Selena Gomez – Rare

Data de lanzamento
10 Xaneiro, 2020
Discográfica
Interscope
Xénero
Pop
A nosa puntuación
5.5

Esta década destacou, sobre todo, por unha renovación no que coñecemos como música pop. Por unha banda,  sorprendeu que artistas tal que Rihanna, Beyoncé ou Ariana Grande conseguiran renovar os seus sons a melodías anteriormente impensables para artistas como elas, deixando fóra as ideas que tiñamos do que era o pop a principios da década debido a ese tornado imparable que fora Lady Gaga, quen parecía marcar o ritmo do que era o pop.

Alén diso, apareceron novos sons que destacarían por sinalar cal sería o camiño que as grandes deberían marcar: aí estaban, de repente, Frank Ocean, Janelle Monáe, Lorde, e con menos percorrido, artistas como Charli XCX e Carly Rae Jepsen.

Cunha década tan intensa e con tanto cambio, onde se tería que re-aprender tanto, ademais de buscar novos sons e adaptarse ao momento, calquera artista de pop que queira manterse no xogo ten dúas opcións: buscar un son diferente (Beyoncé, con Lemonade), revolucionarse a si mesma e realizar un esforzo camaleónico onde soar como o resto, pero distinguíndose (Ariana Grande, con thank u next), ou intentar continuar vivir das rendas do seu pasado e esperar a que todo vaia ben.

Selena Gomez decidiu a segunda vía en Rare, o seu terceiro álbum en solitario, pero bastante co espírito da terceira opción. Non estamos ante o peor disco de pop da historia, e de feito non resulta horripilante, pero tampouco sentiremos que acabamos de escoitar algo fantástico nin quedaremos con ganas de repetir a experiencia.

A dicir verdade, Selena parecía máis centrada no que estaba facer fai cinco anos, cando o seu anterior álbum vira a luz. Aquel Revival parecía unha pequena resurrección, onde as ideas estaban centradas e parecía que había moita capacidade de mellora na artista. E continuouse demostrando isto nos seguintes tempos, xa preparándonos para Rare, con sinxelos como Bad Liar ou Fetish onde a artista texana deixaba ver as súas mellores caras en cancións divertidas, de ritmo non moi desenvolvido pero onde si conseguías conectar.

E é que esa falta de ritmo, esa monotonía, é algo que caracteriza a música de Selena Gomez ao fin e ao cabo: os seus temas, aínda tendo ritmo pop, non soen estalar nin ter retrousos que queiran ser recordados e cantados como himnos. A súa voz, sen ser a mellor do mundo, consegue soar de todos modos suficientemente recoñecible. E isto, aínda que pareza mentira, debería ser suficiente para ser unha proposta interesante.

Con todo, Rare recolle todo o que o xénero despreza, facendo que esa interesante aposta de Selena quede nun intento equivocado de encantar. Nada destaca, nada sorprende e incluso cancións como Vulnerable parecen xa non só un intento mal pensado de copiar a Lady Gaga, senón que tal é a equivocación que decide simular o son de Gaga en A Star is Born no canto do de Gaga de The Fame.

Existen certos acertos, con todo, nesa monotonía. Os crescendos de People You Know ou Kinda Crazy, aínda que discretos, conseguen que eses pequenos momentos nos que todo aumenta a súa intensidade fagan levantar os ánimos connosco.

As partes máis divertidas do álbum, lamentablemente, ás veces parecen acertadas por pura casualidade. Non semella en ningún momento que os mellores momentos do álbum teñan unha produción pensada para levar esa monotonía a unha fantasía musical, senón que é o bo facer da produción quen se encarga de que as pezas encaixan nun azar marabilloso. Actualízanse os elementos ao que está soando e outros artistas probaron antes, esperando que por sorte os nosos ouvidos recorden sons nos que Selena decide mostrarnos no álbum. A proposta electrop de Selena Gomez en Rare é monótona a propósito, e ao mesmo tempo esta é a súa principal e positiva baza ao mesmo tempo que o seu gran problema. Non será unha escoita negativa, mais ao mesmo tempo non é capaz de encher as necesidades dun xénero nun dos seus momentos cume.

5.5
Pódeche interesar...
O Melona Fest pecha o cartel da súa quinta edición