As voces da nova literatura: Onde queda a poesía?

A poesía escrita en galego medrou e experimentou unha serie de cambios moi concretos durante toda a súa existencia. Os miles de versos que se escribiron ao longo de tantos anos que nos preceden, supuxeron un alicerce fundamental para a literatura galega, e a poesía consolidouse como un dos xéneros máis necesarios. Un xénero que iniciou un longo legado histórico que marcaría incluso aos autores e autoras que crean hoxe os poemarios do mañá.

Na actualidade, ese marco contextual favorecedor, deu paso a un ambiente algo máis prexudicial para a poesía, no que muda o centro literario e no que se potencian máis outros xéneros. Isto é, a pesar da gran tradición histórica que leva consigo a esfera poética de Galicia, agora mesmo atopámonos ante unha situación na que unha meirande parte dos poetas senten unha certa relegación por parte de todo o círculo que envolve a industria e o sector. E nesta liña, os datos non ofrecen unha perspectiva moito máis optimista. Segundo o Informe de Literatura do Centro Ramón Piñeiro de Investigación en Humanidades, o número de obras publicadas polas dúas grandes editoriais galegas distan moito en función do xénero, coa narrativa duplicando o xénero poético.

A este feito incuestionable, súmase o que o poeta Antón Blanco considera unha falta de educación na poesía: “é un xénero minoritario pero non porque sexa difícil, senón porque non hai unha educación, non nos forman nunca como lectores de poesía”. Esta afirmación reflíctese á hora de analizar o número de publicacións de literatura infantil e xuvenil. Este tipo de literatura é un dos de maior consumo nas nosas fronteiras, debido á súa obrigatoriedade nos centros de ensino e, polo tanto, dos de maior tirada. No apartado sobre o panorama xeral de publicación do Informe de Literatura do Centro Ramón Piñeiro obsérvase como no caso das obras que van ler os máis pequenos, aqueles que poderían ser esas “voces do futuro”, son só 26 os libros publicados -e dos que non se garante esa obrigatoriedade- mentres que no caso da narrativa chegan a superar cada ano o centenar.

Antón Blanco.

Antón Blanco relaciona esta comparativa co interese de venda que reside nas editoriais, asegurando que a narrativa conta con máis facilidades e que teñen un espazo maior para publicarse nas empresas literarias máis potentes. Segundo a súa experiencia, estas últimas “teñen a poesía moi apartada porque obviamente non é algo que dea cartos. É algo que se publica porque teñen un compromiso”. Esta idea subscríbea Gonzalo Hermo, quen se considera a si mesmo “un deses poetas que se senten discriminados”, pese a experimentar a publicación de ambos xéneros. E precisamente este feito é o que fai que cualifique a poesía como a irmá pequena da narrativa. Tras publicar unha novela, puido observar a atención que se lle presta, o número de vendas e a promoción na que se implican as editoriais en relación coa poesía, asegurando finalmente que “non hai color”.

Deste modo, mantense a crenza de que realmente as editoriais senten certa obriga por publicar poesía en base a ese legado histórico da tradición galega, o que provoca unhas promocións e uns números mínimos. Para Gonzalo Hermo, isto tamén está relacionado co sistema galego, ao que considera ‘amateur’ no caso da produción poética: “as editoras que están publicando poesía non esperan gañar moito diñeiro con elas (…), é unha cuestión vocacional totalmente porque ao sistema non lle interesa a poesía e cando teñen que por toda a carne no asador, póñena pola narrativa, que é a que da máis xogo”.

Outras poetas, como Celia Parra, toman tamén esta idea e relacionan unhas tiraxes máis baixas de obras poéticas cun público moi reducido que dificulta a publicación de poesía por unhas vendas infinitamente menores. No caso de Berta Dávila, a isto súmase o feito de que a narrativa “recibe máis atención de todo tipo, tanto das editoras como dos lectores ou da prensa con respecto á poesía”. Unhas considerables carencias de interese por parte de todos os focos implicados no proceso de publicación, da lugar a unha situación de maior precariedade neste xénero en concreto, tanto para os seus autores como para os lectores nos que realmente reside un latexo potente pola poesía. Un concepto de precariedade do que fala a poeta Lara Dopazo, quen remarca as diferencias existentes tanto a nivel social como de industria entre un e outro xénero e considera que, a pesar de que en todos os ámbitos da literatura existan dificultades para poder vivir desta como única actividade xeradora de beneficios, hai unha complicación engadida á hora de facelo da poesía: “é máis probable que te atopes autores que ao mellor poidan ir tirando do que escriben e das actividades paralelas a partir dos seus libros de narrativa que de poesía, sen dúbida”.

Gonzalo Hermo.

Nesta mesma liña, a poeta Tamara Andrés sinala a ausencia de valor como eixo fundamental da problemática da que falan tantos autores. Desde a súa perspectiva, aquelas figuras literarias que chegaron a darse a coñecer procedendo do eido poético, son aquelas que desenvolveron algunha outra actividade que potenciase a súa propia marca. Dalgún modo, Tamara Andrés comparte ese sentimento que a fai crer que a nosa sociedade ten a poesía moi arraigada, moi dentro. Pero esta certeza báñase na crenza de que resulta moi sinxelo publicar poesía e participar en eventos ou actividades culturais sempre que se manteña o adxectivo “gratuíto”. E esta gratuidade imposibilita -ou canto menos, dificulta- as posibilidades das e dos poetas que pretenden facer do seu gran amor, un oficio que lles permita vivir: “identificamos a poesía como algo que caracteriza ao noso país, á sociedade galega… e ao tempo non temos nin idea do que se produce (…), calquera pode escribir poesía, considérase que polo xeral é fácil e entón non se lle outorga ningún valor. Ao poeta coñéceselle cando gaña un premio, cando adquire visibilidade a través dos galardóns, pero nin sequera se considera unha profesión”.

Non obstante, á hora de falar de complexidade de publicación, non todos os autores senten esa “discriminación” mencionada xa en numerosas ocasións ao longo deste apartado. Para poetas como Ismael Ramos, por exemplo, o panorama literario galego actual ofrece outros factores que inflúen á hora de editar e levar á venda un poemario, polo que non se debería ter en conta unicamente o espazo que se dedica ao xénero poético, claramente minoritario fronte aos grandes ocos que a maior parte das editoriais reservan para obras narrativas: “no caso da poesía existen selos específicos, mentres que non se me ven á cabeza ningunha editorial que publique só narrativa. Podería ser máis complicado publicar poesía porque hai menos lugares, pero no caso galego habería que velo, porque tamén hai moitos premios dedicados aos poetas e non sei se hai tantos para a narrativa”. É dicir, a existencia de elementos de promoción favorecedores como poden ser as editoriais poéticas ou os galardóns, funcionarían como unha especie de compoñente regulador á hora de colocar os diferentes xéneros no mercado.

Isto leva a que ese sentimento de dificultade engadida non sexa experimentado por todo o marco de poetas galegos e subscribe as palabras de Ismael nas que afirma que “á hora de intentar publicar, non sinto que me sexa máis complexo por ser poeta que se fose narrador e penso que se me preguntase a min mesmo cando tiña dezaoito ou dezanove anos e estaba intentando publicar, tería dito que era igual de complicado publicar unha novela que un libro de poemas”.

Celia Parra.

É importante remarcar o feito de que os selos editoriais son empresas, e teñen que desenvolver a súa actividade desde unha perspectiva na que primen as vendas, por esa necesidade de subsistencia tanto da editorial por si mesma, como de todos os traballadores que conseguen que funcione. En moitas ocasións, isto da lugar a que non se publique unicamente o que os editores consideran máis apropiado por motivo de gustos ou riqueza cultural -elementos de carácter claramente subxectivo-, senón que se teña moi en conta e se valore en gran medida a capacidade de venta.

Partindo deste contexto, non resulta excesivamente complicado entender as dificultades ás que se enfrontan os libros de poemas e os seus autores. Estes últimos experimentan sensacións encontradas nas que o legado histórico que eleva á poesía a un dos seus máis grandes logros, non chega a cubrir as súas necesidades actuais. Aínda así, son moitas as voces que converxen nesta nova xeración poética, ávida por atopar o seu espazo entre as dificultades e dotar de versos todos aqueles recunchos nos que aínda parece que só se escoita un murmurio distante.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.