Black Country, New Road debutan cun son cru e atrevido en ‘For the first time’

Release Date
5 Febreiro, 2021
Xénero
Post-Punk
Discográfica
Ninja Tune
Our Score
8.6

Os primeiros discos supoñen un lanzamento clave para todas as bandas musicais. Estes traballos funionan como cartas de presentación que poden catapultar ao éxito dende o primeiro momento ou supoñer a primeira de moitas pedras no camiño de cara a lanzar a súa carreira musical. No caso de Black Country, New Road, o seu álbum de debut non aspira a chegar a unha audiencia mainstream pero abre a porta a converter a este novo proxecto en toda unha banda de culto.

Mesmo dende antes da publicación do seu primeiro traballo, esta banda británica foi comparada de forma constante con Slint, grupo de post-rock estadounidense que desenvolveu a súa carreira entre finais dos anos ’80 e ’90. E se ben é certo que se poden atopar similitudes entre o estilo de ambosas bandas, o son de Black Country, New Road bebe de outros moitos lugares. Cunha ampla formación, conformada por ata sete músicos, os londinenses combinan as súas guitarras con sintetizadores, violíns e mesmo saxofóns, que aportan unha compoñente jazzistica á súa música que por momentos pode chegar a lembrar ao ‘Blackstar’ (2016) de David Bowie.

O debut de Black Country, New Road, titulado ‘For the First Time’ comeza con ‘Instrumental’, unha canción que como sinala o seu título, non conta con ningunha letra. Ademais de servir de introdución ao disco, trátase de toda unha declaración de intencións, de que vamos a escoitar un álbum no que a música, as harmonías e os arranxos serán os grandes protagonistas ao longo de longas pistas onde os distintos membros do grupo improvisando sobre ritmos e liñas de guitarra hipnóticas.

‘Athens, France’ comeza cun destes repetitivos e engaiolantes riffs de guitarra, sobre o que Isaac Wood recita as súas letras cheas de referencias a foros de internet, cancións de Phoebe Bridgers e á historia da propia banda cunha voz que transmite unha enorme sensación de ansiedade. Ao longo de todo o disco, as súas liñas describen unha relación dende os primeiros momentos, as memorias da adolescencia e o arrepentimento. Trátase dunha pista que estoupa con momentos de pausa e tranquilidade onde os instrumentos de vento gañan protagonismo.

‘Science Fair’ segue un camiño similar. A pista comeza cun baixo e unha batería perfectamente compenetrados nun ritmo ríxido e hipnótico que serve de base para o contrapunto marcado por unha guitarra completamente caótica e disonante. Saxofón e violín irrumpen na canción de maneira recorrente cunha fantasmagórica melodía que parece recén saída dun disco de Miles Davis. A letra da canción, móvese de novo por terreos moi narrativos e autoconscientes, referenciándose a si mesmos como a segunda mellor banda tributo de Slint do mundo.

A canción non deixa de crecer de forma constante, sumando capas de instrumentación, como os arpexios de sintetizador que aparecen na súa segunda metade, favorecendo que a intensidade non deixe de ir a máis ata chegar ao punto de non retorno, un recurso moi empregado na discografía recente de Swans. O último minuto de ‘Science Fair’ amosa toda a forza de Black Country New Road, a enerxía da suma de todos os seus instrumentos interpretando un poderoso riff.

A pesar de tratarse dunha banda con moitos membros, un dos seus principais acertos atópase na súa capacidade de saber cando debe tocar cada un deles nas cancións. Resultaría sinxelo caer na sobreprodución, con pistas especialmente densas e indescifrables onde guitarras, cordas, ventos e teclados se amontoasen uns enriba doutros. Porén, o uso da dinámica é unha das principais características deste disco, onde cada membro sabe o papel que debe xogar nas cancións, reservando os momentos en que todos eles tocan ao mesmo tempo para ocasións moi concretas.

‘Sunglasses’ é a pista máis longa do disco, e se ben é certo que semella tardar en arrancar, transfórmase por completo nunha segunda metade na que mesmo aparecen influencias do krautrock, de novo engadindo intensidade á interpretación de forma constante e progresiva ata acadar un clímax explosivo no que Isaac Wood, xa berrando pide que deixemos a Kanye West fóra disto.

En ‘Track X’ baixan as revolucións. Probablemente a canción máis diferente de todo o disco, con sons moito máis ambientais, unha duración por debaixo dos cinco minutos e unha letra con referencias bíblicas. Porén, moitos dos elementos característicos da banda seguen presentes como un hipnótico riff de guitarra acompañada dos arranxos dun saxofón, desta volta máis alonxado do estilo do jazz para aportar un colchón harmónico moito menos disonante do habitual.

O disco pecha con ‘Opus’, unha peza que retoma o camiño sonoro de composicións anteriores e conclúe o arco narrativo do álbum dende unha perspectiva nostálxica. ‘For the First Time’ será sen lugar a dúbidas un dos discos do ano. Unha carta de presentación dunha banda a medio camiño de moitos estilos pero que dende o seu primeiro lanzamento amosa ser capaz de presentar unha proposta única e decidida, que logra dar todavía máis vida a unha escena musical como a do post-punk que xa estaba a vivir un dos seus mellores momentos dende o seu nacemento.

8.6
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.