Libros para a corentena: ‘Long Play’ de Lois Pérez

Un dos obxectivos destas publicacións especiais para a corentena era espir un pouco a miña biblioteca particular e amosar o eclecticismo que (creo que) caracteriza os meus estantes. Porén, nas dúas primeiras tirei moito de clásicos e, aínda que seguramente seguirei profundando neste tipo de literatura (da que habitualmente non falo nestas liñas), paréceme obrigado avanzar un chisco máis no tempo para a terceira destas recomendacións. E que mellor que un pouco de poesía galega actual para levar a cabo este cambio de terzo.

Eu cheguei tarde á lírica. Moi tarde. Non sei se por un proceso propio da idade ou por pura casualidade pero o verso resistiuse durante moitos anos a callar no meu gusto literario. Pasou moito tempo ata que me reencontrei e me reconciliei cun xénero cuxo deosto evidenciaba os prexuízos propios dunha total inmadurez poética (léase esta última palabra co seu significado máis primixenio). O descubrimento da poesía galega dos nosos días xogou un papel fundamental neste reachegamento e Long Play foi unha desas obras capaces de reartellar toda unha cosmovisión arredor do xénero lírico.

Lois Pérez (Lugo, 1979) deu ao prelo Long Play no cada vez máis afastado 2017 baixo o paraugas da editora Xerais e a súa colección de poesía. Un poemario diverso que transcende as barreiras xenéricas e que se apoia nunha expresividade que vai alén da propia palabra poética. Nun sistema no que as publicacións de poesía raramente adoitan chegar ao cento de páxinas, chama a atención que Long Play se aproxime por pouco ás duascentas. Mais isto deixa de ser unha circunstancia rechamante cando te empapas do amor, da vida, da música e da arte que encerran as súas composicións, unhas composicións que se ancoran ao lírico e ao reivindicativo nun perfecto equilibrio e que saben a pouco malia seren certamente numerosas.

Long Play é un deses libros que marcan e que adoitan abandonar a rectitude da estantería para asentarse nas mesiñas de noite coa fin de seren reapropiados pola lectora a cada fugaz intre de lecer previo á busca do descanso. Chega un momento no que todos os poemas che falan a ti e mesmo semella que falan de ti, procurando o abrigo da fina ironía, da delicadeza expresiva ou da tallante contundencia que tan harmoniosamente conviven nas súas estrofas. Long Play é un libro para ler e reler, para apreixalo, para abrilo aleatoriamente e volver saborear esa primeira conmoción, para retomalo unha e outra vez e non deixar de recoñecerse nos seus versos.

Tal foi a impresión que en min provocou esta obra, á que acudo regularmente tamén nestes días de reclusión. Como proba do xenio lírico do seu autor, e xa para ir rematando esta pequena recomendación, deixo a modo de conclusión dous poemas seleccionados deste Long Play para que os gocedes se non tedes a oportunidade de botarlle un ollo á obra en formato fisico. Un deles é Catedral:

Volvo entrar no meu recordo

informe catedral despoxada de tempo

e todo segue igual e distante

observo as formas dos meus medos

espectros fumeantes da nenez

e os desexos vivos coma flores

que xacen no xardín dos ausentes

aos que quero e observo vacilante

esgotando as paisaxes que irisaron

a inocencia dos meus ollos adolescentes.

Axeónllome nos altares do irrepetíbel

que viste de paixón a fría pedra do pasado.

E o outro, O Tráxico Real:

Por entre as paredes deses pisos baleiros

e nos pesadelos de arame da fronteira,

nos discursos falaces que terman enteiros

da nada baldía nos lameiros da bandeira

Das miradas dos anciáns ao seu gastado horizonte

no terríbel San Xoán dos nosos montes queimados

ás linguas sen moeda dos emigrantes sen Caronte

que dende o diván da fría morte saúdan afogados

É o Tráxico Real abondo, o vento de Machado e a vela

sen Camus e sen xornais tan só os Manuais do Odio,

un Censor cara ao Cadalso, unha Panorama en Macondo

e o Máxico Final Ser-Odio do preso que non ve a cela.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.