Longo pétalo de mar: Unha historia de Isabel Allende sobre loitas e exilios

Este libro é o xeito no que a autora honrou aos milleiros de persoas que viviron e morreron loitando pola liberdade e o progreso.

Autora
Isabel Allende
Idioma orixinal
Castelán
Ano
2019
Editorial
Plaza & Janes Editores
A nosa puntuación
4

            Longo pétalo de mar é un precioso enredo de personaxes. Personaxes feitos de parolas, pel e ósos. De imaxinación e Historia. As aventuras de todos eles xiran arredor do Winnipeg, o barco que, a iniciativa de Pablo Neruda, trasladou dous mil cincocentos republicanos españois dos campos de concentración franceses a Chile, ese país que o poeta chamou “longo pétalo de mar”. A novela xorde da correspondencia que Isabel Allende intercambiaba con Víctor Pey, un viaxeiro real do Winnipeg, que rematou por protagonizar a obra baixo o nome de Víctor Dalmau pero non chegou a ver publicada.

            Tras loitar na Guerra Civil dende a trincheira, onde exercía de médico, o Víctor literario cruza a fronteira a Francia coa súa cuñada Roser, embarazada do seu sobriño. Casarán para poder pasar por unha familia e exiliarse a Chile. Mais ao chegar descobren que, a diferenza da España Republicana, alí non existía a posibilidade de divorciarse. Refarán a súa vida, pero os caprichos da Historia levaranos de novo a un campo de concentración e a un segundo exilio a Venezuela tras o golpe de Pinochet. Cando Víctor e Roser regresan a España despois da Transición, non recoñecen o país que fora durante a II República, motivo que os leva de volta a Chile. Quizais sexa unha metáfora do exilio dos republicanos que, polo de agora, aínda non volveron ter Patria.

            O Winnipeg non é só unha entrañable anécdota que dá pé a un bo argumento, tamén supón un exercicio de memoria histórica. Ben sabemos que, pese a que a historia oficial se aprende nas escolas, universidades e libros de texto, é das creacións culturais de onde realmente bebe o imaxinario popular. En comparación con outros títulos como A casa dos espíritos ou De amor e de sombra, na última novela de Isabel Allende priman as referencias a acontecementos históricos sobre os máxicos, e marcan definitivamente os tempos do argumento.

            O tratamento histórico da autora revela unha gran documentación previa. A novela ten unha perspectiva progresista, que se demostra coa caracterización dos personaxes “bos” como Víctor, Roser, Neruda ou Salvador Allende, fronte aos “malos”. Malia isto, existen matices e contradicións nos mesmos. Por exemplo Felipe, o burgués de dereitas que axudou aos protagonistas tralo exilio e que explicaba, sen éxito, á súa empregada doméstica que tiña que votar á esquerda porque pertencía á clase traballadora. Tamén cómpre resaltar a fascinación pola derrota que ás veces semella ter a autora. Nunha nube de idealismo e melancolía, nada do que sinala como positivo acada o éxito, e critícase tanto á España franquista, como á Francia liberal -na que existían campos de concentración- ou á Rusia soviética.

            O tratamento do amor é sublime, entendido este como un proceso constante e variable. Tanto Roser como Víctor namoran doutras persoas ao longo das súas vidas, de xeito diferente segundo as etapas que atravesan e as propias peculiaridades persoais. Mentres tanto, ambos protagonistas manteñen unha relación de amizade que finalmente evoluciona nun romance na súa madurez, sen invalidar os amores que viviran antes. Ningunha relación se toma coma o único amor verdadeiro da vida dun personaxe, senón que se sitúa no seu tempo e coas súas particularidades.

            O fío condutor da novela é Pablo Neruda, introducido como personaxe secundario pero que á vez posúe un rol crucial na trama. Os seus versos aparecen ao longo de toda a obra. Trátase dunha mestura de novela histórica, fantástica e romántica, mais distánciase das historias de amor ao uso ao fuxir da máxima do “amor verdadeiro” e outros tópicos estereotipados.

Os personaxes son menos excéntricos ca os doutras novelas da autora, pero teñen unha gran profundidade, que logra por exemplo ao amosarnos a evolución dos protagonistas, aos que acompañamos practicamente ao longo de toda a súa vida. En definitiva, Longo pétalo de mar é o xeito no que a autora honrou aos milleiros de persoas que viviron e morreron loitando pola liberdade e o progreso. En palabras de Neruda, con este libro Isabel Allende “cubríu con flores o sangue”.

Pódeche interesar...
O Irlandés: Por Favor Scorsese, non morras nunca!