The Professionals – The Professionals

Data de lanzamento
17 Xaneiro, 2020
Discográfica
Madlib Invazion
Xénero
Hip Hop

O ano pasado, viamos como os astros do gangsta rap se aliñaban en Bandana, onde Madlib puña a disposición de Freddie Gibbs as súas mellores producións e este, a cambio, deixaba versos directos e pulidos. O álbum non precisaba moito para funcionar, e así durante os 46 minutos de duración do álbum viamos tema a tema como todo parecía funcionar.

Ningún dos dous era novo nisto. Madlib leva xa case dúas décadas demostrando álbum a álbum ser un dos produtores máis consecuentes da súa xeración, e se ben a carreira de Freddie Gibbs non se remontaba tan atrás, a súa reunión por primeira vez co produtor californiano foi motivo de celebración: nacera daquelas Piñata (2014), que comezara unha triloxía aínda sen rematar e de cuxo final se pode esperar que continúe no mesmo nivel.

En The Professionals, Madlib deixa a un lado as súas colaboracións con Freddie Gibbs para ir cara un proxecto máis… familiar. Colabora agora con Oh No, o seu irmán, por primeira vez dunha maneira oficial, se ben ambos colaboraron en traballos propios de maneira cooperativa.

Non hai moito que dicir, con todo, do que podería ter saído desta colaboración. Se ben Madlib case sempre pode ser sinalizado polo seu bo facer na produción, o seu irmán non destacou ata o de agora por ser un dos mellores rapeiros aí fora e, lamentablemente, o traballo mostrado en The Professionals non pasará á historia. E non só para Oh No, senón tampouco para o seu irmán.

Dende a mesma The Pros coa que o disco da comezo, algo parece faltar. A base non rompe tanto como debería, e un baixo busca conexións co resto de instrumentalización que nunca chega. A percusión, repetitiva, dedícase a marcar un timo para o que Oh No non semella preparado, pero co que non busca conectar.

As reminiscencias ao traballo anterior, Bandana, ou a aquel Piñata, son poucas. Si, obviamente, parece que Madlib intenta buscar nas composicións repetir fórmulas que funcionaron, mais os ritmos creados parecen máis descartes de albumes máis grandes ca este e a produción non resulta nin o suficiente orixinal nin destacable.

Hai varios intentos de achegarse ao pop rap por medio de samples, socorrida ferramenta á que Madlib ocorre con asiduidade, que tampouco conseguen conectar verdadeiramente co resto da base. E, en xeral, aquela desconexión coa canción na totalidade que Oh No parecía mostrar nas primeiras cancións repítese nas seguintes cancións tamén.

Non todo é malo. Alén dos erros, Buggin consegue salvarse da queima nun tema no que os versos de Oh No conseguen caer baixo unha base de Madlib que, igual que en Bandana, invita a un rap que roce o spoken word, realizando tal vez o mellor tema do disco. Noutro traballo tal vez destacaría incluso máis, pero a falta de conexión que se pode facer co resto do álbum fai que non resulte un verdadeiro descubrimento.

Porque, nunha visión xeral, o maior problema que ten o álbum é que nese caos que xamais consegue funcionar, aínda por riba, créase unha sensación de monotonía horrible, onde as cancións soan todas demasiado similares entre elas e as idas cara outros estilos musicais como o xa mencionado pop rap quedan en nada debido a que tampouco nunca rematan de destacar.

Non se podía esperar demasiado de Oh No, pero tampouco o resultado mostrado por Madlib está á altura do esperado de quen estivo detrás de Bandana. Máis cerca da mixtape debut dun novo rapeiro, o traballo de dous artistas cunha década de traballos ás súas costas é, mínimo, unha auténtica decepción aburrida.

3
Pódeche interesar...
GALERÍA | Así foi a presentación do novo disco de Tanxugueiras