Cecilio G – Milion Dollar Baby (CEEGEEOTCP)

Fecha de lanzamiento
14 febrero, 2019
Discográfica
La Vendicion Records
Xénero
Hip Hop
A nosa puntuación
10

Os primeiros contactos habituais con Cecilio G fai uns anos non eran sequera con el como protagonista. Era aquel que dicía o de “Dame un cigarrito que me comen los nervios” en ‘Cual es el tabaco mas caro que hay?’, de Kinder Malo, e de aí igual rematabas nalgún tema del. Un produto máis de Youtube. Visto en perspectiva, destacan moitas cousas daquel trap estatal básico, xa anticuado, ao que está a pasar a día de hoxe no panorama.

Co paso dos anos, as críticas que se lle facían a aquela música eran cada vez máis obvias: era simple, fato, sen gancho a longo prazo. Axiña, naceu unha pequena “necesidade”: para que o trap estatal puidese manterse ao longo do tempo, este debería evolucionar.

Nese senso, aparecen novas maneiras de ver este tipo de música, e búscase explotar este por diferentes medios: C. Tangana pégase tal vez á explotación máis clásica do estilo, copando o son máis estadounidense deste e facéndoo unha marca propia, con eivas cara a música latina; Yung Beef procura un son máis experimental con sons como os lanzados no seu ADROMICFMS 4 por unha banda, e por outra pégase ao R&B con maquetas como El Plugg Mixtape (2018) ou Traumatismo Kraneoencefalico (2018), con Goa; Pimp Flaco tenta achegarse ao indie mediante o proxecto Cupido, etcétera.

Por outra banda, houbo quen foi máis ou menos fiel ao seu estilo, xa dende un comezo máis diferente. Así, dende as Illas Canarias, Bejo ou Don Patricio reafirmaban e refinaban os estilos cos que comezaron en Locoplaya, e por outra banda tamén pasou algo similar con Cecilio G.

Hai un par de anos, era totalmente normal que o caos que reinaba na música de Cecilio G, onde nin lírica nin bases parecían querer casar nunca, asustase. Non foi ata finais de 2017, coa saída de ‘From Darkness With Love‘, onde o artista comezou a afinar cada vez máis o seu lugar na industria e no movemento trap do Estado español. Naquel tema todo parecía, dentro dun caos bastante sinalado, funcionar. E foi cuestión de tempo —forzado tamén pola estancia do artista no cárcere— que este estilo e este caos chegasen a unha calma, culminándose en Milion Dollar Baby (CEEGEEOTCP) neste 2019.

Neste refinamento, varias cuestións chaman a atención: en primeiro lugar, as cancións veñen xa todas dotadas dun corpo e un retrouso claros, con referencias continuas entre as propias cancións do artista, sexan ou non parte do álbum. Por outra parte, nun senso estritamente lírico, ego e marronismo típico —e tópico— do trap comparten espazo agora cun toque persoal que parecía desaparecido na obra de Cecilio G: temos referencias (e moitas) á súa vida persoal, ás súas vivencias e á súa familia. Isto é totalmente combinado na penúltima canción que —case— dá nome ao disco, ‘Million Dollar Baby, onde Cecilio repasa a súa cronoloxía nun dobre sentido: por un lado, as estrofas falan dos seus anos de vida, nunha vista a longo prazo; e por outro, no retrouso, fala do que fai no curto prazo, nunha semana normal de vida. Todo isto baixo piano e bombo como fíos condutores.

Na produción, LIMABEATZ encárgase dos momentos máis aloucados, salvaxes, nunha liña máis achegada ao que xa coñeciamos do artista, xa presente anteriormente o mesmo produtor en temas como ‘Pikete Espacial. Os momentos tensos, e de máis interese e profundidade, veñen da man de Marvin Cruz, colaborador tamén de artistas como Yung Beef, Lil Uzi Vert e Playboi Carti. Nos temas mostra a súa faceta máis “intensa”, seria, tal vez na que máis acertado está sempre.

O álbum remata con ‘Porque te vas’, onde é King Jedet o encargado de dar voz á cover do clásico. Aquí xa está ausente Cecilio, que participou na culminación do álbum mediante o tema anterior. A importancia desta canción non reside en si mesma, senón na plenitude que outorga ao resto do álbum nun ámbito organizativo.

Dende ‘Intro’ (producida por LIMABEATZ) a esta, todo transcorre nunha perfecta estrutura argumental: os solapes das letras axudan a que o álbum non perda ritmo, e as cancións xeran a tensión necesaria para que o corpo do disco se preste cheo e que, unha vez este remate, non pareza nunca mala idea volver escoitalo.

Nisto tamén ten gran transcendencia a duración do álbum: os seus 21 minutos de lonxitude fano sinxelo de dixerir, mais ao mesmo tempo o resultado é, sen máis, curto. Se lle sumas a isto o feito de que no último tema non está nin o artista principal, nin tampouco mantén o mesmo estilo musical, quédannos 18 minutos de disco.

As duracións curtas dos lanzamentos tampouco son novidade no artista catalán, mais a diferenza entre un álbum e o resto de mixtapes ao que nos ten acostumados fan que este perda seriedade e amosa unha falta de ambición necesarias, que desvirtualizan en certa medida o significado da palabra “álbum”. Isto é un dos principais hándicaps dun traballo, pois se ben pode parecer positivo que nos deixe reiteradamente con ganas de máis, tamén pode entenderse como unha falta de contido final.

Milion Dollar Baby supón a culminación dun crecemento musical que Cecilio G levaba, como mínimo, dous anos procurando. Curto para uns, ou necesario para outros, estamos ante a consolidación dun dos artistas máis irreverentes e estraños do trap estatal.

Cecilio G – Milion Dollar Baby (CEEGEEOTCP)
10
Pódeche interesar...
Desert Sessions – Vols. 11 & 12