Jasper, vocalista de Nao: “Os festivais din que apostan polos grupos en galego pero sempre regatean os cachés”

Fotografías: Celia Eiras

Vai frío paseando pola Estrada, as plantas ao carón da rúa seguen brancas pola xeada da noite anterior. Nunha cafetería agárdame Pablo Carracedo (máis coñecido como Jasper), o vocalista de Nao, a histórica banda galega. Un grupo que tras catorce anos do escenarios retírase. Farán unha despedida multitudinaria xunto a miles de persoas e ata quince convidados.

A entrevista dura pouco menos de corenta minutos dos que falamos da propia historia do grupo, de política e ata da súa profesión de mestre. Jasper fala rápido e non se pensa as respostas. Fala tan rápido que ao rematar de transcribir esta entrevista os meus dedos case botaban lume. O lume que despois de tantos anos se apaga para Nao.

A primeira pregunta ven obrigada polas datas. Fai catro anos anunciades o Apocalipse Nao, unha conta atrás de tres discos e tres pezas audiovisuais para chegar a este final. Cal foi o factor determinante para tomar a decisión?

Non foi un factor único. Eu penso que nos colleu nun momento persoal a todos medianamente complexo e durante moito tempo arrastramos a idea de que algún momento isto remataría, pero non quixemos facelo sen que o grupo funcionara.

Hai que ter en conta o que supón a nivel persoal ter un grupo como Nao, pero decidimos marchar dando o máximo esforzo. O plan era que en 2017 estivera rematado, pero que pasou? Pois que isto medrou moito mais e o grupo tivo moita máis repercusión. Os festivais e o público tolearon e nos vimos inmersos en xiras longas que non nos permitiron facer os discos como nós queriamos. De feito, os dous anteriores xa son maxis que saen xuntos.

Ao final foi unha despedida longa.

Si, si, foi unha despedida que se nos fixo longa. Pero e que a creatividade non flúe sempre, non é como cravar puntas nun taboleiro sabes? Tes que estar inspirado, teñen que pasarche cousas e non queriamos facelo tampouco ás presas. Así que tomamos a decisión de facelo como fora no tempo, non lle puxemos data.

E por que se tomou a decisión de sacar os dous primeiros xuntos?

Basicamente porque se nos xuntaron os tempos. Queriamos gravar un disco longo e Galiza e logo outro en Euskadi. Debido á presión de tantos concertos, non fomos quen de compoñelos, esa foi a realidade.

Ao final vímonos cun grupo de cancións que si estaban pensadas para gravalas en Euskadi. En analóxico, cun son máis cru e máis á vella usanza e tiñamos outros temas para facer aquí que apenas estaban compostos e que practicamente se produciron no estudo. Loxicamente, tamén nos parecía raro darlle á xente un disco curto e logo outro ao ano seguinte. Sacamos os dous para poder ter un núcleo de cancións sólido para escoitar.

E agora sacades Ata que o lume se apague. O lume xa se apagou ou aínda quedan brasas?

O lume vaise apagar no derradeiro concerto! Esa é a idea.

E con que concepto concibides este disco? Esta despedida.

Nós pensamos primeiramente unha triloxía que ía ser Soñar, Crear, Vencer. Soñar porque todas as persoas inconformistas vivimos pensando nun mundo mellor, na utopía constante, pero hai que crear as cousas despois. Iso pódese aplicar a calquera cousa na vida. Ao final rematou sendo Soñar, Crear e Ata que o lume se apague, é dicir, seguimos facéndoo ata que morra. Esa é a filosofía.

Este é un disco de despedida. Unha clase de disco que queres que sexa o mellor da túa historia, non vai haber outro despois. Ademais, queriamos contar moitas cousas. Afortunadamente, tivemos o repouso e o descanso suficiente a nivel de concertos. O ano anterior decidimos apenas tocar para poder compoñer con calma. A todos nos pasaron cousas a nivel persoal e tamén pasaron moitas cousas a nivel político e social que axudaron a que o disco conte o que conta.

Falaches antes do gran desgaste persoal que supón ter un proxecto como Nao, tan profesionalizado pero sen vivir del. Non vivíchedes de Nao porque non puidéchedes ou porque non quixéchedes?

Cando decidimos facer Apocalipse Nao era completamente inviable vivir porque a produtora que tiñamos non era unha produtora profesional e a xente a nivel técnico coas que nos moviamos tampouco o remataban de ser. Incluso ata os propios músicos daquel momento o eran.

Nao a día de hoxe é unha pequena sociedade limitada que da traballo a doce persoas e que poderíamos vivir da música -malvivir claro, pero facelo- tocando soamente en Galiza. Fixemos no último ano 44 concertos dos cales 16 foron festivais e o resto salas. Como mínimo, de aforo tivemos 80 persoas. E non cobramos entradas baratas, que son 10 anticipada e 14 no despacho de billetes.

Este ano xestionáronse moitos cartos. Pero que pasa? Eu son mestre, Gustavo é médico e loxicamente nós xa temos un nivel de vida asociado aos cartos que gañamos dos nosos diferentes traballos. É inviable deixar todo pola música. Se tivéramos 25 anos, Nao non morrería e non traballariamos do que o facemos agora.

Respecto a Apocalipse Nao, por que xorde a idea de fundamentarse sobre pezas audiovisuais?

Un dos motivos de decidir deixalo foi ser protagonistas do noso destino. Non deixar que as cousas quedarán ao azar. Que un marchara da banda, que outros entraran, facer un mal disco e que ao final a xente renegara un pouco.

E iso tamén acontece respecto ás pezas audiovisuais, contar nós a nosa propia historia, que non nos viñera dende fora. Dende os medios de comunicación ou dende diversos foros de Internet porque hai moita xente que nos ten moito cariño e moita outra que non.

Á hora de darlle forma ao noso significado, chegamos a un acordo con Santi J.S. Raimundi, o director, e agora estamos rematando de gravar a última parte que sairá nun DVD con todo o directo do derradeiro concerto. O outro día sacamos un pre-order de cen copias e tivemos que abrir máis ante a gran demanda. Probablemente poñamos 1000 á venda unha vez rematemos. Presentarémolo seguramente en torno a mediados de marzo.

Falando deste gran concerto de despedida, contades cun total de quince colaboracións. pero eu quería falar da que máis me sorprende: Sabela Ramil. Como xorde a relación entre unha concursante de Operación Triunfo con Nao?

E que este mundo é moi pequeno. Nós tocamos en Ourol no Aturuxo Folk Festival que fan alí. Ourol é unha aldea moi pequeniña en medio da Mariña Lucense e que para chegar tes que dar unhas voltas que mete medo.

Este festival organízao a xente da aldea e moita desa xente é familia de Sabela. Ao chegar aí, vimos unha rapaza menuda e moi disposta -moi guapa como se ve ben que é- e realmente era quen cortaba o bacallau. Logo vimos que durante o concerto estaba cantando as cancións en primeira fila.

Sorprendeunos moitísimo cando puxemos a tele e vímola en Operación Triunfo. Nós, que non temos ningún tipo de complexo e que facemos o que nos da a absoluta gana, solicitamos que a xente a apoiara dende o primeiro día. Non somos nada partidarios dese tipo de programas, pero sabiamos que era unha rapaza da nosa xente, das boas e xenerosas. E non nos equivocamos porque durante o programa botoulle a valentía de cantar cancións en galego nunha televisión privada en prime time a nivel estatal e ata na final do concurso cantar unha canción en reintegrado de Marful. É a hostia.

Fai uns meses, decidimos que estaría guai que cantara connosco unha das baladas máis potentes que temos, “Fantaseo”. Veu a propósito dende Madrid polo ensaio e flipamos coa voz que ten. Dáste conta de que cando a xente dedícase exclusivamente a isto colle un gran nivel porque non é que cante ben, é que afina perfecto e posúe un sentimento que quedamos coa boca aberta. Tiven a oportunidade tamén de escoitar algo do seu disco e non me esperaba para nada que se animara a cantar en galego porque ao final está con Universal. Entón non hai nada máis que explicar, é da nosa xente.

Tamén quería falar da propia localización do concerto, Amio. Ben sabes que é un lugar moi relevante na historia da política galega. Ten algún tipo de significación?

Encantounos que cadrara pero non foi buscado. Á hora de buscar o concerto de despedida tivemos un problema para escoller o lugar porque a onde vas? A Capitol? Coas entradas que temos vendidas poderíamos encher xa tres salas así.

Nos tiñamos a ilusión de que isto fora así -porque nunca se sabe, igual vendiamos 400 entradas- polo que decidimos ir a un sitio grande. Pensamos no Multiusos Fontes do Sar, pero non nos recibiron ben. Fixérono con moita podredumbre, cuns prezos altísimos e sen ningún tipo de compromiso porque quen o leva soamente vive do conto e ten unha relación coa cultura de merda. Salvo que esteas totalmente subvencionado, é imposible organizar un concerto alí. Máis que nada porque soamente por alugar o sitio cobran 18.000 euros. Non debe haber concerto que lle funcionara sen que o Concello lle viñera a rescatar detrás.

Nós tiñamos claro que queriamos que fora en Compostela e a produtora Play Plan colleu e tomou a determinación de preguntar en Amio. Acolléronnos cos brazos abertos, cunha relación calidade prezo baixísima e coa disposición plena para o que necesitáramos dende o primeiro día. Atopámonos cun local realmente enorme que imos acoutar para estar moito máis cómodos e en familia. Logo, que nos cadre con esa significación co mundo do nacionalismo pois a min faime gracia e mola. É simpático.

Ao final o voso público é iso non? “Amigos que son familia”. Falaches moitas veces diso, de que estes anos que durou Nao fúchedes creando unha familia.

Os catorce anos ao final resúmense nesta cousa e así vouno dicir no concerto de despedida. Nós fixemos un grupo porque tiñamos inquietudes musicais e creativas, pero tamén políticas e sociais. Foi unha banda feita para crear conciencia e transmitir certas cousas.

Durante todos estes anos fomos creando un vínculo coa xente que foi transformándose nunha gran familia. Non o dicimos por unha cuestión de marketing como penso que o poden dicir outras bandas, realmente asumimos que isto é así. Moitas veces danos a sensación de que somos extraterrestres porque no propio vínculo familiar podes ser o único de esquerdas ou o único con inquedanzas independentistas ou nacionalistas. O resto no mellor dos casos son socialdemócratase se non, fachas.

Eu vivo na Estrada e aínda se fala galego, pero vas a unha cidade e pareces un de fóra falando na lingua propia. A persoa que realmente entende o que é Nao e que o leva dentro do corazón é coma min, non somos extraterrestres, non somos catro marxinais. Somos unha gran tribo que rematamos sendo milleiros. Igual que os somos na manifestación do Nunca Máis, no Día da Patria e nas folgas. Os catorce anos de Nao resúmense niso, na felicidade de ter creado colectividade nun mundo súper individualista e globalizado. Ese é o noso logro, non vender dúas mil entradas para un concerto.

Se nos retrotraemos un pouco, no 2014 gañades o premio Martin Codax na categoría de metal. Nese discurso comparades á TVG co NO-DO.

Acabamos de gañar agora o premio outra vez e llo dedicamos a María Solar e Fátima Dombao que son as dúas directivas da CRTVG que estaban alí presentes. E oxalá estivera o director xeral para dicirlle que é un farsante e un sicario.

A Televisión de Galicia ten un grave problema interno e é que está gobernada por xente afín ao Partido Popular e por unha persoa no núcleo directivo que é do PSOE. Non se deixa ningún tipo de espazo a posicións críticas co goberno. O noso presidente é un Kim Jon-un ao que todo lle sae perfecto.

Cando xorde unha foto del cun narcotraficante filtrada polo propio Partido Popular dende Madrid sae en todas as cadeas menos na nosa. E logo a oposición móstrase sempre como algo dividido que te vai roubar as dúas vacas que tes. Así leva sendo dende Fraga, que era unha persoa moi intelixente. Fascista, pero moi intelixente.

Logo teñen un problema grave de privatización porque están externalizando case todo. Todos os programas da TVG menos os informativos os están a facer produtoras “amigas”. Nós esta semana teriamos que estar no ZigZag, pero e que o programa diríxeo María Solar. E non estamos. A nós se nos veta, a Sés se lle vetou por saír cunha camiseta de Defende a Galega. Se un grupo da entidade que ten Nao na súa despedida non lle fas un programa do ZigZag e non vai á radio tres veces nesa semana, estaos vetando. E falo de Nao, pero podería falar de Ruxe Ruxe, de Dios Ke Te Crew, Ezetaerre e moitos máis. Dos que cantamos cousas.

Fai xa anos, pero a min sorprendeume moito cando publicáchedes a cover de “Vampiros” cos históricos Banda Bassoti. Como xurdiu a relación entre as dúas bandas?

A nosa amizade xurdiu fai moitos anos porque a nosa primeira produtora tiña moita relación con Banda Bassoti. Nos nosos inicios, creo que no terceiro concerto, tivemos a oportunidade de tocar con eles.

Logo Sigaro das veces que viña a Vigo e cadraba con concertos nosos, el sempre dicía que facían falta grupos coma nós. O que te sorprende ao coñecelos é a gran humildade que teñen. Eles dixeron que é unha honra cantar con nós esa canción, cando é o contrario, o é para nós. Cando lles pedimos que fixeran un anaco de letra, para eles era un sacrilexio facer unha letra sobre a canción do gran Zeca Fonso.

É xente coa que nos medramos dende rapaces. Deunos moita mágoa que Sigaro falecera e tamén queriamos que estiveran aquí na despedida para renderlle unha homenaxe.

Noutros medios declaraches que foi no Castañazo Rock de Chantada onde comezáchedes a notar un cambio cualitativo no público, onde a xente comezou a saberse as vosas cancións. Eu non quería falar diso, senón dunha polémica nunha edición posterior na que dende o escenario vos queixáchedes da hora e de que bandas de fóra estiveran antes ca vos.

En Galiza acontece unha cousa significativa que é que os festivais din que apostan polos grupos en galego, pero logo sempre están a regatear os cachés. Iso aconteceu de sempre. Vese tamén en que veñen as produtoras de fóra con grupos máis grandes -e outras veces con grupos non tan grandes- e acaparan os horarios.

A declaración daquel momento foi desafortunada. Non no contido, pero si nas formas. A min parecíame ridículo o que estaba acontecendo porque durante o concerto anterior de Def Con Dos a xente foi facer botellón e quedou aquilo medio baleiro. Nós tocamos logo co recinto ateigado de xente. O camerino compartido entre as bandas acaparárono estes e a organización dinos que non os molestemos. Un pouco ese rollo de “non molestes ao de Madrid”. Subímonos quentes ao escenario porque nos molestou moito, coa circunstancia de que os grupos galegos abríamos e pechabamos mentres que os os outros están nas horas boas.

Dito isto, despois pedinlles desculpas porque non era o lugar onde dicilo e porque realmente tampouco é culpa deles se a nosa produtora dese momento non soubo xestionar iso. Hoxe en día temos por contrato que non tocamos máis tarde da unha da mañá. Hai veces que cedemos nisto porque a organización nolo pide ou porque vemos que non se pode facer doutro xeito, pero tampouco deixamos que nos puteen. E coa produtora que tiñamos andabamos moi puteados.

Iso provocaba que houbera malos rolos e ao final pagárono os do Castañazo que non tiñan que pagar nada, nin moito menos a xente de Chantada. Aí atrás fixemos as paces e por iso tamén regresamos nesta edición. Eles asumiron a culpa do que pasou no camerino que fora o que nos molestara porque nos sentimos desprestixiados.

E cal é, en xeral, a relación entre as bandas reivindicativas galegas e ás de fóra?

Hai unha relación boísima. Aínda que nós non temos unha especial relación coa xente de fóra, non por nada eh? Pero moitas veces non coincidimos ou temos máis feeling coa xente de aquí. Pero con todas as bandas levámonos ben e temos un respecto mutuo.

Por exemplo Zoo tocaba antes que nós no Sonrías e eu estaba ao carón do escenario, o chico -que agora non me lembro do seu nome- se achegou a min a darme un abrazo no medio do concerto e cando comezamos nós, tras ir ao camerino volveu a ver a primeira parte do noso aplaudindo e sorrindo.

Logo tamén nos atopamos con bandas que son reivindicativas, pero que son uns auténticos asquerosos. Xente que non te saúda, que te torce a cara e ten unha prepotencia que non se concibe. Hai unha banda en concreto que non vou nomear coa que coincidimos en moitísimos festivais que na súa vida se lles ocorreu saudarnos. Chegan alí co seu equipo técnico, suben ao escenario con cara de cu, tocan a mesma merda de sempre, baixan e xa. Nós tampouco queriamos acabar sendo así. Por iso unha das razóns de Nao foi deixalo e que a creatividade vaia por outros camiños.

Outro tema importante na vosa carreira, persoalmente considero un antes e un despois, é “Heroes da Resistencia”. Moitas veces falaches de que a escribiches a partir da imputación de Heitor Naia “Koala”.

Si, realmente si, é amigo meu de toda a vida dende rapaz. Cando escribes unha canción podes focalizar nalgo e do que tes dentro, logo xorden un montón de incógnitas. Onte entrevistáronme para unha radio e me falaban que a canción favorita do locutor era esa. Penso que é unha canción que lle gustou a moita xente porque eu canto á rebeldía, esa é a auténtica realidade. E unha persoa de dezaseis anos pode facela súa aínda que non teña enrugas (Risas). E si, eu penseina nas circunstancias que lle pasaron a el, das que máis tarde saíu completamente absolto e sen cargos.

Enganchando con este tema, clamáchedes en moitas ocasións en favor da liberdade de expresión e denunciáchedes diversas condenas a grupos por cantar. Algunha vez tivécheslle medo á Audiencia Nacional?

Non.

Nunca pensáchedes que vos podían imputar?

Si, pero non hai que ter medo. Claro que moitas veces se te pasa iso pola cabeza porque estamos nun Estado fascista. Na Audiencia Nacional eu coñezo a xente que pasou por aí a declarar e te baixan, te sentan ao lado dun yihadista e te din: “Todo o que diga pode ser delito, coidado co que minta que se pode quedar aquí”. Iso pasoulle a Xabier Vence e a Bieito Lobeira, que son políticos que están totalmente en contra da violencia. Pero se o xuíz ten un interese político en que aí te quedes, pois vas quedar.

Poñendo un símil para explicalo, se fumo todos os días de festa e logo me ven un cáncer non me vou queixar. Nós asumimos o noso papel político e social e o que dicimos. Iso non quita que sexamos uns inconscientes como Valtonyc, non lles imos facilitar o traballo. “Son as palabras futuras condeas/ Irei con tino para escollelas” iso cantámolo en “Bonito Funeral” porque sabemos que hai que poñelo difícil. Porque o grave disto é que non saben diferenciar a ficción da realidade.

Por que detiveron a Valtonyc? Explícao perfectamente a miña filla pequena de sete anos. “Ao mellor non entenden que a letra non lle puido saír mellor?”. Igual dixo que a raíña Sofía a chupa nun iate porque non lle daba a cabeza para dicir outra cousa. E iso é condenable? O que pasa é que loxicamente eles ven o poder que ten a música, porque antes isto non o atacaban. Eu lembro gobernadores que eran moito máis fascistas que nestas cousas non se metían, métense estes agora porque ven que se lle pode caer o réxime do 78. Soamente hai que ver a representación nacionalista que hai no congreso e logo tamén Unidas Podemos que dentro que cabe tamén lle poden dar un xiro, ou polo menos teñen supostamente intención de facelo.

Entón consideras que vivimos nun Estado fascista?

Si, completamente, claro. Cando se fala dunha Transición modélica é mentira. Vivimos nunha democracia parlamentaria totalmente corrupta que é filla directa dun réxime fascista. Onde se peneirou a fariña para ver o que sobraba? En ningún lado. O xuíz fascista do Tribunal de Orde Público pasou a ser xuíz na Audiencia Nacional. Xulgouse a algún torturador? Non, Lei de Amnistía para que saíran todos libres.

Aquí na Estrada viviamos con falanxistas que aínda ían con pistolas e que pasearon a veciños nosos, incluso a algún familiar meu. Adolfo Suárez era un falanxista e ao día seguinte era o máis demócrata. Fraga era un Ministro de Franco e transformouse en quen nos trouxo a democracia. Falábao Otegi moi ben aí atrás, se toda esta xente é corrupta e desfalca é porque son herdeiros directos de xente que asasinou, matou, violou e non lle pasou nada, entón por roubar uns millóns que vai pasar? Esa é a mentalidade que teñen.

Na Estrada non houbo un alcalde que tivera a vergoña de quitar os nomes de asasinos fascistas, aquí temos rúas que se chaman Capitán Bernal. E os veciños están contentos, porque tamén temos un núcleo de aborregaos que votan a eses partidos, cando aquí houbo mestres paseados e alcaldes fusilados.

Precisamente ti es mestre. O papel como músico e como mestre son similares en certas cousas?

Non, pero si que se tocan en moitos casos. E si que ás veces teño ese rollo de ir por aí intentando dar clase encima dos escenarios (risas). Si que o que intentas é transmitir e crear conciencia crítica nos dous aspectos, pero son completamente distintos.

Cres que unha situación similar á catalá pode darse en Galicia?

A día de hoxe non, polas propias historias mutuas. Ti ten en conta que alí leva gobernando o nacionalismo moitísimas lexislaturas. Alí a xente síntese orgullosa de falar catalán e aquí a xente sente vergonza de falar galego. Ademais, estes partidos non eran independentistas. Eu lembro ir a manifestacións da PUA (Plataforma per la Unitat d’Acció) no ano 1996 e eramos mil persoas nunha Diada, agora son millóns. Ao final foi o Estado español quen obrigou aos cataláns a ser independentistas facendo que o Estatut fora anticonstitucional e prohibíndolles facer un referendum.

Por último, este é o fin de Jasper na música?

Non, iso nunca. De momento vou descansar pero a mente xa me traballa.

Pódeche interesar...
Godspeed You! Black Emperor a 24 fotogramas por segundo