Un peixe no parqué: a vida era isto

Ramón Vilar trae consigo unha das lecturas ineludibles do ano e unha interesante demostración da viveza e perspicacia narrativas.

Autor
Ramón Vilar Landeira
País
Galicia
Ano
2019
Editorial
Xerais
A nosa puntuación
4

Cando Ramón Vilar Landeira (Rodís, Cerceda, 1973) publicou en 2014 o seu libro de relatos Os televisores estrábicos e se converteu nun dos grandes súper vendas daquel ano editorial galego, fomos moitas as que recibimos con todo o entusiasmo aquel estilo narrativo desenfadado pero delicado ao tempo que agardamos con devezo unha nova mostra do seu enxeño tecedor de historias breves pero agudas e sagaces. Un peixe no parqué chega cinco anos despois daquela obra, unha vez máis da man de Xerais, e disposta a seguir completando un ciclo de obsesións, desvelos e manías cotiás que tan ben reflicten o tolo mundo que nos rodea e que resultan especialmente recoñecibles para o seu público de proximidade (entre o que evidentemente me inclúo).

Vilar Landeira asume novos riscos e precipita a súa prosa ao baleiro da mestura xenérica máis heterodoxa sen perder un ápice de coherencia. O equilibrio desta proposta a medio camiño entre unha escolma de relatos curtos e unha novela plenamente formada reside nun fío condutor en aparencia fráxil pero en realidade moi intelixentemente sutil que engarza dun xeito meritorio a memorabilia rutineira do seu autor, convertendo o banal, o vulgar e o insubstancial nunha moi digna ars poetica.

Máis ca un reflexo, Un peixe no parqué resulta nun debuxo anatómico desa condición humana tan polimorfa en función da autoridade que ouse diseccionala. A visión do noso autor semella desencantada e decepcionada, o cal non impide que ofreza un retrato irónico e humorístico da mesma co que o lectorado poida esbozar un sorriso agrilloado ao achegarse ás súas páxinas, achando en nós mesmas o desengano e o desconcerto propios dun primeiro mundo contraditorio e abafante do que non queda máis que rir por non chorar. Este xogo coa nosa por veces delirante realidade non era alleo á obra anterior de Vilar Landeira, mais Un peixe no parqué proporciona novos elementos cos que examinar o patetismo dunha vida diaria cuxos maiores fitos probablemente fican en exceso sobrevalorados.

Na súa particular viaxe ás entrañas do común, Ramón Vilar Landeira non descoida o suxestivo ao tempo que realza o sinxelo, sendo esta case con total seguridade a maior virtude literaria dun autor que xa non precisa presentación e que consegue abraiar e innovar nun xénero en principio pouco dado a unha experimentación que redunde nun éxito. Por todo isto, Un peixe no parqué é unha das lecturas ineludibles do presente ano editorial e unha máis que interesante demostración da viveza e a perspicacia narrativas do seu autor, un atlas de vidas en combustión, de faíscas acesas debaixo da borralla ao que realmente merece a pena achegarse.