‘Panza de burro’: Tan botadiña palante, tan sen medo

Autora
Andrea Abreu
Ano
2020
Idioma orixinal
Castelán
Editorial
Barrett
Our Score
4

Panza de burro é unha expresión empregada para denominar un fenómeno atmosférico característico do norte das Illas Canarias, que consiste nunha acumulación de nubes baixas que actúa como unha pantalla solar. Andrea Abreu (1995) ambienta a súa primeira novela nesta peculiar atmosfera, unha burbulla ao norte da illa de Tenerife completamente allea ao resto do mundo onde o canario o invade todo.

Nun “barrio vertical sobre un monte vertical cuberto de nubes baixas, todo surcado por unha cova horizontal moi longa, que ía ata o cumio e baixaba ata o mar, como o manto da Virxe da Candelaria, a máis bonita, a máis morena”. Aí transcorre Panza de burro a comezos do 2000 que fisquito a fisquito adentraranos no verán de dúas amigas que viven ó paso a idade adulta. Unha historia chea de referencias á cultura popular, como os primeiros ciber onde van a falar polo mésinye ata comentarios sobre O diario de Patricia ou Pasión de gavilanes, pasando por karaokes improvisados de cancións do grupo Aventura.

A novela narra un relato sinxelo e calmado onde aparentemente non pasa nada. Unha rutina pausada onde a forza reside na linguaxe e nas relacións que se establecen entre as personaxes femininas, sobre todo no vínculo das dúas protagonistas (a narradora e Isora, á cal idolatra) e no trato que manteñen cas súas avoas. Mais sería ousado dicir que realmente non pasa nada, é como un volcán a punto de estourar no que hai trastornos alimenticios, carencias emocionais, masturbación, tristeza e desigualdade.

Panza de burro é un libro que se escoita, non se le. Abreu escribe as cousas tal e como se din, rompendo as normas ortográficas, aí reside a súa voz literaria. A escritora reproduce a forma de falar do seu barrio, sen adaptar nin explicar as súas expresións. Desta forma fai unha aposta política e reivindica a beleza do imperfecto: ”Eeeh, la guagua es la guagua, le dije un poco enfadada”.

A través da vida no barrio, como eixe central, refléxanse as diferenzas de clase existentes: “As casas rurais tiñan a culpa de que os días que miña nai non tiña que ir ao Sur a limpar hoteis tivese que limpar as casas rurais e non puidésemos ir á praia e por iso a min tampouco me gustaban as casas rurais”.

Panza de burro  é o vínculo indestrutible e fráxil entre dúas amigas, a estrañeza e as alegrías e a intuición das últimas rabexadas da infancia, é a maxia e a sabedoría das avoas, é un verán longo nun barrio do que non se van nunca as nubes. É o momento no que os nenos jediondos (que son todos) obríganche a non ser nena, no que as túas amigas son moito máis que amigas.

Andrea Abreu escribe un deses libros que sempre quererías ler por primeira vez. Un agasallo no que perderse, no que entender unha realidade descoñecida para os peninsulares capaz de construír un imaxinario propio que cheira a papas, a choiva, a Isora.

Reader Rating0 Votes
4
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.