Charli XCX inmortaliza o confinamento en ‘how i’m feeling now’

Release Date
15 Maio, 2020
Discográfica
Asylum Records
Xénero
Pop
Our Score
9.2

A produtividade non foi a tónica xeral no confinamento. A presión psicolóxica xerada polas circunstancias sociais, económicas e sanitarias provocou que a maioría de nós nos vísemos incapaces de sacar calquera traballo adiante. Pero para Charli XCX non foi así. A principios do pasado abril, dúas semanas despois do inicio da corentena en Los Angeles -a súa residencia adoptiva-, anunciou nun live streaming que ía “empregar o illamento para facer un novo álbum desde cero”.

Ese mesmo día, anunciou que o disco sairía o 15 de abril. Prometer un novo traballo a cinco semanas vista non é moco de pavo. E sobre todo coas expectativas que o mundo ten postas en Charli XCX. Tras anos producindo e colaborando con grandes nomes da industria, Charli foi facéndose mediante o traballo exhaustivo un oco propio. Finalmente, Pop 2 (2017) e Charli (2019) erguérona ao máis alto do panorama musical.

Pero Charli é un auténtico terremoto. Sabidamente recoñecida como a “artista pop do futuro”, con how i’m feeling now proponse dar un paso máis adiante. Charli XCX fíxose a si mesma, e agora decide facer un álbum unicamente coas ferramentas que ten nas súas mans, xunto coa colaboración a distancia doutros cinco produtores; entre eles A.G. Cook, con quen coproducira o seu anterior disco, e Dylan Brandy, deixando unha importante pegada do artesanal EDM de 100 gecs ao longo de todo o traballo.

Durante estas cinco semanas, todos puidemos presenciar o desenvolvemento de how i’m feeling now. Directos de Instagram mesturando as pistas ou mostrándoas aos seguidores, actualizacións diarias en Twitter sobre o proceso e incluso estímulos activos para que os fans fixesen mixes dos adiantos armaron un dos procesos de creación musical máis colaborativos da historia.

E o resultado é brillante. Charli desfaise de calquera pretensión de ambrosía apoteótica. Atopa o equilibrio perfecto entre a sinxeleza no significado e a caótica maxistralidade na forma, sempre na exploración cara novos horizontes. Ata tal punto que se dilúen as fronteiras do xénero, e un se pregunta se está ante un disco de pop ou de electrónica experimental.

A paulatina implosión de todos os paradigmas do pop é unha constante na traxectoria de Charli XCX e, como cabería esperar, how i’m feeling now dá outro paso adiante cara á deconstrucción da familiaridade sonora. O disco abre coa atrevida pink diamond, conformada mediante electrónicas industriais moi escuras. E pecha con visions, onde a propia canción se distorsiona entre beats ametralladores ata que acaba destruíndose a si mesma.

Mais en última instancia, how i’m feeling now é un disco de pop. Porque entre estes dous cortes argállase un percorrido extremadamente íntimo co que calquera que escoite se poderá sentir identificado.  Detrás da infinidade de arranxos electrónicos, atópase unha carta de amor de 37 minutos de duración. Charli íspese por dentro, amosa a súa vulnerabilidade e volca todas as emocións vividas nesta corentena.

Fala de botar de menos ao seu mozo e como a súa relación medrou a distancia: “Could’ve fallen but we only grew, so I made my house a home with you” (Poderíamos ter caído pero só medramos, así que fixen a miña casa un fogar contigo), canta en 7 years. Pero tamén se abre sobre a súa saúde mental durante a corentena, e como continuar cando todo volva á normallidade: “I’m so uninspired, I just wanna breathe” (Estou tan pouco inspirada, só quero respirar) berra con furia contida en anthems. Incluso chega a preguntarse se realmente merece ser querida en detonate: “I don’t trust myself alone, why should you love me?” (Non confío en min mesma soa, por que deberías quererme?).

Non existe un corte desbotable neste disco case improvisado. Resulta mesmo estraño como cancións tan desconectadas entre si son capaces de unificarse para conformar unha viaxe emocional extremadamente compacta. Nunha está a falar do ben que senta a nova forma de vivir a fama a través dun directo de Instagram, e na seguinte, describe agridocemente como as dificultades dunha relación a distancia poden solidificar un vínculo para sempre. Ou da caoticamente explosiva c2.0 -a secuela de Click, un dos cortes estelares de Charli (2019)- pasamos á nebulosa de calma con party 4 u.

Unha vez máis, Charli XCX deixou clara a inesgotabilidade do seu xenio. Co fin de manterse produtiva e positiva durante a corentena, decide facer un álbum DIY. E how i’m feeling now remata sendo un dos traballos máis rechamantes dos últimos meses, conseguindo conxugar a incansable ansia de experimentación electrónica co familiar desfrute das melodías pop convencionais.

Disco a disco, Charli XCX deixa de ser a estrela pop do futuro para selo cada vez máis do presente. O que fai artista a un músico e a súa capacidade de transcender coa súa creación na vida de quen os escoita. Dentro duns meses, e duns anos, miraremos cara atrás e recordemos todos os efectos que este illamento está a ter en nós. E quen teña a sorte de ter pasado por este disco, vencellará automaticamente esta lembranza a anthems. Longa vida a Charli XCX, a todos os himnos que nos ten agasallado durante estes anos e a todos os que aínda están por chegar.

9.2
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.