‘Dentro da literatura’: Un percorrido pola historia, circunstancias e razóns do feito literario

Autor
Suso de Toro
País
Galicia
Ano
2019
Editorial
Xerais
A nosa puntuación
5

Cando es unha eminente autoridade cunha dilatadísima traxectoria dentro do sistema literario que acubilla a túa obra e te chamas Suso de Toro (Santiago de Compostela, 1956) poden suceder dúas cousas cando o teu último libro sae do prelo: que, non sen certa ironía, a ilusión se vexa descompensada con ese fastío que frecuentemente asedia ás figuras autorais de referencia, sinalando cun dedo acusador a súa sona e omnipresencia (coma se iso invalidase calquera indicio de calidade literaria); ou que o consenso sexa unha vez máis xeralizado, cumprindo con todas e cada unha das expectativas que inevitablemente van en paralelo coa túa condición de autor imprescindible da literatura galega. Se, aínda por riba, a túa nova obra leva por título Dentro da literatura, pode darse unha terceira circunstancia: que o ávido lectorado que adoita seguirte dun xeito irregular e moi pouco fiel sinta a máis fervente das curiosidades e acuda a esta novidade en busca de respostas e interesantes reflexións sobre o feito literario.

Honestamente debo admitir que pertenzo a este terceiro e probablemente máis estrafalario grupo receptor, polo tanto, sentín unha chamada especial que me empurrou a facerme rapidamente cun exemplar, aínda considerando que estas liñas, reflexo da inexplicable necesidade de partillar co mundo as miñas impresións respecto á obra, poderían non ser o suficientemente cualificadas ou válidas debido á miña desequilibrada familiaridade co resto do corpus do seu autor. Mais, evidentemente, Dentro da literatura (Xerais) é moito máis ca un libro para incondicionais. E tamén é moito máis ca un ensaio metaliterario que non pode nin debe pasar desapercibido. Porque, entre outras cousas, tamén fala disto.

Resulta case imposible comezar a falar desta obra sen deternos en primeirísimo lugar a comentar o seu formato e coidadísimo deseño. Nunha sorte de neotratado literario que nos fala de lecturas, canons, estilos e figuras de toda clase e condición, a apreciación do libro como obxecto esténdese ao mesmo continente, provocando un indiscutible deleite visual no lectorado mesmo antes de situarse na primeira das súas páxinas. Un traballo realizado con gusto e esmero, froito da asociación da editora Xerais con NUMAX e que evoca a aparencia dos códices antigos.

Como ben anticipa o seu título, Dentro da literatura propón un percorrido informal e non academicista pola historia, circunstancias e razóns do feito literario. Nunha prosa atinadísima e pouco proclive á prolixidade e/ou o pedantismo, Suso de Toro disecciona dun xeito moi íntimo e persoal a relación entre artefactos e receptores sen descoidar aos creadores e creadoras que no transcurso dos séculos lanzaron as súas obras ao mundo, achegando así o ensaio literario a todo tipo de público. Comeza De Toro o seu ensaio cunha nada acomplexada nin elitista consideración sobre as raíces orais da literatura, apelando ao que desa orixe queda noutros soportes cuxo valor literario semella evidente e recordando un dos parlamentos máis celebrados da historia do cine, o que o androide Roy Batty pronuncia pouco antes de morrer no filme Blade Runner, todo un convite a dar co literario e o poético nos lugares máis imprevisibles e brillante inicio dun periplo por veces inesperado e sorprendente.

Nos vinte e sete concisos capítulos dos que consta a obra, o autor aproxímase non sempre de forma ordenada e sistemática a algúns dos máis básicos conceptos e realidades que se relacionan co feito literario (o simbolismo e carácter case máxico da palabra, a repercusión e pervivencia da literatura fóra do seu contexto de produción orixinal, a configuración do canon, o éxito ou fracaso literario, a censura, o compromiso do escritor, a carreira literaria e un longo etcétera). A intencionalidade desta disposición, claramente afastada dos convencionalismos “de manual” e que podería interpretarse tendente ao caos, en realidade amosa a honestidade e espontaneidade dun autor con oficio, experiencia e sabedoría que establece unha fluída conversa introspectiva co eu creador e receptor, capaz de gozar (ou padecer) coa escrita e coa lectura e que busca transmitir as súas vicisitudes ao lectorado, forzosamente curioso e levado por idénticos intereses a estas páxinas metaficcionais.

Dentro da literatura é unha das apostas máis ambiciosas de Xerais no presente ano editorial por motivos máis que obvios. Malia que en certas ocasións, Suso de Toro insiste en que a obra nace dunha encarga e das incertezas provocadas pola mesma, o resultado final dista moito de ser fortuitamente brillante. Nada hai de casual nunhas reflexións sisudas pero ben accesibles para lectorados de calquera clase, nada hai de accidental nunha prosa áxil e desprendida de toda especificidade que induce á meditación sobre todo aquilo que se agocha tras o hábito lector e, por suposto, nada hai de azaroso en que un autor coma Suso de Toro sexa quen de darlle forma a unha proposta así, que nos descobre que a literatura non é unha ciencia: é xustamente unha cousa distinta e pode que a contraria. Expresa o que non entra nunha forma, non cabe nunha categoría e contradí o evidente, escapa da vixilia e conduce aos soños, invoca o oculto, afirma a escuridade.

Pódeche interesar...
O proxecto editorial autoxestionado Saurobuks anuncia un novo libro