Hickeys: “Non cremos que ninguén teña un póster noso na súa habitación”

Ada Seoane

Hickeys foi o nome definitivo elixido, mais sobre a mesa tiveron diversas opcións. Unha delas fora chamarse Dicotómicas, pero había medo a que o nome do grupo puidera reducirse a Dico. Cando contan isto pódese escoitar a Ana Beiras, a súa mánager, e unha integrante máis do grupo, dicir por detrás que era un nome “un pouco rancio”, incluso. Pero non é este o caso do nome final: Hickeys non da lugar a diminutivos, é moderno, soa ben e actual. Novo. Como elas.

Diamond Munch, o seu primeiro EP, foi lanzado o 19 de xaneiro de 2018. Foi un dos primeiros EPs estatais aos que lle botamos un ollo en Balea Cultural, cando tamén este portal estaba comezando. Para que mentir: fainos ilusión esta entrevista, pois foron colaboradoras nese pequeno primeiro empuxón que nos axudou a estar aquí aínda a día de hoxe.

Ana Erice, Marta, Martina e Maite forman a banda, con Ana Beiras detrás como mánager, apoio e amiga, sendo unha máis do grupo. Xuntas bromean, falan ilusionadas de todo o que están a vivir e non queren que este pequeno soño remate. Entre elas son diferentes, e forman unha agrupación onde as inspiracións musicais quedaron curtas ante a química que se respira entre elas.

Debutástedes con Diamond Munch. Como o vedes agora?

MARTA: Fariámolo todo diferente. Non se parecería nada a como tocamos agora.

MAITE: Nada? Habería cousas que eu si mantería. Eu escótioo e non penso “Joder, este EP…”. Naquel momento era o que queríamos facer. Era o que queríamos plasmar no momento no que queríamos plasmalo. Era verdade. Para mín iso é moi importante. Si que é certo que era a primeira vez que entrabamos a estudo, non sabíamos exactamente que queríamos…

ANA ERICE: Non tiñamos nin afinadores. Eu tiña un pedal que me regalara Ana, pero… Non tiñamos nin idea do que era unha distorsión, nin de que tipos de distorsións había, nin de que tipo de efectos existían. Era experimentar co que tiñamos. Foi bonito, mais agora mesmo igual non o fariamos igual.

MARTA: Representa ese momento. Ese inicio do grupo. Maite e eu empezaramos a tocar case co grupo. Tivemos que adaptarnos aos instrumentos, coñecelos, coñecer os sonidos… Acababamos de comprar as guitarras… Era aquel momento. Estaba ben. Agora basicamente non se parecería en nada.

MAITE: Afondamos máis nos sons que queremos. Sabemos que cousas queremos, e daquelas había cousas que incluso non sabíamos se as queríamos ou non.

MARTINA: As decisións que tomamos, tomariámolas igual. Os grupos que coñecemos xa tiñan outros grupos detrás, que se parecían ao que estaban facendo, pero no noso caso… Non pensamos en facer un grupo para ir tocar ao FIB. Fixemos un grupo para divertirnos e aprender a tocar. Agora queremos ser máis profesionais. Queremos ser músicos.

O espírito do grupo non cambiou.

MARTINA: Se eu deixo de pasarmo ben tocando aquí, deixo o grupo.

MAITE: Totalmente. Só que agora queremos estar á altura das cousas que nos van sucedendo.

MARTINA: Puxéronsenos responsabilidades sobre a mesa. “Que queremos tocar aquí?” Vale. Pois ímolo facer ben.

Vedes posible profesionalizarvos?

MAITE: Con moitísimo traballo, pero si.

MARTINA: Traballo, e tempo. Hai moitas bazas moi importantes en nós, pero entre que temos tempo, somos novas, temos o apoio económico dos nosos pais… Estamos moi motivadas. Estamos pensando todo o tempo en obxectivos, e en conseguir o seguinte. Sen parar.

Estades contentas con como se acolleu o EP?

MARTINA: Non había onde acollerse, a verdade. Non existía unha comunidade que estivera esperando nada noso…

MAITE: A ver, coa pouco que había, porque en xeral comezamos a movernos por redes e intentar ter alguén a quen dar ese EP cando saíse… Tentamos crear algo de expectación.

MARTINA: Un mes antes de sacalo, lanzamos o videoclip dun tema. Un blogue apoiounos moito, Plástico Elástico… Julio Ruiz levounos ao seu programa en Radio 3, que iso sempre é un pouco pelotazo…

Ada Seoane

E neste tempo, como vedes ao público? Tendes seguidores?

MARTA: Non temos a ninguén que nos admire, pero si que nos apoia. Que lles gusta a nosa música. Sería ambicioso falar de fans. Sentimos que hai moita xente que ven aos nosos concertos porque lles gusta o que facemos. Non por obrigación, como viñeron moitos amigos no principio. Veñen sen ter ningún vínculo connosco, e iso mola, porque non nos deben nada.

ANA ERICE: Non cremos que ninguén teña un póster de Hickeys na súa habitación.

Xira por Reino Unido. Tamén o SXSW de Austin. Como se vive?

MARTA: Fai dous anos non viamos nada factible que nos estivera pasando todo isto. Por iso, eu polo menos non me aventuro a predicir nada. Estamos vivindo algo inimaxinable.

ANA ERICE: Nunca fora a Estados Unidos, e de repente funme a Estados Unidos a tocar. Non podería nunca, na miña vida, imaxinar algo mellor. Estou vivindo un soño. Virá ou non virá, mais o que estou vivindo agora non nolo vai poder quitar ninguén.

MARTINA: O ano pasado tocamos en Valencia, e aí foi a primeira vez que tocamos nun festival. Nin se nos pasara pola cabeza que puideramos ir. Que de repente nos saian estas oportunidades non é arte de maxia. É o resultado máis ou menos lóxico de certo esforzo e traballo, moito por parte de Ana [Beiras], quen nos axuda tanto.

ANA ERICE: Realmente detrás de nolas cinco, porque o certo é que o grupo somos cinco persoas, hai moito traballo, buscando obxectivos, tentando chegar onde poidamos e sen pararnos. Non nos poñemos trabas nin límites. Se a xente nos quere escoitar, alí estaremos.

Entre vós, dun sitio cada unha, compartides referencias musicais?

ANA ERICE: Algunhas, pero tampouco demasiadas.

MAITE: De feito, cando nos coñecimos foi o momento no que menos referencias compartiamos. Co tempo amoldámonos unhas ás outras. No carácter tamén. Escoitamos cada unha o que queremos, pero rematamos escoitando o que escoitan as outras. Ao principio, cando empezamos, cada unha viña totalmente da súa nai e o seu pai.

ANA ERICE: Acórdome que faciamos unha versión de Kitty, Daisy & Lewis. E eu quería facer outra cousa. Que mais tocamos? Joy Division…

MARTA: Ao principio comezamos facendo versións. Cada unha propuña o que lle gustaba, co que se sentía máis cómoda. Musicalmente eu penso que a quen máis me parezo é a Ana, pero claro, vimos de ambientes totalmente diferentes. Soubemos adaptarnos.

ANA ERICE: Influíu moito tocar entre nós.

MAITE: Fluíu sen case coñecernos de nada, sen facer acordos… O son que temos xurdiu sen pactos previos. Independentemente do que escoitemos. Si que pode haber algunha canción na que ven algunha con algunha idea, pero nada máis. Todo comparte dalgún modo unha mesma enerxía. Compartimos gustos porque imos a concertos xuntas.

ANA ERICE: Creo que a día de hoxe a quen máis compartimos é a Ty Sygall.

MARTINA:  Ty Sygall? Por fin? Ben! Encántame!!

MAITE: Claro, tía. Non te fagas a sorprendida.

Cal é o concerto que máis vos gustara ir xuntas?

ANA BEIRAS: O de La Femme fora un bolazo. Un dos mellores que vin.

MAITE: Eran La Femme e de teloeiros Los Nastys.

ANA ERICE: Cos Nastys estaba todo baleiro, todo sexa dito. Pero con La Femme comezou a entrar unha ondada de peña… Foi brutal.

ANA BEIRAS: La Femme, aparte de tocar nun festival como fixeran no DCODE, querían tocar nunha sala de Madrid. Eu enténdoo perfectamente. Hai moito fetiche cos concertos de grupos grandes en sala, pero eu rematei de entendelo nese concerto. O tema da unión co público, a conversación con eles… Na miña vida foi un concerto moi importante. Foi marabilloso.

Ada Seoane

Vós vedes tamén esa diferenza entre tocar en sala e festival?

MAITE: Depende. É moi diferente. Son dous roios.

ANA: É que ao ir a sala e non escoitarme éntrame un baixón… Pensar que o estou facendo mal…

MAITE: Pero iso pódeche pasar tanto en festival como en sala.

ANA BEIRAS: Eu nas probas de son estou con elas, discuto cos técnicos… O tema de que se atopen ben ou non vívoo moitísimo. Obviamente nunha sala na que non están ben, onde o equipo é malo, onde non hai pantallas para todas… Están incómodas. E nun festival, cun equipazo de la virgen, pois están súper cómodas. Pero logo, o público das salas están máis para elas.

MARTA: Si, pero en salas tamén nos atopamos de todo. Xente que viña ver outros grupos e non estaban tan entregados, ou outros no que o público está máis aberto ao que poida pasar. Si que é certo que nos festivais ás veces ves a grupos de pasada. Igual ao final non irías ver todos os grupos que hai no festival, pero xa que estás aí, vas. Eu querería igualmente tocar en ambos sitios. Nos festivais eu paseimo mellor, porque é certo que hai mellor son. Igual tamén é que están preparados para grupos máis grandes, non do underground como moitas das salas nas que soemos tocar.

ANA: Moitas veces non hai backline, que é unha limitación. Temos que adaptarnos cada vez que tocamos con equis equipo, pero… Depende. A resposta creo que é “Depende”.

Como repartides os roles fora do escenario?

MARTA: Tal vez nós temos unha repartición un pouco atípica porque temos a Ana Beiras, que ten un papel de mánager, pero tamén á vez é a nosa amiga, e transcende un pouco de todo iso.

MAITE: Os cartaces son obra de Martina, que é a que mellor se move co Photoshop… Tamén manexa ela as redes sociais. Todo o que ten que ver coa estética faino Martina. Os textos soen ser de Marta… A todas nos gusta meter man nas labores, porque é así como nos sentimos cómodas. Todas facemos cousas polo proxecto que temos en común. Cada cal o que pode e o que se lle da mellor.

MARTINA: Somos bastante democráticas no sentido de que, obviamente, respéctase a opinión de todas e non é que a opinión dunha tire sobre as demais. É organización. Pero ao final como este é o proxecto que máis nos ilusionou na nosa existencia, se ben antes eran os estudios, saír… Agora o noso tempo o dedicamos a isto.

Credes que a cuestión estética, lonxe da estritamente musical, conta á hora de crear un grupo?

MARTINA: Agora mesmo creo que non es nada se non apareces nas redes sociais. A presentación e a representación. Gústeche máis ou menos. Debes estar aí. Constantemente. E Hickeys debía ter tamén unha imaxe. Non só que souberas a que soa, senón como son e o que aparentan. E non é que teñamos un forte discurso por dentro, pero podes saber o que hai: podes saber que somos rapazas de esquerdas, e que somos novas. Non é que se vexa directamente, pero está aí.

Cando pensamos “Como podemos dicir que música facemos?” dixemos que faciamos glitter-punk. Que non é verdade, porque iso é algo que se facía nos setenta-oitenta, pero que o dixemos porque nos puñamos purpurina, que era unido ao “Hickeys é purpurina”. Fomos unindo conceptos que tiñan unha imaxe forte para que dera unha imaxe final dunha especie de conxunto. Pero ao final segue a ser unha mestura heteroxénea, porque cada unha de nós é moi diferente e iso tamén ten que aparecer reflexado. E tiñamos que aparecer reflexadas todas. Non somos un grupo con front boy, ou unha front woman. Temos que estar todo o tempo presentes as catro.

E o roio dos cartaces si que ás veces é un roio de “Chicas, gústavos máis isto…?” porque eu igual o faría dunha maneira, pero quero que elas estean cómodas. Ás veces dinme que me pasei co rosa. Marta, por exemplo, é moito máis escura ca min en xeral. Non?

MARTA: Si.

MARTINA: Por exemplo, todos os seus cartaces serían negros.

MARTA: É algo similar ao que acabamos de dicir coa música. Ao final a imaxe de Hickeys non somos ningunha de nós individualmente, como a música. Hickeys somos as catro, pero ningunha por separado. Un grupo non é soamente a música que escoitas no teu ordenador, senón a imaxe dende ir a un concerto e ver como se comunican os grupos, as performances, as letras… Eu si creo que temos mensaxe nas letras, pero non entramos en temas políticos. Polo de agora. Pero si creo que todas as letras teñen un fondo, aínda que sexa máis introspectivo. Non poñemos opinións, e falamos de percepcións. E igual que o facemos coas letras, pensamos que se pode facer cunha imaxe, unha selección de cores…

Pódeche interesar...
O Cineclube Pontevedra dedicará os martes de novembro a Akira Kurosawa