Triángulo de Amor Bizarro acadan a gloria unha noite máis

Release Date
20 Marzo, 2020
Discográfica
Mushroom Pillow
Xénero
Rock Alternativo
Our Score
9.3

Cando Triángulo de Amor Bizarro presentaron a canción Ruptura, o primeiro adianto do seu quinto disco de estudo semellábanos estar ante toda unha declaración de intencións. Mediante unha composición que fuxía por completo das melodías e unha produción agresiva mais sen facer uso das guitarras, esta canción, como seu nome indicaba, supoñía toda unha ruptura co que a banda de Boiro viñera ofrecendo ata este momento.

Porén ao escoitar ao completo o novo disco de Triángulo de Amor Bizarro ao completo dámonos de conta de que o obxectivo deste segundo traballo homónimo non era reinventar o son da banda. As once pistas restantes que compoñen este álbum resultarán familiares para todos os seguidores da banda, mesmo naquelas composicións onde as guitarras tampouco fan acto de presencia, como é o caso de Fukushima.

Pode que o feito de que a banda non dera un salto ao vacío tan grande como anticipaba Ruptura semelle en certa maneira unha oportunidade perdida. Por moi radical que resultara esta canción respecto aos anteriores traballos de Triángulo de Amor Bizarro (aínda que se poderían trazar algúns lazos con con cancións como Robo tu tiempo), o público semellaba estar preparado para este cambio, e así o amosou o recibimento deste adianto en todas as redes e plataformas.

Porén non nos debemos deixar levar polas expectativas que marcara esta canción, xa que Triángulo de Amor Bizarro é un disco fantástico e probablemente o traballo máis maduro da banda de Boiro ata a data, onde a agresividade e a crudeza dos seus primeiros álbumes aparece de novo da man dunha coidada produción e composicións aínda máis variadas do habitual, algo que queda patente dende os primeiros segundos de No eres tú, cunha batería e un baixo relaxados que non fan máis que preceder á tormenta que fará acto de presencia no final do tema.

O rock guitarreiro herdeiro de The Jesus and Mary Chain tan característico de Triángulo tamén está moi presente neste disco en todas as súas vertentes. Cancións como ASMR para ti achegan a cara máis shoegaze, Calígula 2025 a máis punk mentres que outros cortes como Acosadores amosan a sensibilidade pop das melodías da banda.

Porén, as letras deste álbum pouco teñen que ver cas do lanzamento máis recente da banda, o EP El Gatopardo publicado en 2018, e mesmo con algúns dos seus traballos anteriores. Se El Gatopardo falaba de maneira moi clara e directa sobre a situación política do Estado, este novo disco homónimo toca temas, como eles mesmos aseguran, máis persoais o que consegue facer que nos atopemos ante un álbum menos agresivo e máis emocional.

Isto percíbese perfectamente en cancións como Vigilantes del espejo, todo un himno acompañado de melodías que lembran aos mellores temas de bandas como The Cure ou os Smiths onde se rexeita o paso do tempo, invitando a deixar o traballo, os fillos, saír de festa e manter a dignidade “una noche más”. Por outra banda, os muros de distorsión do tramo final de Cura mi corazón entre os que a voz de Isa Cea trata de abrirse paso supoñen o final de disco máis impactante e emotivo firmado pola banda de Boiro ata a data.

Con este novo traballo Triángulo de Amor Bizarro seguen a amosar que son uns alumnos aventaxados das bandas que marcaron esa outra historia da música alonxada do mainstream durante últimos 50 anos, como Joy Division, Sonic Youth, My Bloody Valentine ou os propios The Jesus and Mary Chain. Bebendo de todos os lugares á vez que mantendo un son propio, que dalgunha maneira sempre semella axeitado para o seu momento, algo reseñable tendo en conta que este disco publícase nuns dos días máis desconcertantes das nosas vidas.

9.3
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.