Ataque Escampe – A Alma

Release Date
13 Decembro, 2019
Discográfica
Tremendo Audiovisual
Xénero
Rock alternativo
Our Score
8.2

As Ataque Escampe están de volta e nós, de noraboa. E é que os poucos sinais de vida que a banda deu este ano facíannos temer o peor. Por un lado, as súas aparicións sobre os escenarios víronse reducidas a un único concerto conmemorativo dos 25 anos do Xabarín (ao que semella, non foron quen de negarse) e polo outro, as súas publicacións consistiron unicamente en dous discos recompilatorios de rarezas (Ídolos adolescentes e A vida dos animais) que, a xeito de díptico musical, desprendían un intenso aroma a despedida.

Por sorte, este período escuro será recordado coma unha especie de barbeito musical autoimposto, no cal a banda decidiu retirarse aos seus cuarteis de inverno e bosquexar a que sería a súa seguinte era. E así chegamos ao 12 de Novembro, día que será recordado por marcar o inicio dun desbloqueo histórico para o noso país (e non, non nos referimos nin a ese desbloqueo nin a ese país). Aquel día, en torno ás oito da tarde, todos os fans puidemos ver na nosa rede social de confianza o anuncio do retorno da banda, enfundada nuns traxes de spandex tan absurdos que a única posibilidade era que todo aquilo fora en serio. Como soubemos despois, o detonante de semellante manobra resultou ser a inminente publicación do novo EP de Ataque Escampe, A Alma, con cambios na formación incluídos, entre os que destaca o retorno de Álex Charlón á voz principal.

Unha cousa que debemos ter en conta antes de falar deste novo traballo é o xeito no que a banda afrontou os seus EPs pasados. Temos, en primeiro lugar, ao divertido Galicia es una fiesta (2008), que viu a responder á pregunta de como demos poderían soar as Ataque dentro dos marcos da música dance (pregunta que, por outra parte, non cremos que se fixera ninguén nunca), recollendo cinco remixes do seu emblemático Galicia es una mierda. En segundo lugar temos o moito máis relevante Noites de agosto con Ataque Escampe (2012), no cal, coa retranca que tanto as caracteriza, as Ataque realizan unha viaxe polo mundo da verbena e das orquestras populares, chegando a atreverse mesmo con boleros, calipsos e cumbias. En definitiva, os EPs sempre foron vistos pola banda como vías de escape para a súa tolemia de turno, sen medo a afectar aos seus álbums, sempre tan sobrios e conceptuais.

E así chegamos á A Alma que, como non podía ser doutro xeito, non é unha excepción. Por moito que as primeiras oídas poidan deixar a sensación de que se trata de Ataque Escampe soando a Ataque Escampe, este é un traballo que logra distanciarse en gran medida dos lugares comúns frecuentados ata ao momento. Xa dende a introdución do EP, con ese Tema d’Alma que ben podería abrir unha chea de filmes de blaxploitation, asistimos a unha incursión por parte da banda en terreos moi explorados anteriormente no lírico pero, ata agora, nunca no sonoro.

Sen tempo para explicacións, o estilo pega un xiro brusco na primeira das partes d’A alma que, ironicamente, ven a falar de corpos. E é que O que pode un corpo estrutúrase seguindo o abecé do rock de estadio, ese xénero inaugurado polos Beatles aquela noite de agosto de 1965 na que decidiron poñer a proba os bafles do Shea Stadium e que tan ben souberon dominar (e pulir) grupos modernos como U2 ou Coldplay.

Curiosamente, nunha recente entrevista para o Diario Cultural da Radio Galega, a propia banda recoñeceu a Brian Eno como unha das maiores influenzas para este tema. E dicimos curiosamente porque, Brian Eno, ese xenio capaz de inventar un xénero musical propio tras unha tarde de aburrimento nun aeroporto, rematou sendo produtor de Coldplay. Este xiro dentro dunha traxectoria musical tan influínte como a súa (totalmente respectable para algúns e moi posiblemente criticable para outros), reúne, sen dúbida, todos os elementos estraños capaces de inspirar unha canción de Ataque Escampe coma esta, a modo de himno para todos aqueles que escoitamos rock de estadio cando non mira ninguén.

A segunda das partes d’A alma chega con Espada Excalibur, tema que a banda emprega para reivindicar unha nova vila galega, do mesmo xeito que fixo en repetidas ocasións coa súa querida Compostela ou mesmo con Mondariz-Balneario. A afortunada neste caso é Mondoñedo, vila que, tras pasar polo filtro Ataque Escampe, deixa de ser “a melancolía e o silencio” de Cunqueiro para converterse, tal e como sostén un dos versos máis fascinantes do EP, na “old school”. Comprobamos que a facilidade para converter o local en universal das Ataque segue intacta, e menos mal.

Na última das partes d’A Alma, As cruces, as Ataque mergúllanse de cheo no terror sonoro, con obvias influenzas do krautrock alemán dos anos 60, logrando crear un abafante tema que ademais se coroa como o máis longo da súa discografía. Un tema que logra sobrevivir aos dez minutos que dura grazas ao papel que xoga un inquietante coro de voces brancas que aparece de súpeto (curiosamente, repetindo a melodía inicial do Tema d’Alma) para dinamitar a canción  e deixala soando a algo que, de contar cos teclados adecuados, podería recordar a The Doors.

Asistimos, para rematar, a un máis que literal Reparto d’A alma no cal se recollen, a modo de títulos de crédito sonoros, os nomes e apelidos de cada unha das culpables de que esteamos aquí lendo (e escribindo) esta crítica. O bonito do asunto é a voz elixida para narrar esta peza, que corre a cargo de Miguel Pernas, actor de dobraxe mítico da TVG e que vos invitamos a atopar entre algún dos moitos samples de cinema dobrado ao galego empregados pola banda en anteriores traballos.

A impresión xeral que dá A Alma unha vez se deixa repousar é a de que as Ataque necesitaban sacala fóra, compartila co mundo e pechar así esta década que tan ben as tratou. Tal vez se bote en falta que non tiveran arriscado algo máis, sobre todo tendo en conta que o Hevi, un dos talentos máis innovadores da escena galega actual, foi o produtor do EP. De todos xeitos, neste traballo, o que máis se bota en falta, e nisto estaremos todos de acordo, é a de Roi Vidal, co seu timbre e sorna tan característicos. Pero que se lle vai facer, nin que a vida entendera de orde ou proporción.

8.2
Pódeche interesar...
Terbutalina levarán súa nova música ao hábitat natural da banda