Grimes pon banda sonora á fin do mundo con ‘Miss Anthropocene’

Release Date
21 Febreiro, 2020
Discográfica
4AD
Xénero
Art Pop
Our Score
8

Aínda que resulte difícil de crer, o novo disco de Grimes xa está aquí. Cada vez semella unha odisea maior poder chegar a escoitar os novos traballos de Claire Boucher. Despois de darse a conocer internacionalmente en 2012 co lanzamento de Visions, o lanzamento de seu seguinte traballo comezou a demorarse máis da conta, vendo a luz finalmente en 2015, despois de desbotar numerosas cancións compostas previamente como Go ou a versión orixinal de REALiTi, unha pista que finalmente reaparecería en Art Angels cun completo lavado de cara.

Pero se ben aquela espera entre 2012 e 2015 fixérase eterna, a que seguiu á publicación de Art Angels foi todavía máis longa. En 2018 semellaba que xa estabamos máis preto tras a publicación do single We Appreciate Power, unha canción cheas de guitarras distorsionadas que lembraban ao nu-metal e unha produción con influencias do industrial de Skinny Puppy que daba a entender que o quinto disco de Grimes podería supoñer un gran cambio no seu estilo.

Pero o tempo seguía a pasar e o disco todavía non chegaba. Quizáis este Miss Anthropocene non resulte tan sorprendente ao escoitalo agora, xa que seu son non se atopa tan alonxado respecto ao Art Angels despois deste descanso de cinco anos. Miss Anthropocene é unha evolución natural do son de Grimes que xa coñeciamos, máis refinado e máis enfocado ca antes.

Porén unha das características que máis diferencia este novo álbum do Art Angels é o seu tono escuro e melancólico, que choca coa marcada vitalidade do seu predecesor. Xa dende So Heavy I Fell Through the Earth, a canción que abre o disco, queda claro que Miss Anthropocene ten personalidade propia, cun son máis denso e unha estética máis distópica. Non sorprende que a música de Grimes vaia aparecer no Cyberpunk 2077, un dos videoxogos máis esperados do ano.

Todos os acertos de Miss Anthropocene conflúen en 4ÆM, quizais a mellor canción de todo o disco. Dentro dos catro minutos e medio que dura esta pista Grimes é capaz de crear un universo completo que vive e respira no seu interior mediante a mistura de sons que evocan unha multiculturalidade ao estilo do Los Angeles de Blade Runner, melodías melancónicas e ritmos frenéticos e mesmo eufóricos.

As guitarras de We Appreciate Power mutaron e convertéronse en elementos case ambientais aínda que cheos de distorsión, que definen o son de pistas como My Name Is Dark ou Before the Fever, mentras que en Delete Forever grimes atrévese coa guitarra acústica e mesmo un banjo para construir unha canción que, dalgún xeito, segue a soar futurista a pesar da súa instrumentación.

Ao igual que en Art Angels, Miss Anthropocene conta cun par de colaboracións, a da rapeira taiwanesa 潘PAN en Darkseid, unha das pistas cun son máis postapocalíptico de todo o disco, e o produtor i_o en Violence, o single principal deste álbum, cuns certos aires de synthwave e un son que por momentos lembra a deadmau5.

Meses antes do lanzamento deste disco Grimes dera a entender que se trataría dun álbum conceptual, xirando aredor da personaxe de Miss Anthropocene, o cambio climático traído á vida en forma dunha supervilana antropomórfica.

Porén, botando unha ollada as letras das cancións que compoñen este disco no se percibe ningún tipo de fío condutor nas temáticas abordadas, que a maior parte do tempo se moven por terreos bastante persoais e autobiográficos. Pero esto non significa que estas cancións non encaixen unha ao lado da outra, xa que tanto polos seus sons como polas sensacións que transmiten conforman quizais o traballo máis cohesionado da canadense.

Miss Anthropocene non é o mellor disco de Grimes, fáltanlle singles tan destacables como os que tivo Visions ou a capacidade de sorprender de Art Angels, pero non por iso é un álbum esquecible. Ao longo destas 10 cancións atopamos unha visión creativa única que non ofrece ningún outro artista, paisaxes sonoras etéreas, distópicas, pero ao mesmo tempo cheas de beleza.

Miss Anthropocene é probablemente o disco máis triste de Grimes, pero paradóxicamente tamén é un dos seus traballos que acaban nunha nota máis positiva con IDORU. A partir de agora so cabe seguir a soñar escoitando este disco e cruzar os dedos para que a espera de cara ao seguinte traballo de Claire Boucher non sexa tan longa.

8
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.