Denzel Curry sintetiza toda a súa carreira en ‘13LOOD 1N + 13LOOD OUT MIX’

Data de lanzamento
6 Xaneiro, 2020
Discográfica
Autoeditado
Xénero
Rap
A nosa puntuación
8.2

Cantas veces escoitamos como algo negativo a expresión rapeiro de soundcloud? De onde vén, e por que dita rede social chegou a ter a importancia que ten a día de hoxe? Se queremos buscar culpables, pioneiros ou verdadeiros éxitos ao redor da plataforma, sen dúbida, temos que falar de Denzel Curry

Obviamente, sabemos que a nivel global que un artista apareza nas nosas listas do mellor de ano non significa absolutamente nada. E con todo, nese contido que facemos anualmente só un par de artistas apareceron nos dous anos que estamos en liña, sendo un este rapeiro de Florida.

Un dos primeiros temas que apareceron na plataforma firmados por Denzel foi Threatz. A día de hoxe, dito tema supera os 7 millóns de visitas en Soundcloud e dobla as visitas en Youtube, onde xa vai polos 14 millóns. En 2013 un trap tan escuro resultaba un rara avis. Kendrick Lamar viña de lanzar o ano pasado o seu good kid, m.A.A.d city, Lil Ugly Mane lanzara tamén de maneira pouco recoñecida aínda o seu Mista Thug Isolation e Death Grips naquel 2012 aínda remataba de lanzar o seu The Money Store.

Foron feitos suficientes para que Kanye, ao ano seguinte, lanzase Yeezus e que artistas como Denzel decidiran que a súa música tiña que ter algo diferente. Ían quedar atrás moitos artistas The Roots, Jay Z, Reks ou Drake, tendo este último latente en si unha incapacidade para manterse na cima non tanto por quen era el, senón pola música que lle permitira gañarse á crítica con aqueles interesantes Take Care (2011) e Nothing Was the Same (2013).

Soundcloud abriu unha época nova para o rap. Tras ser algo non tan coñecido, nin tan seguido, a dispoñibilidade de escoitar temas e máis temas a través dunha rede social aparecía agora revolucionario. Calquera podía subir os seus temas, buscando repetir o éxito que artistas como Denzel Curry conseguiran a través da plataforma.

Tras lanzar en 2013 Nostalgic 64 en Soundcloud, non houbo novo álbum de Denzel ata moito despois. Tampouco moito máis que un sinxelo por ano. E chegou 2016, e Imperial saíu á luz confirmando que a era de rapeiros de Soundcloud, tan intensa, acababa de firmar o seu epitafio. Imperial era fantástico, e recollía xa non só o mellor da música que Denzel facía, senón tamén o que mellor parecía funcionar e identificar aquel trap escuro e psicodélico que floreceu na plataforma.

Con todo, o que caracterizaba a Denzel é que nunca se identificou realmente coa definición clásica de rapeiro. O de Florida non tiña interese por dito mundo, senón polo do rock. Era fan do rock, do ambiente que se creaba nos seus concertos. A súa música, se ben conta cun nivel lírico que golpea e encanta, procuraba crear o entorno necesario para que os seus concertos estiveran cheos de pogos, de wall of deaths e de crowdsurfings. Os ritmos de Denzel soan viciosos, intensos e rápidos, creando unha tormenta ao seu paso e cuxo único intento de calma ven da súa voz aguda que moitas veces se vai ata a afonía para chegar a notas máis altas.

Nos dous últimos anos vimos ao rapeiro estender a súa música aínda máis en dous proxectos cuxa conexión é mínima entre eles, pero que completan á perfección o son que Denzel traballou nestes anos. Por unha banda, en 2018 chegou o fantástico e psicodélico TA1300, onde a parte máis rebelde e experimental de Curry tomaba espazo nun álbum ás veces máis lento do que se podía esperar, pero onde as bases buscaban crear unha ambientación escura. Pola outra, un ano despois, fai relativamente pouco chegaba Zuu. Aquí, o artista estadounidense recuperaba o seu son máis sucio e clásico, como se estivésemos ante unha nova versión de Imperial menos decorada, máis directa e rápida.

A día de hoxe, parece que Denzel Curry non ten moito máis que mostrar, pois podemos comezar a afirmar que o seu desenvolvemento natural xa rematou e que daquel artista de Soundcloud xa non queda moito. 13LOOD 1N + 13LOOD OUT podería ser un perfecto epitafio a anos de evolución, e onde tan só trece minutos son suficientes para mostrar que é, a día de hoxe, un dos rapeiros máis interesantes da escena estadounidense.

O novo traballo, en maneira de mesturas e lanzado de maneira gratuíta no Youtube, ben se podería considerar un EP que pon fin a unha época. Denzel Curry fai unha síntese de todo o que a súa música cambiou durante estes anos, tal vez de maneira tan curta: aparecen agora no traballo eses ritmos rápidos e sen descanso dos seus traballos máis hardcore, traballando de novo con velocidades que nos son recentes como as de Zuu —sen esquecer traballos anteriores— con esas bases escuras que fixeron fantástico TA1300. Non sorprende, tampouco, pero funciona á perfección.

Sen darnos conta, acabamos atrapados no álbum coma se estivésemos a un tornado do que é imposible saír. As bases golpean forte, sen darnos practicamente descansos e confundíndonos: non saberemos se estaremos dentro dun álbum longo ou curto, pois as emocións cabalgaran unhas enriba das outras sen descanso. Os temas entran un tras outro de maneira perfecta, e as transicións fan que custe incluso distinguilas: de CHARLIE SHEEN a EVIL TWIN o cambio golpea duro, pero a adaptación ven soa e seremos capaz de conectar cos seguintes temas da mesma forma. Non hai, en ningún momento, intención tampouco de que os descansos sexan algo esencial. Se existen, son para preparar os nosos ouvidos para algo forte e que nos manteña atentos á creación.

Ao mesmo tempo, o álbum conta con moitas colaboracións. Así, aparecerán neses minutos Ghostemane, Zillakami, Xavier Wulf e AK. Todos aportarán algo, e todos farán que as cancións sexan redondeadas. Forman parte do espectáculo, e axudan a conseguir que en tan pouco espazo todo soe tan completo.

Quedaría agora comprobar cara onde vai este son. Se ben é impresionante que Denzel Curry conseguira en 13LOOD 1N + 13LOOD OUT conxugar todos os sons que creara nos anos pasados, non deixa de ser un EP de trece minutos e non un dos seus traballos longos onde xa tantas veces demostrou avanzar. Se finalmente estamos nunha conclusión estilística ou nun avance cara novos sons, a este nivel produtivo, o veremos máis cedo que tarde.

8.2
Pódeche interesar...
Verto: “Ao final o que queriamos era facer música que lles fixese bailar aos nosos colegas”