‘Instrucións para converterse en fascista’: Como defender a democracia dende a trincheira do humor

Autora
Michela Murgia
Ano
2019
Editorial
Rinoceronte Editora
Our Score
4

Nos últimos tempos, o termo “fascismo” instalouse de novo na nosa fala cotiá arredor da práctica política, xerándose á súa vez un acalorado debate sobre a súa idoneidade para describir os perniciosos riscos ideolóxicos de certos partidos cuxo recente ascenso parlamentar e esgotador protagonismo mediático provocan algo máis que simples receos entre determinados sectores da poboación.

Non é casualidade que neste contexto de medos, incertezas e vellos odios que espertan da súa letarxia, algunhas das novidades editoriais do pasado ano xirasen en torno a esta complexa cuestión, tal é o caso de How fascism works. The Politics of us and them, de Jason Stanley e traducido ao castelán por Laura Ibáñez co título de Facha. Cómo funciona el fascismo y cómo ha entrado en tu vida (Blackie Books), ou a máis breve Fascismo eterno de Umberto Eco, traducida ao galego por Benedict Buono e María Esther Martínez Eiras para Edicións Embora.

Pero de entre todos estes títulos de gran interese para entender o rexurdir do fascismo nunhas sociedades modernas que tenden a mirar por riba do ombreiro ás xeracións anteriores e a cuestionar e infravalorar o seu pasado (con consecuencias ben indesexables), un dos que máis chamou a miña atención foi Instrucións para converterse en fascista de Michela Murgia (Cabras, Sardeña, 1972), traducido do italiano á nosa lingua por Moisés Barcia para Rinoceronte Editora.

A obra de Murgia, que xa non é o seu primeiro título en galego despois de que este mesmo selo editorial dese ao prelo a súa recoñecida novela Acabadora, seduce dende a mesma portada, pois mantén o deseño orixinal de Mauro Biani intacto para a edición galega. Unha presentación coidada que provoca a inmediata curiosidade do lectorado directamente interpelado por Forrest Gump sentado no banco da parada do bus coa súa caixa de bombóns lanzando a seguinte reflexión: “fascista é quen fai cousas fascistas”.

Mais Instrucións para converterse en fascista non queda en mero engado cun título provocador, un deseño insólito e un subtítulo aínda máis incitante. A autora planea a obra como un manual de autoaxuda para rexeitar a democracia, un sistema de goberno irremediablemente defectuoso dende a súa orixe e inútil e mesmo prexudicial para a convivencia para abrazar sen complexos a política fascista, a súa alternativa máis experimentada e máis eficiente, algo que sen lugar a dúbidas redundará nun mellor funcionamento das estruturas do estado.

Michela Murgia impregna de ironía e sarcasmo cada un dos oito capítulos centrais da obra, ao tempo que o lectorado, inmerso por completo na tolemia neofascista que respira dende as novas do telexornal ata as conversas tabernarias, recoñece no seu entorno (e en si mesmo) o cru realismo das consignas e dos consellos que a autora perpetra cun humor case negro. Porén, é precisamente este ton distanciado da solemnidade e da autosuficiencia doutro tipo de achegas á reflexión antifascista o que lle confire ao texto unha maior eficacia á hora de transmitir a súa mensaxe. Son abondosos os exemplos que ilustran este proceso e que buscan as nosas cóxegas, pois todas nalgún momento puidemos ter asumido e interiorizado como propios certos argumentarios grosos e claramente escorados á dereita máis reaccionaria e antidemocrática no que atinxe ao reparto das axudas do estado…

Ao mostrármonos solidarios cos máis necesitados é importante deixar claro que non o facemos con todos os necesitados, senón cos nosos necesitados, e que primeiro son os nosos, e despois, se sobra, os demais; aínda que todos sabemos perfectamente que nunca sobra nada. Cada vez que un deses anciáns recibe dos fascistas unha bolsa da compra, debe saber que o sistema democrático probablemente lle está distribuíndo outras dúas a un estraño. Cada vez que os demócratas intenten dicir que hai que socorrer os desfavorecidos, o fascismo lembrará que os primeiros desfavorecidos son os da casa, e que a política democrática do Terceiro Mundo os abandonou e prefire axudar aos que non pertencen ao noso pobo. Deste xeito quedará claro que os inimigos son tanto os que pretenden que os axuden sen teren dereito a iso como a democracia mesma, que afirma que todo o mundo ten dereito a recibir axuda.

No tocante á memoria histórica…

Que os demócratas contrapoñen mozos valentes a infames violentos? Dicídelles que é fácil xulgar a posteriori, pero que daquela era todo tan confuso que na mesma familia Gramsci estaban tanto Antonio, o irmán partisano, como Mario, o fascista. Que os demócratas organizan conmemoracións para recordar os seus mortos? Presentádevos nos monumentos aos caídos coas vosas coroas de loureiro para lembrar en silencio que as datas nas que doan as fanfarras son un loito nacional, non unha festa, porque os mortos eran todos italianos. Se os demócratas contan todos os horrores do fascismo (e farano), non os desmintades: lembrádelles os seus. Que as asociacións de partisanos lembran o fusilamento de civís nas Fosas Ardeatinas? Vós lembrádeslles os fascistas executados preto de Trieste. E, sobre todo, falade das estradas, das infraestruturas, dos monumentos e dicide: “Tamén fixo cousas boas”. Non subestimedes a pedagoxía dos espazos, pois os espazos fascistas falan de grandeza, de vitoria, de eficiencia e de orgullo, mentres que a democracia só construíu chalés acaroados e rotondas. Quen escoite e vexa, comezará a percibir a fisura no monólito da narración democrática, pero o máximo que vos sucederá a vós será que vos tachen de nostálxicos.

Ou no que atinxe ao feminismo…

As feministas dixéronlles que as tratan coma se fosen inferiores aos homes e que por iso deberían rebelarse contra a submisión? Pois facede que non o vexan como submisión! Evocade as súas avoas e chamádeas matriarcas. Recordádelles os recendos da súa infancia, cando sempre había unha muller na casa removendo a salsa. Lembrade a sabedoría da simplicidade popular, das cousas feitas á man na casa, das nais que sostiveron este país co regalo do seu amor. Dicídelles que pasarlles o ferro ás camisas e ocuparse dos fillos e dos anciáns enfermos non só non as fai inferiores, senón que as fai únicas, dotadas da xenialidade feminina que os homes nunca posuirán. Anunciade medidas de goberno a favor destas actividades, por exemplo, desgravacións fiscais para quen quede na casa coidando dos anciáns, e incentivos á maternidade para quen decida ter fillos. Contádelles ás mulleres que son mellores, e elas, para continuar sentíndose especiais, volverán facer o que rexeitaran mesmo cando teñan a posibilidade de elixir outra cousa: se estudaron, pasarán o ferro; se teñen traballo, deixarano para atender os fillos; se soñaban con emanciparse, casarán. Se os seus maridos atopan o modo de facelas sentir especiais, ningunha muller terá nunca a necesidade de ser igual aos homes.

E podería expoñer máis pasaxes da obra de Murgia, incluso podería desentrañar o “Fascistómetro” que incorpora cara o final da obra, mais cómpre (e merece moito a pena) descubrir todo isto por unha mesma. Como pode apreciarse nos extractos citados, a autora cingue a súa análise ao caso italiano, no que mesmo se acuña o termo e se pon en práctica o fascismo na súa forma máis “pura” (non sería xusto pasar por alto o feito de que os italianos teñen a sorte de poder ser fascistas precisamente no país onde se bautizou o fascismo), mais non custa verse reflectida nas páxinas de Instrucións para converterse en fascista alén das fronteiras da bota.

O clima de elevada crispación política actual e a súa deriva cara posicións extremistas e, si, evidentemente fascistas, serve de pretexto para achegarse a esta obra curiosa, necesaria, moi orixinal e brillantemente irónica na súa disposición argumental. Unha obra que saca as cores, poñendo en evidencia o lado máis retrógrado e involucionista da nosa sociedade actual, e que convida a unha fonda e xa máis seria reflexión sobre o mundo no que vivimos. Porque non, non todo é fascismo, pero o fascismo ten a fantástica capacidade, se non vixiamos constantemente, de contaminalo todo.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.