Verto: “Ao final o que queriamos era facer música que lles fixese bailar aos nosos colegas”

Amara Fontao

Na véspera do lanzamento de Puro Ocio, o primeiro álbum de Verto, charlo cos integrantes do grupo nunha terraza. Sería a derradeira vez que estariamos nun lugar así antes da corentena que estamos a vivir. Pero nós iso aínda non o sabiamos, así que falamos, despreocupados, dos seus temas novos e dos anteriores, sobre o galego na música e na vida, e incluso sobre plans de futuro.

Fer e Berto rin moito, beben té verde e alaban o biscoito que nos deron coa bebida. Días máis tarde, cando xa estamos confinados na casa e as súas cancións amenizan os días da xente, cóntanme por videochamada que a recepción do álbum “foi espectacular”. Entre os comentarios que recibiron: “Sodes o que lle faltaba ao panorama musical galego.”

En 4 meses Oie Gayego tivo miles de reproducións, saístes no Luar e noutros medios, ides sacar un álbum… Esperabades todo isto?

Fer: Eu sempre lle dixen a Berto que sentía que isto o ía petar, porque o produto era moi bo. Iso si, non esperaba ter un álbum preparado tan rápido.

Berto: Iso foi unha quentada. Como vimos que a peña estaba moi a tope cando sacamos Oie Gayego, pois dixemos “agora temos que sacar un álbum”. Xa tiñamos tres ou catro cancións case feitas e pensamos que era posible rematar un álbum en mes e medio. Despois, démonos conta de que era demasiado tute. Os “artistas normais’” pasarían un ano para sete cancións, e nós estivemos mes e medio para sete.

Tiñades algunha presión para sacar o álbum tan rápido?

Fer: Si, pero foi cousa nosa. Porque dixemos que iamos sacar o álbum para estas datas. Tamén, porque queriamos dar o noso primeiro concerto nunha data que lles cadrase ben a todos os nosos colegas, así que tiña que chegar antes dos exames pero o suficientemente tarde para que o puidésemos preparar.

Berto: De todos xeitos, eu quedei moi contento co resultado.

Alba Bernárdez

Este novo álbum segue na liña anterior que tiñades ou é algo diferente?

Fer: É innovador pero tamén mantivemos a traxectoria. Sinto que cada unha das cancións que fixeramos antes pódese identificar cunha das novas deste álbum. Amolecer é para min a canción máis Verto, é a imaxe que eu tiña nun principio do noso grupo, un rollito dos 80, con “sintes”… Esta canción vese reflectida no novo álbum en Sempre Igual, que trata sobre Santiago, e tamén na balada de Mellor así. Por outra banda, Oie Gayego sigue en Dálle ou Pa impresionar. Tamén sigue Rebolando x ti no tema Que va…

Berto: A min gústame moito que cada canción ten un rollo separado das demais, buscamos diferentes sonoridades para cada unha. Todos os temas teñen a súa propia personalidade: hai unha balada, un reggaeton, un latineo, un mambito… Penso que cada canción por separado ten o seu propio selo, son autosuficientes. Non me sentiría mal se sacase como single calquera destas cancións.

Fer: É certo, eu tamén o sinto como un álbum de sete singles. E outra cousa que cambiou con este álbum é que, se din “Verto fai trap”, non me raia. Agora hai moitos máis elementos deste estilo, están os míticos baixos de trap a modo de drop en moitas cancións, por exemplo. Tomamos unha perspectiva máis urbana.

Ao mesmo tempo, tampouco queredes encasillarvos en ningún estilo…

Fer: Sempre te van encasillar.

Berto: Si. De feito, xa nos relacionaban no trap antes do álbum, e iso que Amolecer, Rebolando por ti ou Na de na non teñen nada de trap. A única que é dese estilo é Oie Gayego, e aínda así, todo o mundo dicía que faciamos trap. Orgullo Galego sacou unha lista dos grupos galegos de música e puxéronnos no trap xunto con Boyanka Kostova. Pero está guai.

Como vos coñecestes?

Fer: Dende primeiro de carreira, fomos a primeira persoa que coñecemos ao chegar a aquí. Estaba en clase e de repente pínchame un pavo coa punta do lápiz por detrás e dime “oye creamos un grupo de Whatsapp?”

E do grupo de Whatsapp ao grupo de música…

Fer: Xa ves… Cinco anos despois.

Berto: O grupo nace dunha canción que fixemos en agosto do ano pasado que, se alguén a quere escoitar, estamos preparados para facela pública. Chámase O can esquizo e o grupo era Os Tres Amigos: eu coa guitarra, Fer co piano e Pablo -o noso colega que comezara coa percusión- co caixón.

Fer: A música é do rollo Cupido, que é como traer a Alaska de volta. Os meus versos nesa canción son unha falta de respecto total á cultura galega (risas). (Escoitamos a canción: Entro pola lareira/ Bailando muiñeira.) A foto da carátula fixémola ese día dando un paseo ao can.

Portada d’O can esquizo

Por que Verto?

Fer: Queriamos mesturar Fer e Berto, pero saía Ferto, que soa a peido. E como eu acababa de volver do Erasmus en Portugal e co son do uve pois parecíanos que quedaba guai. E saíu Verto.

Como foi o proceso de creación do álbum?

Fer: Traballamos por ráfagas creativas, que rematan pronto, así que cando nos veñen hai que aproveitalas e meter toda a carne no asador. Lembro unha semana que xusto Berto estaba de viaxe e dérame unha ráfaga creativa da hostia. Desa semana eu saquei ideas para dúas cancións, ademais de completar outras. Sempre que fago un tema imaxínome o contexto no que me gustaría que soase. Dallé sería para berrar nunha discoteca, facer un “pogo’” imaxinaba que sería divertidísimo. Concéntrome moito en compoñer, igual me preguntaba alguén de quedar a tomar algo e eu dicíalles “non, tío, que teño unhas ideazas”… Volvía á casa e estaba até as doce facendo nas cancións e despois mandarlle o que tiña a Berto, e el respondíame co resto da canción feita por el.

Berto: Estaba no aeroporto e faltaban dez minutos para embarcar, pero eu no baño mandándolle ideas a Fer… Foi unha experiencia, a verdade, currar tanto neste álbum. Tamén somos moi obsesivos… Por iso penso que se puido sacar adiante o álbum en mes e medio.

Cales son as vosas referencias?

Fer: Principalmente escoito trap americano, e de aí bebo e saco todas as ideas para a nosa música. As miñas referencias absolutas agora mesmo son Drake, Kaney West e Kendrick Lamar.

Berto: Fer e eu temos o gusto compartido de Drake dende que nos coñecemos. Ten cancións que igual non che din nada, a nivel contido, pero que as escoitas, gústanche e fante feliz, como por exemplo God’s Plan. O noso disco vai por eses tiros, polo concepto de Puro Ocio.

Berto: Nós non falamos de política. Falamos de amor ou de desamor, o típico, pero tamén doutras cousas, do que nos apoiaron os nosos colegas e darlles as grazas por iso…

Fer: Esa é a base de todo, porque nós ao final o que queriamos era facer música que lles fixese bailar aos nosos colegas.

Falando do concepto de Puro Ocio, no tema Dálle hai algúns versos que rompen un pouco con esta idea.

Fer: Si, cargueime a metade do discurso que estamos dando con Puro Ocio coa parte de Non son español, fillo da puta, son galego. Fíxena sen querer, pero sei que é reivindicativa, e é o que hai.

Berto: É que che sae sen querer, porque ao final estamos rodeados de política. Oie Gayego sae de que estás un pouco canso das bromas que vives por falar galego, e ao final é imposible non reflectilo nunha canción. É difícil ser parte dun pobo tan asoballado e que non che saia ningunha canción ou ningunha frase ao respecto. Todo o mundo fala da súa procedencia.

Fer: Tamén, a peña ás veces cre que imos de super reivindicadores da lingua e que sempre o fumos, cando realmente eramos dos rapaces que o ano pasado falaban castelán. Tamén queremos transmitir iso, que quen nos escoita, se fala castelán, para o ano podería estar falando galego.

Alba Bernárdez

Que vos levou a comezar a falar galego habitualmente?

Berto: A min o que me levou a falar galego foi unha convicción, non política, pero si ideolóxica. Sería moi bonito que nos comunicaramos en galego, porque somos un pobo diferenciado e esas cousas. Non tivera a oportunidade de facelo -só falaba galego con meu avó- pero si me sentía identificado con esta lingua.

Fer: Para min foi algo puramente estético. Paréceme unha lingua super bonita e canto máis a falaba, máis “tosco” me parecía falar en castelán. E as cancións tampouco tiveron unha perspectiva ideolóxica. Eu nunca pensei en reivindicar nada nin o sigo pensando agora. Excepto por Dálle. Crear en galego axudoume moitísimo á hora de expresarme en galego e de falar conmigo mesmo en galego. Igual soa moi “intensito”, pero non é até que comezas a pensar en galego e que falas con naturalidade de algo importante con alguén en galego que comezamos a facer música, a facer música en galego.

Berto: Gustaríame que isto servise de precedente para que a xente que está a facer música urbana se anime a facela en galego. Porque non é un impedimento, ao contrario, a peña busca ese produto, está desexosa dun produto ocioso en galego. O límite do idioma realmente non é un límite. Quen carallo entendía “oe tu papa” (Papaoutai)?

Nos singles anteriores ao álbum empregades moitas palabras pouco comúns. Isto cambia nas novas cancións. Por que?

Berto: Ao ser neofalantes, estabamos descubrindo palabras en galego. “Amolecer” era unha palabra que non usaba nin cristo, pero que lin n’A Esmorga, busqueina na RAG e ao día seguinte cando estaba coa melodía da canción intentei metela aí. O mesmo cando descubrín rebolar, por Bola Rebola (Tropkillaz, J. Balvin, Anitta), que busquei nun dicionario de portugués e que é como perrear. Ao principio estaba descubrindo a lingua e tamén as pequenas partes que ninguén coñece, porque ninguén fala un galego normativo, e tamén me gustaba que a xente fose descubrindo palabras con nós.

Fer: E que as usen. Ás veces mal, como despois de darnos dislike, comentar “estádesme a amolecer” (risas).

Berto: Agora xa, ese rollo acabouse.

Que plans de futuro tedes?

Fer: Vacacións creativas.

Berto: Primeiro, escoitar o álbum cando saia e ver a reacción da peña. Tamén imos sacar as camisetas que levamos ao Luar.

Fer: Pasar o coronavirus o mellor que se poida, en casiña e preparar os concertos para o verán.

Berto: Agora mesmo temos unha data provisional, o 7 de maio na Sala Malatesta, pero non sabemos se realmente se vai manter polo tema do coronavirus. Sería o concerto de presentación.

Fer: Intentaremos poñer as entradas ao mellor prezo posible. Tamén nos comprometemos a dar concertos a partir de xullo, que aínda queda lonxe. E, ademais, imos gravar videoclips co tío que nos fai as carátulas.

Que ideas tedes para os videoclips?

Berto: Eu non quero facer os míticos videoclips de culto á personalidade.

Fer: Non fales tan alto porque igual algún deses si que facemos.

Berto: Si, a ver, pero gustaríame que de saír fose algo máis artístico. Para a balada, Mellor así, tiña pensado falar cun par de amigas que son moi boas actrices, para que se expresen como artistas. Por outro lado, non sei se durará moito o grupo, se seguiremos para o ano… Iso nunca se sabe, ten que saír de dentro, se é forzado, non quero seguir cun grupo.

Fer: Aproveito para contar unha “esquizada” que Berto non sabe, e así aproveito para darme publi. Ultimamente ando dentro da música electrónica e teño pensado comezar a producir para pinchar en sitios e así. Facer a miña movida. Non sei que sairá disto, igual dentro de dúas semanas paso do tema, quen sabe.

Berto: Está guapo. Fai bastante bo “technazo” este home.

Se tivésedes que quedar cunha soa das vosas cancións, cal sería?

Fer: Algo que non sexa.

Berto: Sen dúbida.

Fer: É a única canción que realmente dicía algo, de feito tiña medo de que á peña lle parecese demasiado cursi. Foi unha canción que me saíu realmente de dentro. Esa canción víume case feita, Berto fixo case todo e eu só metín o meu verso. Pero solteino todo nese verso. É a única das nosas cancións que agora sigo escoitando cando dou un paseo pola noite e que todavía me transmite cousas.

Pódeche interesar...
Xosé Lois Romero e Aliboria voltan á esencia da tradición con ‘Latexo’