'Música de merda', gustos de merda

Autor
Carl Wilson
Traducción
Carles Andreu
País
España (Inglaterra)
Ano
2018 (Edición española)
Editorial
Blackie Books
A nosa puntuación
4

Don’t try to take me to a disco
You’ll never even get me out on the floor
In ten minutes I’ll be late for the door
I like that old time rock ‘n’ roll

Bob Seger, Old Time Rock and Roll.

No idioma inglés hai unha expresión -unha de tantas importadas ás nosas terras- coñecida como guilty pleasure, ou “pracer culpábel”: en poucas palabras, refírese ó noso gusto por certos produtos culturais (música, películas, libros…) cuxa asociación en público daríanos vergoña admitir. A expresión actúa ademais coma unha xustificación, aducindo o carácter extraordinario das circunstancias polas cales gústanos determinadas merdas.
Porque pracer culpábel indica (oh, sorpresa!) culpabilidade, desviación da norma, descoido. Gústache algo que non debería de ser do teu agrado, e iso hai que matizalo, xa que ti tes bo gusto, non si? Ti es unha cinéfila sobresaínte, coas filmografías de Buñuel e Korine analizadas, e se ves a saga de Resident Evil de cando en cando é porque unha ten as súas debilidades. Ou ti, rapaz amante dos Strokes e Velvet Undreground, que tes sentimentos contraditorios cando queimas tarima ó ritmo de Bad Bunny os sábados. Si, ti. Non te fagas o parvo, que isto tamén che interesa.
Quen decide o que é bo? Que mecanismos (hai quen prefire chamalos prexuízos) conforman o canon do aceptábel? Baixo que criterios enviamos obras cara ás fauces de Moloch? Son cuestións que afondan nos recunchos da cultura contemporánea, dun mercado globalizado e alimentado con tendencias e contradicións de todo tipo. Pero tamén nos nosos hábitos coma consumidores e suxeitos activos dese mercado, da nosa participación no mesmo.
O crítico musical Carl Wilson decidiu buscarlle resposta a esas preguntas, e o fixo dunha maneira que calquera persoa sensata aprobaría: mediante un estudo exhaustivo da música de Céline Dion. O autor adícalle unha porcentaxe bastante notábel do libro a falar de influenzas, precedentes, datos biográficos, carreira, fandom, leitmotivs, temáticas, reaccións da crítica, reaccións do público, polémicas e momentos destacábeis da diva québécois. Este recorrido serve pra reflexionar sobre o funcionamento da cultura de masas e a democratización do gusto, e pon un especial interese na conflitiva, sanguínea, endeble  fronteira entre o “arte errado” e a “arte xenial”.
O ensaio de Wilson é, a falta dun termo mellor, unha invitación a desembarazarnos do “snobismo” e dos nosos prexuízos cara certos produtos culturais, coma público. Coma críticos, proponse que gastemos menos enerxías na defensa das nosas preferencias, e centremos o discurso nas sensacións que provocan en nós unha canción, un libro, unha película ou o que sexa pertinente. E logo, que invitemos ós lectores a comparar impresións, creando no camiño un diálogo.
Utópico de máis? Pode ser. Pero a idea está alí. Quizais non é demasiado tarde para cambiar as ideas, e abrir un pouco a mente: así estaremos un chisco máis preto de recoñecer definitiva e universalmente a Who killed Captain Alex? coma a mellor película da historia do cinema. Pero de momento baste con escoitar a Cèline.
*O autor desta crítica recomenda ademais Rebelarse vende: o negocio da contracultura, de Andrew Potter e Joseph Heath (Taurus, 2004) para indagar sobre o concepto de cool e o funcionamento das modas, así coma as motivacións tras a procura do “alternativo”.
Pódeche interesar...
Un peixe no parqué: a vida era isto