C. Tangana colle algo vello, algo novo e algo usado para ‘El Madrileño’

Release Date
26 Febreiro, 2021
Discográfica
Sony
Xénero
R&B, Pop
Our Score
7

Algo hai que recoñerlle a C. Tangana e ao seu equipo de marketing: é imposible non saber que sacou novo disco. Chega un punto no que se non o escoitaches parece que non vas ter con quen falar. De feito, foi o tema de moda do venres. E do sábado. E do domingo. E do luns, supoño.

A verdade, nun principio non tiña pensado en escoitar El Madrileño. Igual si, pero a escondidas. Non me visualizaba escribindo dun novo álbum de C. Tangana despois de levar dúas decepcións inmensas como foran Ídolo e Avida Dollars, da última da cal xa falamos por aquí. Pero, vendo a inmensidade da situación, supoño que dende Balea tamén temos que colaborar na inmensa columna de opinión que se está a xerar.

Unha vez máis, todo o Estado tiña os ollos postos na saída dun álbum. E non só para escoitar temas dun artista coñecido, senón tamén para escoitar o álbum ao completo. Para non ser esa persoa que se quedaba fóra das conversas sobre se escoitaches o novo álbum de C. Tangana ou non. El Madrileño converteuse nunha escoita obrigada. Unha necesidade para manterte na onda.

As ondas desta praia, con todo, erguen a bandeira amarela. Ás veces apetece entrar ata o fondo das súas augas, desfrutar da viaxe, surfear. Outras, con todo, a nosa táboa cambaléase e require que nos agarremos se non queremos caer. A irregularidade, pois, sería o primeiro adxectivo que nos vemos obrigados a lanzar cara o álbum.

Se ben non é todo o metódico que nos gustaría, si tarda en caer. Os primeiros acordes de Demasiadas Mujeres chaman a que algo grande vai a pasar. Anúncianche a bombo e platillo que estás a escoitar o novo álbum de C. Tangana. Antes de que unha soa voz soe no tema, queres escoitar esta e a que vai vir despois. Como xa conseguiran albumes recentes tal que My Beautiful Dark Twisted Fantasy de Kanye West, ou El Mal Querer de Rosalía ou E·MO·TION de Carly Rae Jepsen, entre un cento máis (sen que isto sexa importante), ponse especial énfase nese comezo para que non queiramos saír do álbum.

Tras ela veñen unha serie de temas onde influencias e modernidade tentan casar en todo o momento. C. Tangana é fiel ao que foi a súa música ata o de hoxe, pero tenta abrir fronteiras. As mesturas de Alizzz conseguen un detalle simple, pero concreto. A súa complexidade chega á hora de conseguir que o que se fixo tantas veces atope un camiño interesante e que merece a pena explorar.

É unha liña musical que se mantén sólida ata que, á sexta pista, chega Ingobernable. Os arranxos sintéticos vólvense aquí case nulos, e a rumba flamenca toma o papel protagonista nun álbum que ata agora era de R&B. E o son acústico quédase. Non é anecdótico. C. Tangana volve ao seu sinxelo para atraelo a un son máis calmado, mostrando unha pequena evolución dende que aquel tema sinalase que C. Tangana estaba a procurar, de maneira clara, novos horizontes musicais. E explóraos aquí, amais distas, en pistas como Muriendo de Envidia, Los Tontos, CAMBIA! ou Hong Kong.

E, honestamente, hai tremendos temazos entre eles. Suficientes como que para que El Madrileño consiga que nos esquezamos da irregularidade e da mestura de estilos que aparecen no álbum. Ou para que, polo menos, nos introduza pouco a pouco noutros estilos musicais cando pensabamos que nos iamos atopar algo diferente. Aqueles acordes de Demasiadas Mujeres non nos introducían sen máis, senón que tamén abrían camiño a que Los Tontos ou CAMBIA! fosen dixeridos dun modo diferente.

E, entre dúas augas, están Cuándo Olvidaré ou Te Olvidaste. Porque aparecen no medio de temas cuxo estilo musical é definido de maneira máis directa. Porque non casan con ningún dos dous estilos que definen ao álbum e que, ao mesmo tempo, supoñen o maior e o peor do disco.

C. Tangana na primeira parte do álbum colle influencias de estilos máis clásicos cunha produción máis similar á que nos ten acostumados. A segunda parte, salvo excepcións, supón un achegamento a esas rumbas e boleros de maneira directa. Crúa. Achegamentos incluso ao rock, no caso de Hong Kong. Nese sentido, a primeira parte serve para que a chegada da segunda sexa cómoda. Non nos bota fóra, senón que intenta que as recibamos dunha maneira natural.

Con todo… A dualidade funciona a medias. Ao final, a túa parte favorita do álbum é unha ou outra. As cancións que repetirás ata a saciedade son unhas, ou outras, poñendo como punto de inflexión Ingobernable. Se a parte que che encanta é a primeira, Cuándo Olvidaré e Te Olvidaste axudaranche a dixerir o resto. Se é a segunda, simplemente comezas no punto de partida da acústica.

E é aí onde reside, en maior medida, esa irregularidade da que falabamos antes. C. Tangana non consegue que El Madrileño teña un corpo fixo debido a que as idas e vidas estilísticas non axudan a solidificar o proxecto. Ademais, a segunda parte do álbum non xera esa innovación e mestura que podía ser chamada pola primeira parte do álbum. As pezas funcionan de maneira individual, pero igual que o fan elas, antes o fixeron tantas outras mellores e moito antes.

O único tema que escapa das vantaxes e desvantaxes da dualidade e do ritmo do álbum é quen o pecha: Hong Kong. Aquí, sen ningún tipo de salvación por acumulación, o tema rockeiro queda en coiros e se mostra esquecible, vago e moito máis estándar do que calquera podería desexar.

O que máis chama atención en global é que o álbum reproduce un segredo a voces: o trap morreu. Xa non chama. Xa non vende. E a proba dilo é que a cara máis coñecida do mainstream renega del. A capacidade deste para chegar esgotouse, e os seus últimos coletazos veñen de parte de extremismos: por unha banda, a experimentación dos seus sons ata o límite soan forte en Reino Unido, onde o drill e o grime continúan a ter unha vida saudable; e pola outra está isto, ou o do novo traballo de artistas como slowthai, R.A.P. Ferreira ou Døves. Influencia. Como moito. E sutil. Deixes que nos lembran o que soaba noutros anos.

Ao final, este é o proxecto máis ambicioso de C. Tangana. Procura chegar a ritmos e sons que a súa música levaba xa un tempo buscando introducir. O resultado? Canto menos, chamativo. Dentro das súa dualidade, El Madrileño é tan irregular como excelente.

7
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.