Anna Calvi revisita as súas melodías en ‘Hunted’

Release Date
6 Marzo, 2020
Discográfica
Domino
Xénero
Art-Rock
Our Score
7.5

Cando escoitei en directo as cancións de Hunter, o disco que Anna Calvi publicou en 2018, eran composicións que estaban en constante estado de transformación. Durante a súa actuación na sala Capitol de Compostela, a cantante británica xogou coas estruturas destas cancións e coa dinámica das súas interpretacións, facendo que a súa escoita supuxese unha experiencia completamente nova.

Quizais por esta razón atopei tan acertada a decisión de Anna Calvi de revisitar algúns destes cortes en Hunted, un novo lanzamento onde se atopa acompañada doutros artistas da talla de Julia Holter, Idles ou Courtney Barnett.

Porén as versións das cancións que atopamos en Hunted pouco teñen que ver coas pasaxes estendidas, as improvisacións e as interpretacións case teatrais que Anna Calvi levara ao directo das cancións de Hunted. Desta volta a británica decidiu recuperar as primeiras gravacións destas pistas, demos que realizou nun pequeno estudo situado nun ático ao pouco tempo de compoñer as cancións. As melodías rexistradas transmiten unha sensación moito máis íntima, acompañadas dunha produción moito máis orgánica e natural que a do traballo onde a viron por primeira vez.

Se ben estas gravacións comezaron como demos para un disco, este novo lanzamento non está composto por traballos inacabados. Anna Calvi revisitou estas sesións con algúns dos artistas que inspiraron as propias composicións para rematar unha revisión das mesmas músicas dende unha ollada diferente.

Hunted comeza con Swimming Pool, unha canción á que Julia Holter aportou unha composición coral que que fai moito máis rica a instrumentación. En Eden, Charlotte Gainsbourg aporta máis drámatismo coa súa voz, que a propia Anna Calvi afirma admirar pola maneira na que emprega os rexistros máis suaves e sutís, chegando a asegurar que cando escribiu Eden “tiña a voz de Charlotte na miña cabeza”. En Don’t Beat the Girl out of My Boy Calvi canta a dúo con Courtney Barnett unha versión moito máis pausada dun dos singles máis destacados de Hunter, mentres que en Wish a base rítmica de Idles aumenta todavía máis a enerxía desta canción.

Hunted tamén conta con novas versións de Away, Indies or Paradise e Hunter, onde se ben Anna Calvi non conta con máis colaboradores, si que aporta revisións destas pistas cun son moito máis cru que xustifica a súa existencia. Se ben este traballo non supón nada máis alá que unha nova ollada a uns temas que xa coñeciamos dende hai máis dun ano, Hunted plantexa unha proposta interesante onde as gravacións máis privadas dunha fascinante artista como Anna Calvi abandoaron o seu fogar para chegar as mans de distintos artistas que aportaron a súa visión persoal as composicións da cantante británica.

7.5
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.