Lina e Raül Refree reinventan o fado de Amália Rodrigues

Release Date
17 Xaneiro, 2020
Discográfica
Glitterbeat Records
Xénero
Fado contemporáneo
Our Score
8

Antes de converterse nunha artista mundialmente coñecida e recemente na gañadora dun premio Grammy, Rosalía dérase a coñecer cun interesante disco de debut titulado Los Ángeles que foi lanzado en 2017. A primeira canción que escoitei de Rosalía foi De Plata, precisamente unha das pistas de Los Ángeles. Tamén foi a primeira vez que escoitei a Raül Refree, co-autor do disco.

Refree levaba xa quince anos compoñendo e producindo música xunto a distintos artistas, e seu último traballo levouno a colaborar con Lina, actriz e cantante portuguesa, para realizar un álbum titulado Lina_Raül Refree no que revisitan composicións que formaron parte do repertorio da icónica fadista Amália Rodrigues.

Voltando a De Plata, a primeira canción que escoitei de Rosalía, un dos aspectos que máis me gustou foi a guitarra de Raül Refree, que dotaba dun enorme carácter e enerxía á pista, ao mesmo tempo que deixaba espazo suficiente para que a voz de Rosalía levase o protagonismo principal.

Ao darlle ao play a este Lina_Raül Refree, a miña principal curiosidade era escoitar de qué maneira ía convivir a guitarra de Refree coa voz de Lina. Porén, a principal sorpresa que levei foi poder comprobar como a guitarra desaparece case por completo na instrumentación para deixar oco aos sintetizadores e outro tipo de teclados.

Con todo, o minimalismo na produción segue a ser un dos elementos máis característicos deste novo traballo de Refree, algo que queda claro dende Medo, a canción que abre o disco, onde a fermosa voz de Lina flota acompañada unicamente por uns atmosféricos sintetizadores. Uns arpexios a medio camiño entre un rhodes e un sintetizador dotan de ritmo a instrumentación de Cuidei que tinha morrido, mentres que o piano saca a relucir o grande dramatismo de Quando eu era pequenina. A guitarra acústica soamente aparece no corte final, Voz Amália de nós, unha homenaxe a Rodrigues de António Variaçoes.

A pesares de tratarse dunha instrumentación electrónica, que pouco ten que ver coa tradición do fado, as melodías destas cancións funcionan á perfección neste son escuro, atmosférico e melancólico. Así como as guitarras de Los Ángeles, se ben pouco tiñan que ver coa guitarra clásica do flamenco, ían man a man coa enérxica personalidade do disco, non terían cabida neste álbum, moito máis reflexivo.

Resulta moi evidente que Raül Refree admira as melodías e as letras das cancións que xa soaran na voz de Amália Rodrigues, pero non ten medo ningún a plantexar novas ideas completamente alleas ao fado tradicional de cara a acompañalas mediante a instrumentación. O resultado é un traballo que aporta unha nova perspectiva do fado portugués a vez que da nova vida a cancións con moitos anos as súas espaldas.

8
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.