Baiuca aposta polos ritmos feitizantes en ‘Embruxo’

Release Date
7 Maio, 2021
Xénero
Folk-Electrónica
Discográfica
Raso
Our Score
7.8

O primeiro disco de Baiuca foi sen lugar a dúbidas unha das grandes sorpresas do panorama musical galego. O seu lanzamento chegou nun momento no que recuperar a tradición mediante unha produción moderna era unha aposta atrevida, meses antes de que Rosalía publicara ‘El mal querer’. Pero o mérito de Baiuca vai máis alá de adiantarse a unha moda. O proxecto de Alejandro Guillán caracterízase por ter unha proposta única dende unha perspectiva moito máis electrónica, unha ollada diferente á da fusión coa música urbana, cada vez máis frecuente tralo éxito de Rosalía.

Porén, ‘Solpor’ (2018) non era un disco perfecto. As bases do estilo de Baiuca estaban sobre a mesa pero por momentos semellaba que non todas as pezas estaban perfectamente engraxadas. A música tradicional galega semellaba funcionar como unha vestimenta nova para unhas cancións que doutra maneira poderían funcionar como calquera outra pista de electrónica. O diálogo entre os distintos elementos da música de Baiuca deu un paso adiante no EP ‘Misturas’, onde un ano despois de lanzar o seu debut, Guillán reinterpretou cinco cancións do primeiro disco de Xosé Lois Romer & Aliboria.

Tras escoitar este lanzamento, quedaba por ver se este camiño continuaba no seguinte disco de longa duración Baiuca, e o resultado é bastante esclarecedor. En ‘Embruxo’ a proposta de Baiuca mantén os elementos electrónicos ao mesmo tempo que consegue un son moito máis orgánico. O álbum está inspirado polas cantigas e os mitos da Galicia de séculos pasados. As meigas, a bruxería e a Santa Compaña están presentes no espírito dun cancioneiro no que Baiuca volve a facer de mediador entre xéneros e xeracións. Un concepto reforzado pola arte do disco, onde o artista Canoura explora un dos elementos máis arcaicos que se conservan en Galicia e en parte da Península Ibérica: os petróglifos, imaxes gravadas en pedra hai máis de 7.000 anos e que remarcan esa relación mística do pasado coa evolución de toda a cultura espiritual ata os nosos días.

O papel que xoga a percusión nestas cancións é unha das principais novidades que presenta este traballo. Os instrumentos tradicionais, principalmente de pel, como os pandeiros, tambores, pandeiretas, bombos, así como as voces de mulleres, son os elementos principais do disco, nun camiño para seguir explorando ritmos tradicionais, pero tamén para utilizar estes instrumentos en novas estruturas rítmicas. Un universo no que Xosé Lois Romero, que colabora en dúas das pezas de ‘Embruxo’, tivo un peso moi importante por todo o coñecemento e manexo que ten da percusión galega.

Precisamente as colaboracións son unha das principais marcas de identidade de ‘Embruxo’ respecto aos anteriores lanzamentos de Baiuca. A voz de Rodrigo Cuevas funciona tan ben como cabería esperar sobre a instrumentación de Guillán en ‘Veleno’, mentras que as cantareiras e pandereteiras Lilaina e o frautista e gaiteiro Cristian Silva aportan elementos da música tradicional á música de Baiuca cun son moito máis natural e menos procesado do que escoitaramos ata o de agora.

Con este traballo Baiuca segue sen reinventar a música tradicional nin supón un paso adiante o suficientemente atrevido na vangarda galega como si puido ser o último traballo de Mercedes Peón. Con todo, si consegue seguir a dar forma a unha proposta persoal cada vez máis definida e coidada, que mantén un son único ao marxe de modas, mirando ao mesmo tempo ao pasado e ao futuro. ‘Embruxo’ non fará máis que afianzar o nome artístico de Alejandro Guillán e seguir xerando espectación de cara aos seus futuros lanzamentos.

7.8
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.