Music Radar Clan, un reducto musical no YouTube de 2019

A canle Music Radar Clan é toda unha anomalía no YouTube de 2019. Con máis de 150.000 suscriptores a día de hoxe, nos seus vídeos non hai sponsors nin challenges e contan cunha edición pausada e sinxela. Detrás desta canle está Víctor, un oursensán afincado en Barcelona que atopou en YouTube o espazo axeitado para conversar sobre música de todos os xéneros, sen deixarse levar por modas ou prexuizos, e poñendo o foco na historia e no contexto.

O resultado, vídeos de caracter divulgativo que permiten descubrir novos artistas e comprender mellor a música que escoitamos, gañando unha nova apreciación cara ela. Sen lugar a dúbidas, Music Radar Clan supón todo un sopro de aire fresco nun internet no que cada vez resulta máis complicado atopar espazos adicados á cultura co nivel de análise e profundización que atopamos nesta canle.

Como naceu a canle de Music Radar Clan?

Durante algúns anos estivera colaborando con algunha publicación musical pero pensei que era o momento de comezar unha nova etapa. Escribir nunha publicación ten as súas cousas boas, pero tamén ten os seus problemas, coma o conflicto de intereses cos anunciantes ou coa liña editorial. A actualidade é moito máis audiovisual que escrita e pensei que era a liña máis interesante para comezar. O contido cultural en YouTube e nas redes sociais en global é un campo que aínda está comezando.

Esperabas chegar a acadar este nivel de suscriptores con este tipo de vídeos tan divulgativos?

A verdade é que non e sorpréndeme bastante. Sempre pensara que o contido que fago tendería a ser moi minoritario. Cando falo de música falo de cousas bastante concretas coma subxéneros pouco coñecidos para moita xente, productores musicais, metodoloxías das grabacións… sempre pensei que sería algo bastante minoritario de xente á que lle gusta a música dende unha perspectiva moi melómana.

Tamén teño que admitir que os meus vídeos non son os máis profesionais do mundo precisamente. A calidade de imaxe e son é bastante precaria e a miña edición é practicamente nula. En parte é por falta de tempo e en parte tamén porque xa teño unha idade e eu persoalmente satúrome un pouco cos videos de YouTube cheos de edición estridente, ruido e comportamento intenso. Quería apostar por algo máis discreto, tranquilo e humano; que é a antimoda hoxe en YouTube pero é o formato co que me sinto cómodo.

É complicado levar unha canle de YouTube sobre música na era dos filtros de copyright?

É complicado se queres gañar cartos. As discográficas non teñen moitos problemas en que fagas contido musical sempre que sexan elas as que leven os cartos. A maioría da miña canle xera diñeiro que vai para as discográficas, pero un ten que ter clara a perspectiva do seu traballo. A perspectiva debe ser que o que queres transmitir á xente sexa o máis interesante posible, e sempre terás que elexir entre a cantidade dos cartos ou a calidade da canle.

Pero a vida ás veces pode ter ironías maravillosas. Hai pouco tempo contactoume una multinacional discográfica porque quería que lle publicitase un lanzamento musical deste verán. A mesma multinacional que roba e ataca o meu traballo dase de conta que precisa de axuda de xente coma min para que o público vaia mercar un disco. Só por podelos mandar á merda pagou a pena todo ese diñeiro perdido.

Resulta difícil imaxinar os vídeos sen a túa parede de discos detrás.

A música coma formato hoxe non é máis ca un fetiche, e a propia calidade de son non é máis ca outro fetiche. Os vinilos son coma o merchandising do século XXI. É coma mercar camisetas dos artistas que segues ou algo parecido. Aínda queda un tipo de melómano que aposta polo formato físico, pero é unha minoría e hoxe non é máis melómano o que ten discos na casa. Eu é algo que valoro moito, pero non por ser moi melómano, senon por ser un tipo de melómano moi concreto.

Logo temos unha evolución incrible que estase a cometer cos discos históricos. Discos que teñen 30, 40 ou 50 anos comezan a verse coma pezas históricas de valor cultural por riba de pezas musicais.

Acórdaste de cal foi o primeiro disco que compraches?

Sempre me acordo cando volvo a Ourense. Fora o ‘Inuendo’ de Queen en Peggy Records en Ourense. É unha tenda que aínda hoxe segue aberta e que visito tódalas veces que vou a Ourense. É unha sorte e un orgullo cultural para a cidade que unha tenda de discos poda llevar aberta máis de 25 anos.

Que opinas das plataformas de música en streaming?

O streaming é case o único presente da música. É o principal medio de consumo musical da maioría de xente e o único medio de consumo musical da xente nova. O máis interesante é que esta forma de consumo levounos a cuestionar moitas cousas sobre o pago de dereitos, a manipulación das discográficas en radios e revistas ou a facilidade que ten moita xente nova con boas ideas para facer boa música na súa casa.

O curioso é que tamén estanos a amosar novos problemas que xamais puidemos imaxinar, coma a manipulación dos algoritmos nas escoitas e nos éxitos ou a suplantación fraudulenta de artistas aficionados. Existe un problema real en plataformas coma Spotify de persoas que están a subir coma súas pezas que foron feitas por outras persoas, e identificar, combatir e impedir esas prácticas mostrase imposible hoxe. É un campo con moitas luces e sombras.

Hai alguna banda ou músico de Galicia que che marcara especialmente?

Se che digo a verdade, a música do Xabarin Club, e non o digo a coña. Os discos de música do Xabarin Club teñen un valor cultural da nosa música incalculable. Decenas de grandes artistas galegos de tódolos xeneros formaron parte dun proxecto común que acercou a música da nosa terra a toda unha xeración. Neses discos temos a grandes artistas históricos da nosa terra coma Victor Coyote ou Siniestro Total, pero tamén temos grandes nomes da nosa música independente coma Killer Barbies, bandas coma os Herdeiros de Crus ou incluso nomes de rock máis experimental coma os Yellow Pixoliñas. De feito, Yellow Pixoliñas fixeron cousas realmente interesantes.

Hoxe a música da nosa terra segue no máis alto do panorama estatal gracias a Djs coma Eme Dj, que é unha das millores Djs do nos país. Temos bandas coma Triangulo de Amor bizarro que son posiblemente a millor banda de rock en España en moitos anos, pero a xeración de artistas coma Herdeiros de Crus ou Yellow Pixoñiñas é algo especial, porque na súa música defendía os valores culturais e sociais da nosa terra.

Que música estás escoitando últimamente?

Pois coma todo o mundo agora mesmo, Billie Eilish é unha das artistas do momento. O exemplo perfecto de artista que medrou e fixo todo na súa casa. Grace Lightman publicou o mes pasado o seu álbum debut e estouno escoitando bastante estes días. Black Midi, é unha banda de noise rock con influencias do math rock que fixo un dos mellores concertos do Mad Cool este verán e o seu disco e do mellor deste ano.