‘Conversaciones’: O lado máis descoñecido de Marilyn Monroe levado á literatura

Que tería expresado Marilyn no caso de ter a posibilidade de establecer unha conversa con Platón, Aristóteles ou Nietzsche?

Autor
Fernando Mosteiro
Ano
2019
Editorial
Círculo Rojo
Our Score
4

Fernando Mosteiro, santiagués de vinte e seis anos e asistente asiduo a eventos culturais da capital galega, presenta unha análise da actriz a través dunha serie de relatos en castelán, nos que diálogos intimistas e de carácter poético-filosófico actúan como eixe central, afastándose dos estereotipos hollywoodienses aos que nos teñen acostumados cando se trata a súa figura. O autor utiliza como símil nos seus breves escritos mitos como o de Sísifo e Perséfone, e obras como “Fedro” do mesmísimo Platón, para dar voz ás vivencias da actriz.

Y de repente lo vi claro. No fue una aparición fortuita. La mirada lasciva sobre el cuerpo de Marilyn lo explicaba todo. Por pura impotencia, me sobrevino a la cabeza una imagen tan terrorífica como literaria.

Hades y Perséfone. La historia se volvería a repetir y con ello la llegada del invierno perenne a este mundo.

La ausencia de flor y fruto. La muerte de la tierra.

Fernando Mosteiro, Conversaciones, “Capítulo 5: Perséfone”

O libro consta de doce relatos breves acompañados de imaxes que seguen cronoloxicamente a andaina vital de Norma Jean, unha muller intelixente, curiosa, e ante todo, amante das artes en moitas das súas vertentes: cine, pintura, literatura e filosofía.

Marilyn asistiu a clases de literatura na prestixiosa escola Ucla, e na súa biblioteca privada podíamos atopar obras de autores tales como Platón e Aristóteles, así como poetas de excepcional calidade: Walt Whitman, Samuel Beckett, James Joyce, Rafael Alberti e incluso Federico García Lorca. Inspirada por todos eles, ela mesma tamén levaba as súas creacións poéticas ao papel.

Tras superar unha infancia e adolescencia tremendamente difíciles (nas que soportou abandonos familiares e incluso abusos sexuais), a súa espectacular beleza exterior eclipsou ao mundo durante o seu emerxente debut en filmes, revistas e sesións fotográficas, de tal modo que a súa persoa reduciuse simplemente á súa aparencia. Os medios de comunicación ignoraron e incluso silenciaron o seu marabilloso intelecto, a loita polos dereitos humanos que sempre levaba por bandeira, un mundo interior inabarcable e un esmagador talento natural, algo que lle acareou problemas graves de saúde mental, entrando paulatinamente nun vórtice perigoso de drogadicción e alcoholismo.

A obra de Mosteiro, publicada pola editorial española Círculo Rojo, é o reflexo da faceta oculta do gran mito feminino por excelencia e un coidadísimo estudo que mestura biografía e ficción.

En Hollywood páganche mil dólares por un bico e cincuenta centavos pola túa alma.

Marilyn Monroe

Unha lectura amena, aberta a todo tipo de bibliófilos, na que aquel que o lea seguro atopará respostas a cuestións contemporáneas: a capacidade da sociedade e dos medios de xulgar a figura feminina ata o punto da deshumanización, a necesidade de comprensión, de atopar empatía nun mundo de aparencias, do lado escuro do éxito, da soidade tras as cámaras e ante todo, da dualidade “celebridade-persoa” (no seu caso, “Marilyn-Norma”.)

En resumidas contas, Marilyn sabía de primeira man que os likes —aínda que daquela non existían as redes sociais, pero coma se existiran— non lle colmaban cando o día remataba, ela só quería atopar amor, empatía e comprensión.

Todo o que un ser humano precisa para ser, polo menos, un pouquiño máis feliz.

Pódeche interesar...
Poetas galegos son traducidos para a web internacional Asympote