicilo! A xente o que pasa e que se cre o papel. O papel no sentido de que hai un guión que ten que pasar por unha lingüista antes de publicalo, non me vou sacar eu as explicacións así da manga.

Pero si que é verdade que temos un discurso tan convincente e que queda tan claro todo… “Digocho Eu, faino así que así está ben” Pero aí tamén está un pouco a graza. Quen me coñece entende a linguaxe de todo isto. Sobre isto tiñamos máis crítica ao principio, pero cando se foi vendo o ton con que faciamos as cousas e que nos escarallamos de nós mesmos, foise relaxando un pouco tema.

Tamén está o tema da normativa que seguides. Facedes apuntamentos lusófonos, pero non facedes nada sobre a normativa AGAL tendo en conta o binormativismo que rexe no galego, en moitas ocasións tamén se vos critica ao respecto.

Nós na televisión temos que seguir a normativa RAG, ese é o escenario que temos de referencia e a raíz diso teñen que ir os vídeos. Hai un montón de dicionarios máis? Si, e ás veces nomeámolos. Eu tampouco estou a favor de todo o que di a Real Academia Galega.

Cando foron as Letras Galegas fixen tres vídeos sobre o reintegracionismo. Primeiro, por quen se lle dedicaba o vídeo, Carvalho Calero, e segundo, porque creo que é algo ao que deberiamos darlle voz no Dígocho Eu Gran parte do noso público, polo menos en Twitter usa esa corrente lingüística. Nós temos que seguir o dicionario da RAG, pero tampouco creo que invisibilicemos ao resto.

E logo creo que está guai o debate que se xera en Twitter cando certas contas non coinciden co que defendemos -que non o defendemos, simplemente o comunicamos-. Que se fale diso tamén fai máis visible o tema.

Os apuntamentos lusófonos xurdiron porque Carlos Amado estivo varios anos traballando de correspondente en Portugal, entón controla bastante do portugués. Eu, aínda que vivo cerca de alí, sóanme cousas pero non manexo moito. Entón, cando estabamos a facer algún guión, sinalábame a modo de anécdota as semellanzas e diferencias co portugués. Así naceron.

Cambiando xa de tema, que che emocionou máis, que os nenos te coñezan nos colexios ou saír no programa de fin de ano da TVG?

(Risas) Home, a min todo o que me ten pasado ata o de agora fíxome moita ilusión, pero eu as experiencias que tiven cos nenos non as cambio por nada. O primeiro cole ao que fomos foi o meu de Verín e non vale porque obviamente me ían dicir cousas boas, pero o segundo foi en Mos e eu aí flipei porque aí a xente non me coñece de nada. Estábannos mirando e tratando coma se fósemos doutro mundo! De verdade, vendo como está a situación, se conseguín que os nenos vexan este contido e que lles guste, eu xa o conseguín todo.

E como vives iso de ser unha imaxe máis da CRTVG?

A ver, Home! Imaxe como tal, non sei. Saír estou saíndo, pero imaxe consolidada aínda non…

Esther, que teño stickers de ti no móbil teus e non os fixen eu!

(Risas) A ver, eu é que non sei, todo isto que pasa intento velo como algo positivo, obviamente. Repito que hai momentos nos que podería chegar a agoniarme se son consciente de toda a presión que podo ter enriba e da xente que ten os ollos postos en min. Dáme medo a influencia que poida ter.

Pero todo o que me está a pasar é marabilloso, e a oportunidade que se me deu… faltan palabras para agradecelo. Era un proxectazo e confiaron en min para facelo, máis tendo en conta que eu era bolseira cando todo isto comezou. Moi contenta de ser cara da TVG, que é a tele coa que eu crecín e faime moitísima ilusión.

Pero por momentos é moi surrealista e case nin son consciente. Xa de por si(,) por ser a do Dígocho Eu , a xente pensa que vou escribir e falar perfecto, e eu o falo como se fala na miña zona. E de aí non me quitas, teño as miñas variedades dialectais. E intento facelo o mellor posible, pero a mim xa me da medo chiar por se me corrixen. Pero entendo tamén que non se pode ter unha cousa sen a outra.

A este paso vas ter que contratar un Community Manager! (risas)

Pois si (risas)! Ás veces dígoo de broma, pero ben que faría!

Pero en xeral a xente quérete ben. Igual isto é unha ida de olla miña, pero es das poucas figuras de consenso que se me ocorren en Galicia, a Ibai Llanos galega!

Hala, hala! (Risas) Tampouco te pases! Onte dixéronmeque debía ser a única persoa que lle gustaba a todo o Galitwitter. E non sei, realmente tampouco estou moi activa en redes, polo que non lle fixen aínda nada a ninguén para que me odien (Risas). Realmente a historia ten que ver máis co formato que comigo, entón se se enfadan enfádanse con el.

Fora risas, eu creo que que haxan figuras aglutinadoras coma ti é moi positivo porque cómpre que haxa referentes para a lingua.

Si, é un pouco o que falabamos antes. Pero ao final non fai falta facer o Dígocho Eu para iso. Por ser a do Dígocho Eu, non teño por que ser a raíña galaica aquí!

Efectivamente, a do Dígocho Eu pode cantar Camela no karaoke e non pasa nada!

Pois si, pode! (Risas)

Quero tamén falar do Tik Tok en concreto. Sodes dos poucos medios de comunicación a nivel estatal que tendes éxito real. Cales foron os maiores retos?

Eu teño que recoñecer que non estaba nada convencida ao principio. Non por nada, pero non visualizaba como podía funcionar o Dígocho Eu nunha plataforma tan diferente. Pero si que tiña claro que tiñamos que facer contido á parte, non podiamos sacar da web e meter no Tik Tok porque iso non ía funcionar.

Unha vez vimos que si que se podían facer contidos diferentes, pero tendo claro sempre o tema da lingua, pois fixemos de todo. Ata me vestín do exército Escarlata! Tiñamos claro que debiamos adaptar o contido á linguaxe de Tik Tok. Non é que fora difícil, pero si era raro gravar esa clase de vídeos cando eu viña de facer outra cousa.

De feito hai unha cousa que me escama moito, que é cando poñen os Tik Toks para promocionalo noutros lugares, como que é raro ver esa linguaxe nun contexto no que non sexa Tik Tok.

A min non me da vergonza facer tik toks, pero si velos fóra de Tik Tok. Cando se viraliza un e comezo a velo noutras redes e noutros sitios morro, porque Tik Tok é Tik Tok, que para min sempre será un mundo paralelo. Ti imaxínate que estas tan normal e aparéceche unha tipa saltando e disfrazada! Iso nesa rede non choca, pero fóra de aí si. Pero ao final entendo que tamén hai que darlle promoción, e se o pasan no Telexornal e están na casa os nenos, pois que vexan que os da Galega tamén teñen Tik Tok!

E como se ve Esther Estévez en cinco anos?

Cinco anos… como pasen tan rápido como 2020, xa non é tanto! Gustaríame seguir facendo o que fago agora, longa vida ao Dígocho Eu!

Nalgún momento rematará o dicionario non?

(Risas) Si, todo formato ten o seu final e chegará un momento no que isto remate. En xeral, de cara ao futuro, si que teño claro que me mola moito traballar na tele e que, sexa co que sexa, seguir aí. Outra cousa é como vaia todo, porque eu tamén teño os pés na terra e aquí non hai nada fixo nin asinado. E teño que estar preparada para cando toda esta nube se disperse.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.