Agoraphobia – Unaligned

Fecha de lanzamiento
4 Outubro, 2019
Discográfica
Dotbeat
Xénero
Rock
A nosa puntuación
7.8

Agoraphobia lanzaron seu primeiro disco de longa duración en 2017, con Incoming Noise, un disco no que puliron de maneira definitiva a proposta que xa foran adiantando nos seus EPs anteriores. Tratábase dun disco de dez cancións redondas, enérxicas, ben gravadas e interpretadas.

Quizáis a pega que se lle podería atopar a Incoming Noise é que por momentos as cancións sentíase específicamente deseñadas para soar como soan, facendo que toda a agresividade que había detrás delas sentíase boa parte do tempo completamente baixo control, algo que xa non sucede en Unaligned, un disco onde as cancións de Agoraphobia gañaron vida propia.

O segundo traballo das galegas é un álbum continuista, non se rompe co que xa puidemos escoitar anteriormente, pero hai unha clara evolución. Atopamos de novo outras dez cancións, 34 minutos de duración en total, onde se poden escoitar infuencias dende Sleater-Kinney ou a primeira etapa dos Foo Fighters ata o rock alternativo da década pasada, especialmente nos estribillos cheos de intensidade mais sen renunciar a melodía.

As interpretacións vocais de Susana síntense moito máis libres que en Incoming Noise, manexando un rango que se move dende a delicadeza dos momentos máis tranquilos de Remain Unchanged ou We Own Us ata os berros dos últimos intres de Salvation ou Nine. As guitarras desta volta tamén soan máis afiadas, cheas de distorsión e facendo un interesante uso dos ecos e as reverberacións por enriba dunha base rítmica de baixo e batería que funciona como unha maquinaria perfectamente engraxada.

O día do lanzamento do disco, Agoraphobia aseguraron nas súas redes que “a mellor explicación de todo esto está nos propios temas”. Non se pode negar que Unaligned é un traballo que ten as ideas claras. Simplemente escoitándoo transmite perfectamente unhas sensacións moi claras e definidas onde se percibe unha certa ansiedade e desesperación evocada por todos os elementos que entran en xogo nestas cancións. Sen lugar a dúbidas é un traballo que transmite máis emoción que Incoming Noise, unha colección de temas que non buscan provocar tanto admiración como catarse, se ben é certo que ésta podería ser aínda máis efectiva de renunciar a inglés nas letras como xa fixo o dúo galego Bala no seu último disco Lume.

Unaligned supón en certa maneira a versión definitiva da proposta que Agoraphobia presentaron no seu primeiro álbum. De agora en diante tocará saltar ao ritmo destas novas dez cancións nos concertos da xira coa que a banda ten previsto presentar o disco, e despois voltar a esperar para poder comprobar cara onde camiñarán Agoraphobia no seu próximo traballo.

7.8
Pódeche interesar...
Ataque Escampe anuncian a súa volta aos escenarios… E farano cunha nova formación