Memorias e versos á intemperie: Xela e as páxinas que a celebran

Unha vez máis e van (só) cinco, as letras galegas festéxanse en feminino. Foron moitas as ocasións nas que se reivindicou a rebeldía e a personalidade de Xela Arias (1962-2003) como achegas fundamentais á historia da literatura galega contemporánea e, polo tanto, como merecedoras deste recoñecemento. Mais esta reivindicación non obtivo os seus anhelados froitos ata este ano 2021 no que todo mudou. Hoxe a Xela poeta, a Xela editora e a Xela tradutora forman parte do imaxinario canónico das nosas letras e, como tal, son obxecto de novas lecturas e relecturas.

E precisamente nun ano coma este, no que se verte luz sobre a figura dunha creadora tan extraordinaria, transgresora e polifacética, contamos con moitas e moi diferentes contribucións que nos permiten contemplar a súa traxectoria dende diversos prismas, tan única e desprendida de marco xeracional. Velaquí un pequeno repaso pola inxente cantidade de novidades cuxas páxinas celebran a Xela.

Reedicións e edicións conmemorativas

Xela Arias publicou en vida catro poemarios que a converteron nunha das voces líricas de referencia na nosa literatura: Denuncia do equilibrio (1986), Tigres coma cabalos (1990), Darío a diario (1996) e Intempériome (2003). Precisamente co obxectivo de render tributo ao xenio poético da escritora sarriá, Xerais volveu publicar o seu debut no verso, Denuncia do equilibrio, e a súa iconoclasta ollada á maternidade, Darío a diario, en edicións cuxo coidado e esmero buscan capturar o espírito da ocasión (non en van, a segunda destas obras conta cun limiar a cargo de Berta Dávila e ilustracións de Iván R.).

Tamén Intempériome, que no seu momento saíra do prelo da man do selo Espiral Maior, se incorpora ao catálogo de Xerais cunha edición de luxo que inclúe a propia obra, un caderno de notas e un CD coa gravación dos poemas na voz de Xela Arias acompañada dos músicos Pablo Carrera, Macarena Montesinos e Elena Vázquez (dirixidos por Fernando Abreu).

Escolmas e obras completas

En 2019, a obra poética completa de Xela Arias foi compilada no volume Poesía reunida (1982-2004) (Xerais), unha obra imprescindible que recolle a traxectoria lírica da autora, abranguendo tamén aquelas composicións máis dispersas que ou ben ficaban repartidas entre distintas publicacións periódicas, ou ben foran concibidas para outras ocasións non necesariamente literarias. Este volume tamén incorpora un impecable estudo preliminar a cargo da editora María Xesús Nogueira Pereira, unha das máis recoñecidas investigadoras da poesía galega contemporánea.

Sendo esta a publicación máis completa sobre a Xela poeta, calquera outra proposta recompilatoria podería parecer insuficiente ou escasa ao carón da mesma. Porén, se unha bate coa escolma De certo, a vida ía en serio (con María Xesús Nogueira Pereira tamén á fronte), esta idea preconcibida cae polo seu propio peso. A editora Chan da Pólvora promove esta nova e moi interesante selección da obra lírica de Xela Arias na que os textos poéticos adquiren tanta importancia coma as “contornas” e as “(auto)rreferencias” (nestas últimas, anéxanse unha presa de declaracións, artigos e poemas autorreflexivos que reencontran ao lectorado co pensamento da autora).

Outra das antoloxías que cómpre ter en conta é a coordinada por Daniel Chapela, que leva por título Xela Arias. Poeta nas marxes (O arquivo das trasnas), unha antoloxía na que non só podemos volver aproximarnos á súa obra lírica coñecida senón que tamén podemos coñecer un pouco mellor á homenaxeada poeta grazas ás colaboracións de Ana Romaní, Manuel Bragado ou Susana Trigo, que versan sobre as distintas vertentes da singularidade creadora de Arias.

Traducións e unha obra inédita

Como tradutora, a contribución de Xela Arias á ampliación repertorial de obras doutras literaturas vertidas ao galego foi importantísima. Grazas ao seu traballo puidemos ler na nosa lingua as obras de figuras autorais tan destacadas coma Roald Dahl (As Bruxas, 1989), James Joyce (Dublineses, 1990), James Fenimore Cooper (O derradeiro dos mohicanos, 1993), Bram Stoker (Drácula, 2000) ou Angela Carter (Venus Negra, 2001), sendo tamén decisiva a súa achega á equipa que traduciu o Quixote de Cervantes ao galego en 1990. Edicións Laiovento é unha das editoras que este ano decidiu recuperar e poñer en valor os méritos da Xela tradutora publicando por primeira vez en formato físico a súa versión en galego de O spleen de París (Pequenos poemas en prosa) de Charles Baudelaire, unha tradución que a fixo gañadora a título póstumo do Premio de Tradución Plácido Castro en 2004 e que, como ben se lembra no breve prólogo desta edición revisada e anotada por Xesús González Gómez, conecta a “dous poetas mortos en plena madureza creativa”.

Se ben a súa tradución dos versos de Baudelaire non ficaba totalmente inédita (pois podía e aínda pode consultarse en Bivir, a Biblioteca Virtual de Literatura Universal en Galego), a outra achega editorial que pasamos a comentar si permanecía totalmente esquecida e silenciada. Non te amola!, a primeira e única contribución de Xela Arias ao xénero narrativo, ve agora a luz da man de Galaxia e con ilustracións de Luz Beloso co obxectivo de dar a coñecer unha faceta completamente ignota da autora, que tamén chegou a imaxinar mundos literarios para as máis cativas. Como único “pero” (e sendo sempre a publicación dun inédito un acontecemento editorial de gran altura), bótase un pouco en falta algún tipo de alusión ao proceso de recuperación e actualización do texto, necesidade que si se atopa cuberta en parte na edición conmemorativa e de acceso aberto en liña que o Consello da Cultura Galega levou a cabo desta mesma obra (cun estudo preliminar a cargo de Ana Iglesias e ilustracións de Bea Gregores).

Biografías e un diálogo interartístico

Como era de esperar, os retratos vitais de Xela Arias inundan agora os andeis das librarías e a oferta de relatos biográficos é do máis diversa. Por unha banda, podemos achar biografías máis adultas e minuciosas, das cales serven como exemplos Intempestiva. Unha biografía (literaria) de Xela Arias de Montse Pena Presas (Galaxia), Xela Arias, poeta e tradutora de Anxo Xoán Rajó Pazó (Ir Indo) ou a aínda pendente de publicación Xela Arias: os territorios da liberdade de María Xesús Nogueira (Xerais). E, por outra banda, tamén contamos con algunhas crónicas de vida e traxectoria máis pensadas para o público infantil e xuvenil como Xela quixo ser ela. Biografía de Xela Arias de Yolanda Castaño (Xerais) ou Liberdade, solidariedade e amor pola lingua. Pequena biografía de Xela Arias de Polo correo do vento e con ilustracións de Tania Solla (Lela Edicións).

Mais a medio camiño entre a biografía, o poemario, o álbum ilustrado e todo o demais atópase a última das publicacións a recoller nestas liñas e que é, sen dúbida algunha, unha das propostas de homenaxe máis orixinais e insólitas de cantas podemos ler no ano de Xela Arias. Trátase de XelArias. Palabra á intemperie de Emma Pedreira con ilustracións de Laura Romero (Baía Edicións), un achegamento heterodoxo e desenfadado á figura da poeta que se concibe como un diálogo aberto entre distintas formas de entender a arte e a creatividade e que busca involucrar dun xeito directo e activo ao lectorado (mesmo convidándoo a reescribir sobre o propio volume ou a recortar e volver pegar anacos das súas páxinas).

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.