'Memoria do silencio': Heroínas do cotián, nazis e licor café

Autora
Eva Mejuto
País
Galicia
Ano
2019
Editorial
Xerais
A nosa puntuación
3
En novembro do ano pasado, déronse a coñecer os resultados dunha enquisa que amosaban o ascendente descoñecemento que as novas xeracións europeas posuían acerca do Holocausto e a Segunda Guerra Mundial. Máis ou menos un tercio da poboación europea máis nova aseguraba ter un coñecemento escaso ou nulo sobre este terrible capítulo da historia. Un dato desacougante pero moi revelador que, para min, desautoriza por enteiro os argumentos dos que se preguntan a cotío “para que outro documental, outro libro, outra serie ou outra película sobre a barbarie nazi?”. Á luz destes feitos, considero que aínda non hai suficientes manifestacións artísticas que nos enfronten coas pantasmas do pasado máis escuro do continente que habitamos, esas que por moito que se ignoren (ou se neguen) seguen aí e cuxas consecuencias seguimos padecendo aínda a día de hoxe (mención aparte merecería o caso do estado español, no que as palabras “memoria” e “histórica” só son inofensivas cando non forman parte do mesmo sintagma…).
Por iso me aleda especialmente que unha das principais novidades do catálogo de literatura xuvenil de Xerais para este ano sexa unha novela sobre o Holocausto e a Segunda Guerra Mundial (e non só). Eva Mejuto (Sanxenxo, 1975), cuxa primeira novela 22 Segundos (tamén publicada na colección Fóra de Xogo de Xerais) xa gozara de certa sona, achega agora a rapazada a unha heroica historia de solidariedade e afouteza en tempos de guerra con Memoria do silencio.
A nova proposta de Mejuto para o público adolescente trasládanos á Galicia da posguerra, concretamente á Ribadavia de 1943, na que as miserias provocadas pola guerra civil que vén de rematar se mesturan coas intrigas propiciadas pola intensa guerra que aínda devasta os países veciños. Nun territorio conquistado polo fascismo e que se di neutral ante as inxerencias do totalitarismo nazi, tres irmás solteiras que rexentan un quiosco na estación de tren (e especialmente populares pola calidade do seu licor café) néganse a mirar cara outro lado e axudan aos refuxiados chegados de todas partes de Europa a escapar do exterminio racial, conducíndoos baixo identidades falsas á fronteira con Portugal. Mejuto obtén o máximo rendemento narrativo duns feitos reais, ata agora descoñecidos para o gran público, e polos que as súas propias protagonistas rexeitaron en vida o (por outro lado, moi xusto) título de heroínas.
Memoria do silencio devolve á actualidade a crueldade dunha contenda que marcou para sempre o devir político e social do continente, que por incrible que poida parecer tamén pasou por Galicia, e que corre o risco de caer no baleiro do esquecemento. Pero, sobre todo, outorga o seu merecido lugar na historia á extraordinaria fazaña das irmás Lola, Xulia e Amparo Touza, xentes do común, mulleres normais capaces dunha gran proeza nuns anos especialmente adversos: salvar a vida de aproximadamente cincocentas persoas. Un relato sobre heroínas cotiás desprendido de todo revestimento épico que nos retrotrae a algunhas das máis famosas achegas culturais (especialmente cinematográficas) que trataron este mesmo episodio bélico. Con todo, e aínda que a prioridade da autora é poñer en valor a xesta destas irmás, hai cabida para outras perspectivas e puntos de vista tamén focalizados no lado máis humano do conflito (para ben e para mal), a fin de axudar ao lectorado máis novo na reconstrución dun enfrontamento con múltiples implicacións. Os personaxes de Günther e Frieda poñen voz e rostro a opresores e oprimidos, verdugos e vítimas, respectivamente. Todos os caracteres artellan o seu propio discurso, o que permite unha identificación case plena cos mesmos e coas súas circunstancias, incluso con aqueles que ao amparo dunhas ideas perversas tornaron en monstros para a historia.
Eva Mejuto tece unha narración sólida, coherente e clara cun evidente propósito didáctico e divulgador, mergullando á rapazada nun contexto histórico que non por alleo debe deixala indiferente. Talvez dende o prisma da nosa contemporaneidade e dun probable coñecemento que algunhas aínda conservamos e alimentamos día a día, sexa posible percibir un halo de certeza e seguridade na exposición, cunha escasa marxe para as sorpresas. Mesmo poderiamos ser capaces de anticipar un xiro final que evoca por momentos algunhas das máis celebradas e sobresaíntes ficcións xa existentes sobre un tema que acabou gozando de certa autonomía xenérica, tanto no feito literario como no cinematográfico. Mais todos estes aspectos que poderían entenderse como desvantaxes dilúense na necesidade de contar e valorizar esta historia de supervivencia e valentía contra as atrocidades da guerra, especialmente se temos en conta que esta pode ser unha das primeirísimas lecturas sobre a Segunda Guerra Mundial ás que se enfronte o seu potencial lectorado. E cómpre recoñecer o esforzo da autora por mover e conmover á mocidade cunha mensaxe de cambio a través da dura pero emocionante historia das que non se renderon e loitaron por un mundo mellor, tamén para as vindeiras xeracións.
Xa para rematar, Memoria do silencio é unha máis que correcta aproximación ao eido cotián dos desastres da guerra que enxalza e reivindica a forza do individuo fronte á irracionalidade e a tiranía. Unha obra con mensaxe, desas que nunca deixarán de ser necesarias, dirixida a unha mocidade cuxa indiferenza non nos podemos permitir. O legado humano das irmás Touza revive nas páxinas de Eva Mejuto co obxectivo de concienciar aos máis novos amosando o lado máis descoñecido e insólito dunha guerra que tamén estivo entre nós, con anecdotario incluído (véxase a referencia á morte do actor Leslie Howard fronte á costa de Cedeira) e lembrando unha vez máis que non debemos dar nunca por sentada e eterna unha liberdade que en Memoria do silencio cheira a follas de carballo e a piñeiro, e a terra mollada polo orballo.
Pódeche interesar...
Da Galia a Gilead: dez títulos para gozar da literatura traducida ao galego