Car Seat Headrest renovan o seu son en ‘Making a Door Less Open’

Release Date
1 Maio, 2020
Discográfica
Matador Records
Xénero
Indie rock
Our Score
7.9

Moito se ten escrito sobre Car Seat Headrest (aínda que en galego, non demasiado). E é que esta banda, ideada orixinalmente coma un proxecto persoal de alma lo-fi polo seu cantante e líder Will Toledo, logrou facerse un nome por si mesma dentro panorama underground americano ata converterse na singularidade que é agora: a banda de culto máis mainstream da actualidade.

Atrás queda aquela etapa iniciática, a comezos dos anos dez, na que Toledo se vía obrigado a gravar os seus temas no seu cuarto ou mesmo no asento traseiro do seu coche -dando lugar así a un dos nomes de grupo máis trabalinguas que se coñecen-. Car Seat Headrest é hoxe unha banda sólida, ambiciosa e madura. E así o veñen demostrando dende o seu sobresaínte Teens of Denial (2016) ou dende o seu conceptual -e icónico- Twin Fantasy (2018), a pesar do feito de que este último traballo non fora orixinal, senón unha regravación con banda do álbum homónimo publicado por Will en solitario no 2011.

O seguinte paso nesta, canto menos, curiosa traxectoria antoxábase tan impredicible como esperado, e o certo é que Car Seat Headrest segue sen defraudar. Making a door less open chega alá a onde os anteriores traballos non o facían e faino na medida xusta, mediante unha suxerente e precisa mestura de EDM con rock and roll. Neste sentido, os fans máis acérrimos do rock de guitarras, que tanto leva defendendo a banda dende as súas orixes, poden respirar tranquilos.

E é que este álbum non é aquel que Can’t cool me down, primeiro adianto do disco, parecía anticipar. A electrónica está moi presente, dende logo, pero tamén moi nivelada, sen chegar nunca a eclipsar ao resto de xéneros que conforman o curioso universo Car Seat Headrest: soul, new wave, doo-woop, hip-hop…

Outro punto interesante a ter en conta á hora de analizar este álbum é o proceso de composición e gravación empregado, totalmente diferente ao modelo Toledo-centrista que os caracterizou ata agora. O álbum está publicado baixo o selo Car Seat Headrest, pero nace dunha simbiose entre esta banda e o proxecto humorístico-experimental (moi próximo á cultura do shitposting) 1 Trait Danger, desenvolvido polo seu batería Andrew Katz durante as xiras. Algúns elementos deste proxecto son directamente fagocitados pola banda, tales como a imaxinería (en efecto, a máscara que loce Toledo nas actuacións ten unha orixe previa aos tempos da pandemia) ou recursos propios da escola EDM da que provén Katz.

A banda vén de confirmar tamén que as cancións foron gravadas inicialmente con dous arranxos distintos, un electrónico e outro acústico, que posteriormente se mesturaron seleccionando os elementos máis interesantes de cada un deles. Por se isto non fora suficientemente estraño, cada unha das versións do álbum (dixital, vinilo ou CD) mostra un resultado deste proceso diferente (aclaramos que esta crítica corresponde á versión dixital).

A pesar do pouco ortodoxo do método de composición, as ambicións da banda cristalizan dun xeito envexable na maioría das cancións. Podemos atopar sintetizadores exquisitamente entretecidos coa guitarra en pezas como Weightlifters, Deadlines (Hostile) ou no marabilloso corte pop que é Martin. Non obstante, o balance non está tan logrado por momentos e hai tamén certa marxe para o caos. En Hymn – Remix asistimos a unha banda perdéndose en camiños electrónicos abertos por ela mesma e en What’s with you lately atopamos unha canción completamente acústica, que non chega a ser o suficientemente interesante como para sequera xustificar a súa existencia.

De todos xeitos, estes son detalles menores comparados co que quizais sexa o peor aspecto do disco: o difícil que resulta identificar a esencia folk de moitas das composicións. Isto é debido a unha produción excesiva para os estándares aos que Car Seat Headrest nos ten acostumados, que soterra parte da identidade de Toledo á hora de compoñer.

Aínda así, os mellores momentos do disco superan por moito aos peores. É o caso de Hollywood, canción que, a pesar de non mostrar demasiada coherencia sonora co resto de pezas, merece ser destacada, grazas á súa refrescante actitude punk e á súa ácida letra sobre os monstros que aínda habitan Hollywood (por desgraza, quedan moitos Weinstein).

Indo máis alá, se algunha canción merece unha mención especial, esta é There must be more than blood, que se revela como a mellor do disco. O seu longo crescendo, cocido a lume lento (que retrotraerá a máis de un aos primeiros traballos da banda), acada o clímax nun dos momentos máis cálidos do álbum,sumindo ao oínte nunha agradable sensación de catarse colectiva. O clímax desta canción é tamén o do álbum, que remata inmediatamente despois coa singular Famous.

En definitiva, Car Seat Headrest demostra a súa capacidade para ser a banda que queren ser neste momento. A súa inmersión na electrónica é notoria e vén a cambiar para sempre algúns dos seus aspectos máis característicos, coma o seu son sucio ou a súa identidade folk. A banda logra saír airosa desta renovación, asinando un traballo cerebral, maduro e refrescante no que atopamos, como xa é costume, unha manchea de novas cancións que nos acompañarán sempre.

7.9
Pódeche interesar...
Mundo Prestigio estrean videoclip con ‘Mundo Nuno’