Carly Rae Jepsen garda o mellor para ‘Dedicated Side B’

Release Date
21 Maio, 2020
Discográfica
Schoolboy/Interscope Records
Xénero
Pop
Our Score
7

O máis importante que aprendín nestes anos de exploración musical foi que na música non hai cabida para prexuízos nin elitismos. O mundo musical é demasiado antigo, humano e inabarcable como para reducilo a máximas de “isto merécese a miña escoita” ou “isto é demasiado comercial”. E Carly Rae Jepsen, entre moitos outros expoñentes do pop, é unha gran mostra disto.

Tras catro anos de intensivas xiras e colaboracións, viu a luz Dedicated (2019), nunha liña lixeiramente diferente, máis achegada ao disco e ao dance-pop. E despois das expectativas que deixara o colosal E·MO·TION, un pouco decepcionante tamén. A pesar dos bangers que nos regalaba Dedicated, estes acababan perdéndose nun percorrido que remataba soando tibio e pouco transcendental.

Pero como xa apuntei antes, Carly é unha máquina do pop, capaz de facer temas extremadamente accesibles e pegadizos ata en soños. No proceso de realización de Dedicated, compuxo máis de 200 cancións. Unha remesa de doce delas conseguen facerse agora o camiño ata este Dedicated Side B. E o certo é que -como xa pasara co E·MO·TION SIDE B (2016)- cómpre non deixarse engañar pola aparencia de disco de “sobras”. Aínda que carrexando algúns dos fallos do antecesor, eríxese coma un traballo moito máis sólido e refrescante que a súa némese.

Se Carly Rae Jepsen tivese preferido poñerlle outro título independente a esta Cara B, tivera colado perfectamente como un disco novo. E máis aínda, tivérase librado da etiqueta de “segundón” e gozado de moita máis repercusión. Tampouco existen conexións conceptuais: mentres que a Cara A presentábase nunha clave moito máis baixa e moderada, esta Cara B amosa un ritmo máis rápido e optimista, afastándose do chill disco e somerxéndose no summer pop.

O título inicial de Dedicated ía ser Music To Clean Your House To, mais pasar a aspiradora anticípase moito máis divertido ao son desta Cara B. Salvando as -enormes- diferenzas, é inevitable comparar a experiencia que nos agasalla Jepsen coa que soamente unha semana antes o fixera Charli XCX. Se how i’m feeling now funcionara como unha magnífica cápsula do sentir e o botar de menos no illamento, chega agora Carly para darnos o oposto e animarnos a saír de casa a tomar o sol, ir de festa e atopar un amor de verán.

Dedicated Side B é unha unha compilación de doce absolutos bangers. E o problema dos grandes hits é que, cando están prefabricados para selo, adoitan caer en fórmulas estereotípicas demasiado gastadas para o oído. This Love Isn’t Crazy abre o disco enerxicamente e, con claras reminiscencias dos 80, eríxese como un himno do desconfinamento. A produción corre a cargo de Jack Antonoff, un auténtico sociólogo da música pop. Mais desta vez non é quen de fuxir de recursos que recordan demasiado a un temita perfectamente asequible para un anuncio promocional de Divinity.

A continuación, Window pon o contrapunto alixeirado en clave funky. Esta vai ser unha dinámica que se repetirá varias veces ao longo do percorrido: aínda cos seus máis e os seus menos, consegue contruír un percorrido estable que, sen perder nunca o ritmo, amáñanse para dar algúns momentos de descanso.

Nesta mesma tónica enlázanse Felt This Way e Stay Away, un tándem que formula o punto álxido do disco. Ambas comparten parte da letra -o primeiro verso, e o pre-retrouso e retrouso respectivamente-, albiscando un proceso de composición no que unha canción se pode converter en dúas completamente diferentes. A primeira transcorre con calma e dozura, e a seguinte transfórmase nun estoupido embriagador. Como dixo Cat Zhang para Pitchfork, é “a mesma canción despois dun chupito de vodka”.

Quizais a principal razón pola que a música de Carly Rae Jepsen é tan conceptualmente accesible e refrixerante é porque, dalgunha forma, consegue atallar sempre o tema universal do amor para levalo a diferentes lugares, nun perpetuo estado de crush que non se esgota. Deste xeito, a tenrura relacional de Heartbeat -producida dun xeito tan concienciudamente envolvente que resulta sonoramente rancia- encaixa á perfección coa sensualidade fortuíta de Summer Love ou coa oda á solteiría de Solo.

Desgraciadamente, Jepsen deixa o peor para o final. Now I Don’t Hate California After All conclúe o disco intentando reunir forzadamente todas as sensacións do verán, da brisa apaciguando o ardor dos raios de sol na cara, e fracasa estrepitosamente no intento. Mentres os sons chillwave e os tenues de riffs de guitarra se fusionan co son das ondas do mar, transpórtanos a unha sorte de paraíso tropical modesto que recorda máis ben a unha praia infestada de algas a mediados de setembro.

Todo o que envolve a Carly Rae Jepsen é tan modesto que semella difícil colocala, aínda que o mereza, á altura da brigada de grandes divas do pop do momento. Desde o tratamento dos temas ao resultado final e, sobre todo, ao proceso de produción e distribución. Só desde esta modesta honestidade pódese entender que estes cortes se enmarquen como refritos do que Dedicated deixou atrás.

E tamén son mostra, xunto a E·MO·TION SIDE B, de que Jepsen pensa e repensa demasiado a estrutura final dos seus discos prioritarios, relaxando e, inconscientemente, deixando o mellor para as caras B. Parece ser que, como máquina de composición que é, xa ten outro disco elaborado durante a corentena listo para gravar. Esperemos que desta vez a cara A consiga capturar todo o seu potencial. E sobre todo, que siga evolucionando e reatopando algún atisbo desa maxia que impregnou E·MO·TION e desapareceu parcialmente en Dedicated.

7
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.