‘Como aprendin a ler’: A bitácora dunha perseverante busca vital

Autor
Agnès Desarthe
Traducción
Moisés R. Barcia
País
Galicia
Ano
2018
Editorial
Rinoceronte
A nosa puntuación
4

Aprender a ler foi para min unha das cousas máis fáciles e máis difíciles. Ocorreu moi rápido, nunhas semanas; pero tamén moi lentamente, ao longo de varios decenios. Agnès Desarthe (París, 1966) tira de recordos e de certa ironía para poñernos cara a cara cos nosos terrores literarios máis ou menos confesables, aqueles que nos descubriron que ler era moito máis que adquirir unha aprendizaxe indispensable para manexarse na vida. O libro, xa publicado na súa lingua orixinal en 2013, chega agora ás librerías do país da man de Rinoceronte Editora con tradución de Moisés Barcia.

A medio camiño entre un ensaio informal e a autobiografía, Como aprendín a ler podería resumirse como a bitácora dunha perseverante busca vital, a do libro perfecto, aquel que cambia non só a nosa posición fronte ao feito de ler en si mesmo, senón con respecto á vida en xeral. A autora remóntase á infancia e a adolescencia, épocas nas que confesa que chegou a aborrecer a lectura, para ilustrar un proceso de autoaceptación no que, ironicamente, o exercicio da escritura xoga un papel fundamental no seu cambio de perspectiva.

Como aprendín a ler é un libro reconfortante para todas aquelas persoas que ao longo da súa vida tiveron unha relación caótica cos códices que habitaban os estantes da casa, que renegaban da lectura obrigada e dos textos canónicos que “hai que ler” e que se entregaron de xeito desigual a unha tarefa mecánica e por veces tediosa que fortuitamente e contra todo pronóstico acabou sendo un pracer. Desarthe consegue desaforgarse en pouco máis dun cento de páxinas e ao mesmo tempo inocular algo de sosego nas nosas heterodoxas mentes lectoras ao descubrirnos que “non pasa nada”. Non pasa nada por non gustarche ese libro imprescindible, por ter preguiza de comezar a ler esoutro ou por deixar a medias aqueloutro que che recomendaron con tanto fervor. Non é difícil identificarse coas pequenas coitas da súa autora na busca do libro axeitado, sirva como exemplo a aversión que manifesta sen pudor cara un dos grandes clásicos da literatura francesa, omnipresente en cada nivel educativo da súa traxectoria.

Ademais de ser un perfecto manual estético para dummies, a achega de Desarthe converte en literaria a proeza dunha lectora irregular que logo pasaría a ser unha recoñecida escritora. Nunha case macabra realización do refraneiro popular, aquel que reza que nunca has de afirmar que non beberás certas augas, a autora reconcíliase consigo mesma nunha catárquica viaxe ao seu eu receptor e da que o lectorado tamén participa cunha empatía case plena.

Como aprendín a ler é unha das novidades imprescindibles do ano literario galego, un ano no que tamén o repertorio de traducións se está a nutrir de títulos interesantes e moi diversos. Pola súa natureza sinxela e familiar, que trata de achegar a reflexión metaliteraria a todo tipo de públicos, é máis que recomendable como lectura amena e diferente para esta época estival.

Pódeche interesar...
Un peixe no parqué: a vida era isto