'Nimagai' e a búsqueda da propia identidade

nimagai
Autor
Nunu Príncipe
Ilustración
Julia Sánchez Masedo
País
España
Ano
2007
Editorial
República Kukudrulu
A nosa puntuación
3

Este libro chegou ás miñas mans como de casualidade. Apenas tiña referencias del, pero chamou a miña atención, se cadra polo coidado da edición. Nimagai é unha fábula que utiliza os esquemas da viaxe do heroe tratada por Joseph Campbell para invitarnos a unha reflexión sobre a propia identidade.

Narrada con sinxeleza, as peripecias de Nimagai lembran aos contos clásicos de tradición oral (incluso poderiamos establecer un símil entre o malvado Apretujo e o Lobo de Carrapuchiña), e este efecto acentúase polo feito de que a historia está contada por unha das personaxes secundarias, esa cegoña coa que Nimagai voa por primeira vez (xa que é o encargado de levala de bebé cos seus pais). No pobo de Nimagai, os habitantes agardan con expectación o séptimo aniversario dos nenos, xa que é o momento no que estes reciben o Sentido Común, e as fadas lles comunican o seu destino. Pero non parece haber futuro para Nimagai, nin para o seu mellor amigo, Carulo. Unha das fadas recoméndalle á nena que emprenda a viaxe na busca da súa esencia.

Nimagai
Ilustración: Julia Sánchez Masedo

É unha viaxe perigosa na cal se enfronta a medos, enemigos, pero na que tamén atopa amigos e o máis importante, aprende e se atopa a si mesma. Ó cabo, a aventura de Nimagai non é senón unha metáfora desa viaxe que todas as personas emprendemos na vida: a de descubrirnos a nós mesmos.

É unha historia curiosa, e por desgraza a ratos tiña a impresión de coñecela de antemán. Tira demasiado de tópicos, como é a protagonista infravalorada, a perigosa viaxe cara o descoñecido, ou o mañvado que quere sembrar o caos.

Parece que Nimagai quixera ser unha versión en feminino do Principiño, por frases como “sempre que vexas un adulto facendo un boneco de neve, confía en el. Aínda non está totalmente perdido”. A historia fálanos precisamente do proceso de facerse maior, e de paso, adquirir confianza en nós mesmos e nas nosas capacidades. A Nimagai dinlle que é unha inútil, e ela emprende a viaxe para demostrar que non é tal; aos demáis, pero tamén a si mesma.

Nimagai
Ilustración: Julia Sánchez Masedo

A narración fluída axuda a avanzar con velocidade a través das súas páxinas, e non chega a ser nunca aburrida. Todo o contrario, apetece saber que pasará a continuación, e como sairá Nimagai das situacións complicadas nas que se vai atopando.

As personaxes son unha delicia. A narración semella case unha recompilación de divertidos secundarios que se cruzan no camiño de Nimagai, e para min, son do melloriño, empezando polos nomes. As fadas Tristraste e Allegra, respectivamente pesimista e optimista, encargadas de adiviñar o destino dos nenos. O trasno Lodudo, como o seu nome indica, nunca está convencido de nada… E o mellor, o Opossum alcumado OP, tan simpático como malvado é o seu xefe Apretujo.

Nimagai
Ilustración: Julia Sánchez Masedo

É unha historia contada cen veces de formas distintas, e que calquera recoñecerá como similar a outra xa escoitada anteriormente. Pero tamén logra crear un universo máxico no que teñen cabida dende animais parlantes ata bonecos de neve filósofos. É unha bonita homenaxe a infancia, e como todo o que me gusts recomendar, desfrutable para pequenos e grandes.

Pódeche interesar...
Un peixe no parqué: a vida era isto