Fa Ce La Fest IV. Día 2: De voces e sentimentos a flor de pel

A xornada do sábado chegaba con expectación de cara ao concerto dos segundos cabezas do cartel, Tulsa e Cooper, e unha das poucas bandas internacionais do festival, os norteamericanos The Essex Green. Ademais, o festival amencía co folk-pop de Os Amigos Dos Músicos na praza de San Marcos.

A formación ourensá presentaba por primeira vez o seu segundo LP, Segundo Fogar, e logrou reunir a unha boa multitude fronte a un palco onde resoaron as súas voces exquisitamente harmonizadas e de excepcional lírica en galego. Algo que queda patente en cancións como ‘Bicarelo‘, letra dun poema de Uxío Novoneyra.

Os Amigos Dos Músicos, ao igual que Chicharrón, foron programados arredor do día das Letras galegas. Unha iniciativa plausible por parte do festival para dar visibilidade ás bandas que cantan en galego. Pero non sei ata que punto efectiva dado que no escenario principal apenas se oiu o galego salvo os “boas noites” que pronunciaron algúns artistas.

Pola tarde chegamos ao recinto instalado fóra do Pazo dos Deportes cando estaban soando xa os vilalbeses Magical Colors, cun rock psicodélico de cadencia folk e de longas seccións instrumentais. Un son delicioso, bastante distinto a todo o que dera o festival e unha vez máis, mostra da diversidade do seu cartaz.

Tras eles chegou o folk-rock en euskera de Anari, a chamada PJ Harvey vasca e que é raro ver fóra da súa Euskadi natal, rodeada dunha banda de músicos cunha grande traxectoria. Despois de vinte anos nos escenarios, esta foi a súa primeira actuación en Lugo, na que demostrou moito empaque e sobriedade, sobre todo cando, en solitario, interpretou ‘Ihia‘. Emoción a flor de pel.

Iván Mouronte

Entre tema e tema, a cantautora azkoitiarra aproveitaba para presentarse, desfacerse en dar as grazas e explicar o significado dalgunha canción, como ‘Piromania‘, inspirada pola traxedia dos lumes galegos. Un set moi sentido, cunha voz melancólica, curtida, dun magnetismo e forza que consiguiu ensimismar á maioría dos alí presentes.

Seguindo con esta sorte de tradición folk das primeiras actuacións: o pop psicodélico de The Essex Gren, grupo ao que tiña bastantes ganas de ver xa que os descubrín a raíz da súa confirmación no festival. Ademais, en plena xira de presentación do seu último disco Hardly Electronic.

Cunha acústica perfecta desde o comezo, os neoirquinos fixeron gala da súa música inspirada no pop e o folk dos anos sesenta e setenta a través de temas tan redondos como ‘Don’t Leave It In Our Hands‘ e ‘Don’t know why (you stay)‘, que incitaron aos primeiros bailes dos asistentes.

Se ben os integrantes da banda non interactuaron moito co público, salvo o chapurreo en español da cantante Sasha Bell, compensaron esta introversión cun son galáctico, rico en melodías luminosas e unhas letras agridulces que nos deixaron cun moi bo sabor de boca.

Laura Sixto

Comentaba liñas arriba que era raro ver a Anari tocando fóra do seu país. A pesar da súa dilatada carreira, non se prodigou moito sobre os escenarios, non tendo realizado ningunha grande xira estatal. É necesario manifestar que, se ben ás veces os grupos que cantan en galego o teñen difícil á hora de entrar nos carteis dos festivais, vivir da música en euskera tampouco é unha misión fácil. Porén, se cadra quen conseguise certa transcendencia máis alá do Ebro, é a outra autora vasca confirmada no festival.

O aforo aumentara considerablemente e a xente xa se achegaba ás primeiras filas para desfrutar dun concerto sólido, tanto como o repertorio de Tulsa, a banda da compositora e intérprete donostiarra Miren Iza

Á guitarra, aos teclados ou só co micrófono, Miren Iza foi degrañando o seu repertorio con soltura, intercalando as cancións máis recentes, as de Centauros, sempre con algún que outro comentario explicativo (ou reivindicativo), coas dos primeiros discos. Xunto a ela, destaca o músico Charlie Bautista, que se divirte trala guitarra eléctrica (admirables as súas intervencións en ‘Verano averno‘), o teclado ou o acordeón.

Cada canción no seu sitio, cada texto cun sentido e cada palabra musitada con esa voz súa que oscila entre o murmurio e o grito. Unhas letras bonitas, francas, que uns máis que outros cantaban en trance, destacando ‘Los amantes del puente e Oda al amor efímero (a máis coreada polo público, sen dúbida).

Laura Sixto

O outro prato forte desta última xornada, tamén responsable da grande afluencia de xente e do aumento da media de idade respecto ao día anterior, chegou con Cooper. Concerto que será un dos últimos que ofrecerá antes de retirarse, como puidemos saber días despois.

O concerto en si mesmo ofreceu o esperado: amabilidade e cancións. Cancións propias e clásicas como ‘La chica de Mel‘, ‘A toda velocidad‘ e moitas outras que propiciaron que o grupo fixera ata dous bises e o bailoteo dos alí presentes.

Pero tamén emocionantes versións. A nostalxia é unha arma poderosa, en especial para os mods. É difícil explicar como cada vez que soaba un acorde dunha canción de Los Flechazos (banda que lideraba Álex Cooper) tambaleaba literalmente a carpa do festival.

O broche da noite olía a Biznaga. O grupo madrileño visitaba por segunda vez o Fa Ce La Fest e volveron a non defraudar. A verdade é que Biznaga é unha das miñas debilidades entre as bandas da escena estatal. Esencia punk con reminiscencias oitenteiras, letras afiadas directas ao pescozo e unha estrutura pop realmente lograda.

Co seu habitual son demoledor ofreceron a inxección de adrenalina necesaria para acabar de encender a un público vago de primeiras pero que caeu rendido ao pogo. Desataron a exerxía dos presentes interpretando temas como ‘Máquinas blandas‘, ‘Jóvenes ocultos‘ ou xa cara o final unha coreadísima ‘Una ciudad cualquiera’.

Marcos López

E coa última nota de ‘Mediocridad y confort’ despídome desta cuarta edición do Fa Ce La Fest. O final do festival saldaríase coas propostas electrónicas dos galegos Rayotaser e DJ Yuraq Walla, que farían bailar aos últimos valentes que aínda resistían á festa e ao frío lucense. E é que a pesar de ser maio, o frío pegou forte durante os dous días de festival.

Como consideración final, simplemente constatar que cando un festival se fai pola paixón pola música e a prol da dinamización cultural da cidade, iso trasládase ás bandas. A mellor forma de explicalo deixóunolo Nacho Vegas nesta publicación post-festival.

Estas palabras resumen á perfección a esencia dun evento que, sen apenas apoio institucional e convivindo cun macrofestival de dubidoso interese, pouco a pouco e co esforzo dun colectivo, consolídase como unha cita anual imprescindible no calendario dos festivais galegos. Proba da saúde cultural e asociativa que goza Lugo.

Pódeche interesar...
O SonRías Baixas recorrerá Galicia esta primavera