David Vázquez

Festival de Jazz de Lugo: 29 anos de harmonías amuralladas

O evento trouxo unha vez máis o mellor bop internacional durante unha semana

9 de novembro, ANDREA MOTIS QUINTET : Apertura do festival con promesas xa consolidadas.

A encargada de abrir o festival foi a impresionante Andrea Motis e o seu quinteto. Andrea, de tan só 24 anos, á voz e a trompeta facéndose acompañar extraordinariamente de guitarra, piano, contrabaixo e batería. Unha combinación clásica, si, mais que se atreve a coquetear coa  heterodoxia e a intromisión de ritmos non estrictamente vinculados per se ao que un se imaxina cando pensa nun concerto de jazz. E así foi: case dúas horas de corcheas, fusas e semifusas das máis diversas.

Os ritmos latinos e as músicas brasileiras do último disco da agrupación facíanse eco xunto á interpretación de standards clásicos e, mesmo, algún arranxo doutros xéneros como o tema “Louisiana o els camps de cotó” de Els amics de les arts. Pasando incluso nos bises por acabar interpretando uns fermosos arranxos de “Rabo de nube” de Silvio Rodríguez e “Mediterráneo” de Serrat

Escoitando a Andrea Motis o que aquí torpemente escribe pensa dúas cousas: a primeira; bravo por quen se atreve a saírse dos marcos explorando novas formas e a segunda, que para a próxima non volvo a un concerto dalguén da miña xeración. Un síntese moi inútil vendo o que outra xente pode chegar a facer no mesmo tempo. Grazas Andrea polo primeiro compás.

14 de novembro, RON CARTER “FOURSIGHT” QUARTET: Un concerto para a historia.

Apareceron  un tras outro: Jimmy Greene (saxo tenor), Payton Crossley (batería) e Renee Rosnes (piano) e saudaron ao público antes de tomar as súas respectivas posicións. A resposta dos presentes foron aplausos nerviosos, impacientes. Agardando polo integrante restante, a liña dos graves que leva tecendo o fío da historia rítmica  do jazz dende hai 50 anos, o grandísimo Ron Carter.

A fascinación e a admiración polo solista norteamericano permeaba todo o ambiente. E alí apareceu de súpeto en escea.  Penso que nunca fun cómplice dunha ovación tan respetuosa e emocionante nun concerto de jazz. A  súa entrada e esa resposta erizoume a pel, e un escalofrío subiume dende os pes ata ata ao pescozo creando en min a sensación que o que logo viría sería algo verdadeiramente especial. Así foi.

Cada integrante do cuarteto tomou posición na súa trincheira melódica e deu paso a unha oda harmónica desenfrenada e apaixoante. Carter é un escultor de formas graves sofisticadísimas, martelea o contrabaixo cos seus dedos de modo tal que parece estar pulindo estatuas nos mármores máis complexos.

Cada compás, cada nota, cada solo… En todos eles sintes a sensación de que leva nas súas costas a inconmensurable experiencia de ter compartido melodías cos máis grandes. E efectivamente; tras tocar con Miles Davis, Cannonball Adderley, Herbie Hancock, Wayne Shorter, Freddie Hubbard, Horacle Silver, Eric Dolphin, Lee Morga e un longo etc. Son case 60 anos de carreira nesas costas.   2221 recording sessions fan del o baixista de jazz con máis gravacións da historia.

Fascinoume a forza que tivo o concerto. Tocando temas con swings veloces e verdairamente longos, foi particularmente impresionante o “solo” que rozou o cuarto de hora onde Carter impregnou o escenario de emoción e deixou unha cousa ben clara: é o dono e señor dos graves bop.

Dixo Carter nun momento do concerto, dos poucos onde parou a música, que había unha pregunta que aparece en tódalas entrevistas que lle fan:  “Por que segues todavía facendo isto?” , ao que di responder sempre o mesmo e coa mesma rotundidade. E cando todos agardabamos pola resposta emprega o micro en forma de dedo índice  e sinala aos seus 3 camaradas un por un. Deixa o micro e volve ao seu contrabaixo marcando o ritmo: One, two, one, two, three…   A súa devoción cara o resto de integrantes non era en balde.  Gustoume particularmente Jimmy Greene, un saxo tenor completísimo, que lembra ao mellor de cada histórico.

A sutilieza no soplido de Stan Getz, con caudal de aire que semella acariciar con ledicia as notas que saen do seu plateado saxo e cuns picados agudísimos ao máis puro estilo free jazz das gravacións de Impressions ou de Transitions de Trane. Foi un concerto histórico, unha porta espazotemporal desas anómalas que quedan á tradición do jazz dos 60. A un dos que estivo alí.  Verdairamente especial, quizáis, tamén, porque tiña certo sabor a despedida.

15 de Novembro, LARRY GOLDINGS, PETER BERNSTEIN & BILL STEWART: 30 anos de jazz ecléctico e orgánico.

O concerto que case puido non ser pero que ao final foi, e foi brillante. O trío deu comezo ao concerto con tan só 10 minutos de retraso. E recalco o “tan só” debido á gran odisea que tivo o grupo para chegar á cita. Cando a fila para entrar ao Círculo das Artes de Lugo saía cara a Praza Maior e xiraba por toda a rúa de Bispo Aguirre ante a mirada atenta dos bustos dos poetas da nosa terra alí presentes; o trío –composto por guitarra, batería e órgano – viña a toda presa en furgoneta dende Madrid. De onde tiveron que  saír con urxencia tras perder o avión co que contaban no plan orixinal.

Finalmente chegaron un cuarto de hora antes do comezo do concerto e coma só  músicos de jazz –mestres da improvisación e “jedis” da harmonía– poden facer, subiron ao esceario sen ensaios e a pelo.  Todo fluiu con mestría e naturalidade.  Na impresión persoal direi que nunca escoitara antes un órgano cinguíndose ao linguaxe jazzístico e, dende logo, foi a pequena sorpresa que me levo do festival.

Grazas Lugo por traer o mellor bop internacional outra semaniña de outono frío. E xa van 29. Agardaremos polos ritmos do 30 aniversario espectantes.

Pódeche interesar...
WOS Festival 2019 I. A vangarda galega (repatriada)