O día que rematou a ‘Feira’

Autora
Ana Iris Simón
Ano
2020
Idioma orixinal
Castelán
Editorial
Círculo de Tiza
Our Score
4

Ana Iris Simón (Campo de Criptana, 1991) di que aprendeu a escribir grazas ao seu pai; ou, polo menos, a escribir por el. Ou quizais non a escribir, pero si ten claro que el foi o que lle ensinou a mirar. Avanzando nas páxinas pensas que, claro, como non ía aprender a escribir dun home que vivía nas historias e nos relatos que lle contaba, pero, por enriba de todo, nas que se contaba a si mesmo e nas que reflectía a verdade. A verdade sobre que era La Mancha.

Feira é a primeira obra da xornalista e comunicadora manchega. Chea dun espírito idealista propio de don Quixote pois “direiche que a un manchego non se lle pode negar a existencia do Enxeñoso Fidalgo“, a obra mestura estes momentos con vivencias tan duras como a morte dos seus propios familiares. É un libro que emociona. Poderiamos dicir que é unha análise xeracional, nada previsible nalgúns tramos e que, noutros, semella un reflexo de nós mesmas, da primeira xeración que -vive- vivirá, con todo prognóstico, peor que os seus pais.

Ana Iris Simón fala da súa familia ou, máis ben, das súas familias. Pertence, por unha banda, a unha liñaxe de feirantes e, por outra, a unha de labregos comunistas. Tamén tivo un devanceiro, Diego Simón, que foi carlista. Tómase a estirpe moi en serio, quizais porque lle custou 20 anos dicir que os seus avós maternos eran feirantes; durante a maior parte da súa vida limitouse a explicar que vendían xoguetes.

A novela relata como a protagonista estaba sendo “testemuña da fin de España, da fin da excepcionalidade”. Simón narra con certa nostalxia esa España de fins dos 90, de como no colexio lle ensinaban a conversión de duros a euros e de como escribía no seu diario que a ela lle parecían ben a aparición dos bazares chinos e os centros comerciais, Leclerc e o Burger King, pero que sabía que o seu pai non a ía levar porque iso eran americanadas.

Cabe puntualizar que, con probabilidade, os mellores capítulos de Feira atópanse no costumismo afectivo. O xeito en que retrata a súa familia fai que nos acheguemos, en certo modo, á personalidade da propia autora. Pasan radiografía polas súas liñas dende a súa nai, Ana Mari, unha muller un tanto almodovariana ata o seu irmán pequeno, Javi. Porén, destaca o agarimo inmenso que adica ao seu avó Vicente, o patriarca dos Simones. Ademais, perfila con certo detalle ás súas tías e curmáns, así como algunhas amizades.

Ana Iris Simón explica como lembra medrar escoitando que “a feira xa non era o que antes porque a vida ía pouco a pouco converténdose nunha feira”. É por iso, que non se me ocorre outra forma mellor de resumir Feira que como a transformación da Mancha nun non-lugar: lonxe quedan os gloriosos anos nos que “o feirante aínda era un vendedor de ilusión”.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.