As emocións orquestradas de ‘Ex:Re with 12 Ensemble’

Release Date
19 Febreiro, 2021
Xénero
Art Pop
Discográfica
4AD
Our Score
7.8

A primeira vez que escoitei á banda Daughter foi cunha versión de ‘Get Lucky’ de Daft Punk. Fascinoume como este grupo británico que ata ese momento descoñecía era capaz de transformar un himno da música pop nunha canción melancólica e atmosférica, tres adxectivos que definen á perfección as súas propias composicións. Porén, dentro da súa obra sempre conectei máis cos momentos máis intimistas que aqueles máis ambiciosos onde a instrumentación recorre con frecuencia aos clichés do post-rock.

Porén, o proxecto en solitario da cantante de Daughter, Elena Tonra, non percorre estes camiños. Se ben as marcas de identidade das súas composicións seguen aí, o son do disco ‘Ex:Re’ (2018) é moito máis contido, non busca en ningún momento a grandilocuencia senón unha maior proximidade do oínte, algo fundamental para poder conectar cun disco marcado por unhas letras tan autobiográficas e persoais como as deste traballo.

Agora, máis de dous anos despois da súa publicación, Tonra estrea ‘Ex:Re with 12 Ensemble’, unha nova interpretación das 10 cancións que compoñían este álbum con arranxos de corda realizados por Josephine Stephenson, que xa tocara o cello nas gravacións orixinais e colaborou con artistas como os Arctic Monkeys durante as sesións do ‘Tranquility Base Hotel & Casino’ (2018), ou con Radiohead da man da London Conterporary Orchestra que interpretou os arranxos orquestrais do ‘A Moon Shaped Pool’ (2016).

‘Where the Time Went’ comeza igual que no disco orixinal, cuns arpexios de guitarra eléctrica entre os que aparecen ondas de cordas para reforzar a armonía da pista, engadir novas melodías e enfatizar o ritmo nunha gravación na que desapareceron os elementos percusivos. ‘Crushing’ mantén a súa enerxía neste formato impulsada polos rasgueos da guitarra de Elena e os frenéticos motivos interpretados polas cordas ao longo da pista, de maneira similar ao que acontece no novo arranxo de ‘I Can’t Keep You’.

As cordas comezan desorientadas en ‘New York’, interpretando pequenas frases de apenas un par de notas que pouco a pouco comezan a dar forma á canción a partir da inseguridade e o caos inicial que semella seguir a letra dunha pista que comeza coa frase “I was drunk”. Ao longo da canción os violíns móvense sen rumbo fixo formando acordes de forma ocasional e vagando sen rumbo, ascendendo ou descendendo sen un destino fixo na canción, onde tamén se fai un uso moi interesante do ‘pizzicato’ para establecer un contraste a partir do seu tramo central, un recurso que tamén aparece no novo arranxo de ‘Liar’ cun efecto moi rítmico.

‘Romance’ pasa de ser unha pista marcada por un ritmo case bailable no disco de 2018 a un dos momentos máis sombríos deste novo álbum, pero non por iso é menos sorprendente. A dura letra de Elena na que lembra relacións pasadas e encontros violentos que mesmo parecen facer referencia a unha agresión sexual gaña todavía máis emoción e melancolía cuns arranxos pausados ao mesmo tempo que intensos, que reforzan certas liñas da súa voz e os momentos máis climáticos da pista.

‘The Dazzler’ ten un son todavía máis nocturno que a súa gravación orixinal que xa trataba de evocar os ocasos en habitacións de hoteis convertidas en mundos diferentes onde evadirse da vida real que queda detrás da súa porta. Aparece tamén por primeira vez un piano interpretando unha melodía que xa estaba presente na anterior versión, un instrumento que serve de base para a instrumentación de ‘Too Sad’, menos afastada do que xa escoitaramos previamente.

A despedida do disco con ‘My Heart’ resulta todavía máis emocional cos novos arranxos de cordas que impulsan a voz de Elena nos momentos clave conseguindo un impacto todavía maior no oínte. Apostar por unha instrumentación como esta podería desvirtuar un dos grandes acertos do disco publicado en 2018 onde semellaba que todas as cancións poderían estar sendo interpretadas por un pequeno grupo de músicos dende un lugar calquera. As cordas poderían traer consigo un son máis melodramático ou grandilocuente se estivesen escritas doutra maneira, pero o traballo de Josephine Stephenson pon o corazón das cancións de Elena Tonra no centro de todo, conseguindo dar nova vida a estas composicións que supoñen un dos lanzamentos musicais máis emocionalmente impactantes do que vai de ano.

7.8
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.