Xosé Lois Romero e Aliboria voltan á esencia da tradición con ‘Latexo’

Release Date
5 Marzo, 2020
Discográfica
Raso Estudios
Xénero
Tradicional
Our Score
7.9

Nos últimos anos, proxectos musicais como as Tanxugueiras ou Baiuca están a aportar unha nova ollada á música tradicional galega. Porén, este non é un fenómeno completamente novo, xa que o que están a facer estas novas artistas é continuar o traballo que xa viñan facendo músicos como Mercedes Peón ou Xosé Lois Romero.

Precisamente este último, compositor galego nado en Mera, ven de estrear o seu segundo traballo, Latexo, da man de Aliboria. O colectivo fórmano dez músicos, a maior parte cantareiras, no que abordan o folk galego dende unha perspectiva case tribal. Nas súas pezas, a voz e o ritmo son os protagonistas absolutos, conducidos a través de instrumentos de percusión en moitas ocasións elaborados por elas mesmas.

Limitando a instrumentación exclusivamente a estes dous elementos, Xosé Lois Romero e Aliboria poden centrarse nos aspectos máis puros e esenciais do folclore musical galego. Ao longo das dez cancións que conforman Latexo queda claro que o minimalismo non ten por qué supoñer unha limitación, ao transmitir sensacións completamente diferentes cos mesmos recursos ao longo de todo o disco.

Dende os primeiros momentos de Muiñeira de Ons, as voces das cantareiras toman a iniciativa. A súa labor non é sinxela; ademáis das melodías principais das cancións, tamén son as encargadas de aportar toda a compoñente harmónica a través do seu traballo coral. Por outra banda, percusións como as de O acougo do colo dotan de enerxía ao álbum e, por momentos, ata dun certo compoñente ritual. Estas cancións beben de maneira directa da tradición musical galega, son unha recodificación dun son do pasado que ao mesmo tempo sinala cara o futuro.

Ao escoitar estas gravacións véñenseme moitas imaxes á cabeza, algunhas chegándome a lembrar nas pasaxes máis rítmicas e tribais á música de Kenji Kawai, que acompañaba a secuencia dos créditos iniciais do Ghost in the Shell de Mamoru Oshii. Entre os momentos máis sorprendentes de Latexo tamén se atopa a canción Ana quere pan, unha especie de trabalinguas constante onde as cantareiras de Aliboria xogan co ritmo das propias palabras nunha pista que semella máis un xogo fonético que unha composición musical como tal, mais non por iso menos interesante.

A música de Xosé Lois Romero e Aliboria tamén está moi ligada aos novos artistas que están a transformar a música folk galega. O último lanzamento de Baiuca, Misturas (2019), foi realizado a partir das pistas de gravación orixinais do debut de Xosé Lois Romero & Aliboria, reconstruidas mediante a produción máis electrónica do proxecto de Alejandro Guillán. Quen sabe se este Latexo tamén traerá consigo algunha colaboración semellante.

Este novo álbum non reinventa o xénero e seguramente o seu enfoque tan minimalista faga que non sexa capaz de ter un grande impacto na nosa sociedade. Porén a atrevida proposta que plantexaron Xosé Lois Romero e Aliboria merece sen lugar a dúbidas a atención de todas as persoas interesadas na música tradicional galega, que atopará aquí a súa vertente máis cru e mesmo agresiva, pero tamén a máis pura e esencial.

7.9
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.