‘Natura’: A gran novela distópica galega

Autor
Iolanda Zúñiga
País
Galicia
Ano
2018
Editorial
Xerais
A nosa puntuación
5

Non oculto a miña predilección pola novela distópica. Dende que hai anos lin 1984, que non é a mellor pero si a máis coñecida mostra deste subxénero narrativo (ou polo menos, a primeira coa que se adoita bater), entrei nunha sorte de bucle extasiado que me impulsaba a buscar e devorar calquera outro libro cunha premisa similar. É que a ollada ao futuro, por moi desacougante e desesperanzadora que poida chegar a ser, sempre resulta fascinante, tanto como esa curiosidade que te leva a seguir mirando algo que desagrada aínda que por outra banda queiras apartar a vista. A posibilidade non sempre ficticia de que o futuro acabe sendo moito peor do que alcanzamos a imaxinar incomoda e crea unha sensación de desasosego existencial que case non nos deixa durmir, pero con todo queremos saber máis, o cal tamén permite elaborar un relato propio acerca do presente bastante fiable. E niso nunca lle faltou razón á distopía, coa súa satirizada e deturpada visión do que podería estar por vir: o noso momento actual está corrupto, ameazado e en constante risco de implosión.

Por iso Natura, a última novela de Iolanda Zúñiga (Vigo, 1975) editada por Galaxia, era unha lectura que non podía pasar por alto e á que me acheguei con todo o entusiasmo. Unha nova ollada ao futuro que abre múltiples interrogantes sobre o noso momento actual pero non unha máis nun xénero fértil en achegas narrativas sobresaíntes. Natura é un deses libros que enganchan, que hipnotizan, que te mergullan na súa incerta e incómoda atmosfera, que non esqueces nunca, dos que subliñas polo menos unha frase en cada parágrafo e dos que corres a falarlle a quen teñas preto, desexando que os goce e os sinta do mesmo xeito ca ti.

Zúñiga abre a súa obra cun primeiro capítulo soberbio no que se tece unha das descricións máis vívidas e líricas do desastre e do páramo post-apocalíptico que tiven a oportunidade de ler. Despois desta primeira estación, punto de partida común para as dúas opcións de lectura que se propoñen no índice final para este relato antiutópico, xa non hai volta atrás. O que comeza como unha viaxe cara o último reduto edénico que queda nun planeta devastado e ermo remata nunha loita pola supervivencia dun individuo alienado fronte á máquina e o fanatismo. E malia que se intúe a derrota do suxeito que nos transporta a este mundo indesexable e reducido á insignificancia material e moral (moi intelixentemente construído arredor dunha primeira persoa innominada) agroma a esperanza nun incauto lectorado cativado por unha prosa impregnada de suspense e incertezas que se manteñen intactas ata a última páxina.

O abafante mundo de Natura retrotráenos a Margaret Atwood ou Cormac McCarthy (non en van, unha das citas que precede ao inicio da novela pertence a The Road, obra deste último) pero sen que iso nos faga infravalorar a contribución orixinal da súa autora a un imaxinario futurista sumamente interesante e no que o feminino adquire unha relevancia non sempre frecuente neste tipo de literatura. A supresión das vontades propias, a represión dos desexos e lembranzas individuais, a utilización dos seus corpos e o seu sometemento físico e mental ao sistema son algúns dos problemas aos que se enfrontan as mulleres neste peculiar brave new world, así bautizado por Huxley noutra das máis coñecidas novelas do xénero, con múltiples capas de opresión e segregación que Zúñiga explora cunha sensibilidade e un pulso narrativo formidables.

Moi merecidamente seleccionada como candidata á mellor obra narrativa na próxima Gala do Libro Galego (na que compite con outras grandes novidades do pasado ano editorial como Besta do seu sangue de Emma Pedreira ou Bonus Track de Rosalía Fernández Rial), Natura é unha desas novelas que non hai que perder e que están chamadas a converterse en clásicos contemporáneos das nosas letras. Sen medo a equivocarme, direi que estamos ante a gran novela distópica galega. Non cabe dúbida de que Iolanda Zúñiga é unha das voces máis interesantes da literatura actual, un talento incontestable que en Natura acada o seu summum e que abre novas e moi interesantes vías para a novela galega. Máis que recomendable, unha nova obra mestra para a nosa literatura.

Pódeche interesar...
Un peixe no parqué: a vida era isto