Mirror, o labirinto que temos nas entrañas

Creadoras
Emma Ríos, Hwei Lim
País
Galicia
Ano
2017/2019
Editorial
Astiberri
A nosa puntuación
5

É moi difícil describir “Mirror”. Por un lado, é un cómic debuxado de forma poética, coas fermosas acuarelas da debuxante malaia Hwei-Lim; e por outro lado narrado cunha sutileza e un agarimo patente pola desta volta (aínda que ambas relatan que o traballo foi moi colectivo, coas dúas traballando nas dúas funcións) guionista Emma Ríos. A galega guíanos nunha aventura dentro dun universo apaixonante, que se nos vai amosando aos poucos, fuxindo do world-building enciclopédico clásico, e facendo que o lector teña que traballar para ir compoñendo as pezas do mundo que estamos a ver.

“Mirror” son dous cómics, ambos editados por Astiberri, o primeiro, “O reflexo da montaña” saíu en 2017, mentres o segundo, “O niño”, fai apenas un par de meses.  Neles cóntasenos a historia  dunha pequena colonia humana nun asteroide, onde hai un conflito de carácter racial entre os humanos colonizadores e unha serie de animais alterados xeneticamente, que se comportan como persoas, coma se estivésemos nunha especie de illa do Dr Moreau espacial.

O universo é moi orixinal, e domínao unha maxia difícil de catalogar, da que non sabemos as regras, pero que ao mesmo tempo ten certo carácter cientifista. A historia ten dimensións galácticas, mais a narración céntrase na pequena colonia, escalando os feitos rapidamente, onde os pasos adiante resolven aspectos narrativos pero ao mesmo tempo formulan cuestións filosóficas, que nos levan do xigantesco e transcendental cara o máis íntimo viñeta a viñeta.

A trama, debido a unha concepción máis artística que narrativa das ilustracións, pode resultar confusa ás veces, xa que tamén vai acompañada dunha patente complexidade, mais isto enriquece o relato, que mistura tempos narrativos ao tempo que presenta novos conceptos, novas características do universo, a ritmo vertixinoso. O mundo amósase de dentro a fóra, onde o peso e accións da propia historia vainos a ir descubrindo o variado e intricado que é, nunha evolución orgánica, engadindo capas de profundidade sucesivas, estrutura que se mantén nos dous tomos, xa que aínda que o punto de vista e os protagonistas cambian, seguimos aumentando o coñecemento do universo onde o deixáramos no primeiro tomo, chegando a coñecer a cosmoloxía que ten, ambigua e inspiradora.

O esqueleto narrativo non é directo, senón que vai xirando cara un e outros personaxes e así tamén o fan os temas que se tratan. O cómic fala de maneira clara da cuestión da identidade, sobre o que nos fai ser unha ou outra cousa, se a creamos nós ou nos ven dada, e se o que sexamos ten (ou debe ter) algunha incidencia real nas relacións sociais que se establecen entre semellantes. O primeiro tomo fala claramente sobre cuestións raciais, buscando esa cousa ou sentimento que nos fai ser ou non humanos. Cabe destacar que o cómic non ofrece resposta, senón que máis ben fai unha invitación á reflexión, compoñendo uns personaxes cunha escala de grises tan ampla, que non chegas a saber se son bos ou malos, e tan só os podes cualificar como “humanos”, sexan animais, deuses ou entidades máxicas.

O segundo tomo colle outros derroteiros, convertido unha fábula nunha epopea espacial, onde os temas xiran arredor da madurez, do rexeitamento ou da responsabilidade. A historia non estaba na colonia, senón no propio asteroide. A liña da trama é máis clara, nunha especie de viaxe da heroína desestruturada, que amplía os horizontes do primeiro tomo tanto cara o pasado como cara o futuro

“Mirror” non é complexo, é difícil. Pero tan satisfactorio e máxico que vale moitísimo a pena. Porque aquí só vos falei da historia, pero que debuxo ten. Abrumador pola súa beleza, que vai perfectamente coa historia e compón un relato fantástico tan xigantesco que a relectura é case obrigatoria. Unha historia espida e desarraigada sobre a identidade, imbuída nun universo fascinante.

Pódeche interesar...
David Benioff e D.B. Weiss, creadores de Xogo de Tronos, abandonan a saga de Star Wars