Outono en verso: nove poemarios para saudar a caída da folla

Chega o outono e con el os últimos compases dun ano vinte que quixemos non ter vivido. Un ano que nos inspira laios e bufos só coa súa mera pronuncia e que asoballou todas as certezas. Mais neste perfecto escenario para a destrución que agrandou e forneceu de razón o tópico dos malos tempos para a lírica (con máis dunha lamentable defunción, coma o peche definitivo da libraría Chan da Pólvora en Compostela), a poesía deu sobradas mostras de vigor e resistencia con algunha boa nova de última hora (caso do Premio Nacional de Poesía outorgado á Feliz Idade de Olga Novo) e cun bo fato de novidades dignas de mención. Coa esperanza de que o vindeiro xiro orbital ao astro maior nos depare algo mellor, saudamos e apertamos estas novidades para “celebrar” o cada vez máis próximo peche de 2020.

Árbores no deserto de Rosalía Fernández Rial (Galaxia)

A nova proposta de Rosalía Fernández Rial (A Costa da Morte, 1988) alicérzase nunha singular ollada ao universo feminino e o seu pouso na historia da humanidade. Este poemario, non por azar titulado Árbores no deserto, conxuga lirismo, arte perfomativa, pensamento e compromiso mediante un fluído diálogo co legado ideolóxico de diferentes mulleres, dende Sojourner Truth ata Malala Yousafzai pasando por Concepción Arenal, Virginia Woolf ou Rosalía de Castro. A autora retoma, deconstrúe e reelabora as máis notables achegas deste heteroxéneo grupo de artistas e/ou pensadoras valéndose dunha técnica poética vangardista que permite xogo e recreación. O resultado é unha fermosa conmemoración poética que busca dar continuidade ao influxo das homenaxeadas e demostra a premisa de partida: que nos discursos sólidos brinca, funambulista, a liquidez dos versos. As ilustracións de María José Costa Valiño complementan un volume que xa está entre os títulos imprescindibles deste ano e que amplía a súa ambición literaria cara o eido do ensino cunha unidade didáctica á que se pode acceder na páxina web da editorial Galaxia.

deriva de Regina Touceda (Espiral Maior)

Regina Touceda (Cuntis, 1999) converteuse en 2019 na gañadora máis nova do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé en todas as edicións do galardón, pensado para o impulso das novas voces da lírica galega. En deriva, o título co que obtivo esta distinción e que edita neste 2020 o selo Espiral Maior, Touceda explora as posibilidades da lírica como instrumento autorreflexivo convidando ao lectorado a unha viaxe poética polo cambio e o transo á madurez. Nos seus tres lances (porto: estaleiro/bautismo, as fases do naufraxio: varar/afundir e fondo), a autora examina o conflito interno do medrar a través duns versos incisivos, cargados de verdade e repletos de imaxes suxestivas que nos tocan e estremecen con toda a intensidade. deriva é, en definitiva, un moi prometedor debut que abraia e anuncia o talento poético dunha novísima autora a cuxa traxectoria cómpre estarmos atentas.

Rompe de Manuel López Rodríguez (Urutau)

Se hai unha traxectoria prolífica a día de hoxe na lírica galega, esa é a de Manuel López Rodríguez (Noia, 1978), que non para de sumar recoñecementos despois de gañar nun mesmo ano o Premio de Poesía Eduardo Pondal coa obra Ule e o Concurso de Poesía Concello de Carral con Nas pulsacións. A isto hai que sumar a publicación de dous poemarios máis, Desde onde non nace (co selo Medulia Editorial) e Rompe, tamén saído do prelo este ano da man de Urutau. Neste último, o autor fainos camiñar polo bordo dunha insólita fenda lírica. Catro partes, catro tempos de desigual duración nos que o verso creba e peneira a realidade ollada dende unha posición desacougante e raiana no existencial. Son os trinta e seis poemas deste Rompe outra proba irrefutable da  interesantísima diversidade e maduración da nosa lírica, á que López Rodríguez achega unha voz nítida, orixinal e radical.

O valo de Manselle de Anxo Angueira (Apiario)

Vinte e catro anos despois da súa primeira publicación, Apiario reedita na súa colección Cera Labrada este poemario de Anxo Angueira (Manselle, Dodro, 1961), prologado por Xosé Luís Méndez Ferrín, co propósito de reivindicar a súa condición de clásico contemporáneo das nosas letras poéticas. Angueira enxalza o valor dun esforzo colectivo que adquiririu unha nova dimensión hai cinco lustros na súa aldea natal, cando toda a veciñanza se uniu para edificar un muro que fixese practicable un campo de xogos convertido en vertedoiro, sen apoio institucional de ningunha clase. O autor plasma este fito nos seus versos dun xeito case épico, elevando o traballo polo ben común á categoría de proeza e realzando no plano literario a ilusión da utopía feita realidade. Unha perfecta e acaída crónica lírica dun acontecemento insólito cuxa lembranza hoxe é máis pertinente ca nunca.

Tres poetas en estado de alarma de Carlos Negro, Vítor Vaqueiro e Xosé María Álvarez Cáccamo (Laiovento)

Aínda está por ver como repercutirá a crise sanitaria, social e política deste ano que aínda vivimos na cultura e na literatura que virán nos próximos anos, mais xa contamos con algunhas achegas que beben do inmediato e que tratan de dar unha resposta a esta actualidade que se nos precipitou. É o caso desta orixinal proposta de Laiovento, asinada a seis mans por Carlos Negro (Lalín, 1970), Vítor Vaqueiro (Vigo, 1948) e Xosé María Álvarez Cáccamo (Vigo, 1950) e que enfronta diversas visións líricas arredor dunha realidade inesperada, a da pandemia e o posterior confinamento con todo o que iso supuxo a nivel individual e colectivo. Os tres poetas botan man de diferentes técnicas poéticas, máis breves, máis ampulosas ou máis prosaicas, para tecer un relato lírico dispar pero non por isto falto dunha certa unidade. Nel caben a sorpresa, o medo e a desesperanza daqueles días, emocións ás que subxace a crítica e o compromiso.

Feminino singular, en plural de Concha Blanco (Baía Edicións)

Este outono tamén nos trae algunhas novidades en verso para o público infantil e tamén arredor dalgunhas figuras femininas ilustres. Mais neste caso, Concha Blanco (Lires, Cee, 1950), unha das autoras pioneiras e máis veteranas das nosas letras máis cativas, céntrase nos logros dalgunhas das máis destacadas personalidades femininas da historia galega, un abano moi diverso que comprende tanto a Exeria ou María Castaña como a Sofía Casanova ou Elisa e Marcela, sen esquecer no seu último tramo ás mulleres anónimas que tamén fixeron país. As súas vidas quedan retratadas nunha serie de poemas biográficos inseridos nun nivel superior de ficción, pois Blanco converte a dúas crianzas, Sabela e Roi, nas primeiras esexetas e intérpretes das vidas e traxectorias destas mulleres para o lectorado. O libro, publicado baixo o selo Baía Edicións, conta co atractivo engadido dun elaboradísimo traballo de ilustración a cargo de Laura Romero.

A guerra era contra nós de Carlos da Aira (Xerais)

O último premio de Poesía Manuel Lueiro Rey aposta pola hibridación e a destrución (parcial) das fronteiras xenéricas para a reconstrución dun discurso literario comprometido e abertamente combativo. Carlos Da Aira (Elgoibar, 1972) é o artífice de A guerra era contra nós, expresión e reacción lírica a un mundo e a un tempo marcados pola axitación, a resignación e a autoxenreira e que trae aos andeis das librarías a editora Xerais. O poeta responde a un desacougante estado político e mental con contundencia mediante unha orixinal prosa poética na súa primeira parte, A guerra, para logo pasar a unha proposta de resolución versificada no segundo tramo da obra, titulado Catro armas. A guerra era contra nós é unha obra que revitaliza a vertente máis social e contestataria da nosa lírica, que evoca os grandes clásicos da poesía reivindicativa cun halo de novidade e que incide nunha protesta literaria que mantén incólume a súa vixencia.

Internacional de poesía anarquista de Samuel L. París (Edicións Positivas)

Unha das publicacións máis sorprendentes e radicalmente novidosas deste ano veu da man de Edicións Positivas e a súa colección DiVersos: unha escolma de poesía anarquista coordinada por Samuel L. París (Muros, 1984), escritor e músico ben coñecido para boa parte do público galego por ser membro da banda Terbutalina. París realiza unha antoloxía internacionalizada de versos ignotos e de temática insospeitada para moitas lectoras, achegando traducións inéditas e supervisadas na súa maioría polos seus autores nas súas linguas orixinais, e dando a coñecer unha manchea de poetas adoito situados nas marxes do sistema literario. Unha publicación que sacia toda curiosidade e á que paga a pena achegarse.

Revoltos anos vinte de Belén Senín (Leite Edicións)

Hai tempo que o proxecto independente Leite Edicións (atinadamente autodefinido como produto galego, vegano e de primeira necesidade) nos agasalla con pequenas pílulas de poesía ben interesantes e suxestivas. Dentro desta persoal aposta polas poetas novas en formato fanzine e artesanal (e que abrangue voces tan diversas como as de Arancha Nogueira, Afra Torrado ou Jorge R. Durán, entre outras) destacan neste ano os Revoltos anos vinte de Belén Senín (Pontecesures, 1999), título premonitorio para unha obra que pouca relación pretendía gardar co desastre non anunciado da nova década. Os versos de Senín recollen un diálogo interxeracional no que os cambios e as incertezas son as grandes protagonistas e que a poeta olla e analiza dende a fronteira coa madurez. Unha reflexión lírica breve pero intensa e fermosamente elaborada que deixa pouso en quen a recibe.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.