Familia Caamagno – Había que intentalo

Fecha de lanzamiento
8 abril, 2019
Discográfica
FOLC RECORDS
Xénero
A nosa puntuación
6

Xa van sete anos desde que comezaron a sonar Familia Caamagno. Os de Sigüeiro levan dando de que falar desde o seu primeiro EP, Familia Caamagno (2012), onde se descubriron como unha das primeiras bandas galegas influídas polo rock ‘n’ roll e o garage revival dos 60. Durante estes anos, durante os cales viron a luz outros dous traballos de curta duración máis -abandonando paulatinamente a reinterpretación de temas clásicos e apostando pola produción propia-, os Caamagno foron consolidándose nos escenarios, demostrando que o que atrae ao seu público é o directo.

Agora ve a luz Había que intentalo, o primeiro LP da banda, onde amosan ao longo das nove pistas que o compoñen a primeira transformación notable do seu son. Sen abandonar de todo o rock sesenteiro nin o factor humorístico que sempre definiu os seus traballos, introducen novos matices power pop, sobre todo nos primeiros temas do disco.

Había que intentalo abre con ‘Castromil’, o primeiro single do disco. Apelando á tradicional empresa de autobuses compostelá, os Caamagno inician o álbum cun tema que podería semellar unha declaración de intencións cara unha transformación de estilo cara o power pop. Pero esta gran apertura dá paso a ‘Un Día Espectacular’ e ‘Proceso Soberanista’, dous temas que volven á liña dos anteriores traballos, fallando no seu propósito de descargar unha enerxía que nunca remata de chegar e que acaban volvéndose repetitivos.

Por sorte, ‘Canción Moderna de Oriente’ toma o relevo da primeira pista, supoñendo a segunda e última evolución notable dos Caamagno ao pop. Ao contrario que as dúas últimas cancións, a súa natureza repetitiva funciona.  Mais o espellismo disípase completamente con ‘O Peor Non Son os Cartos’ e ‘Guapos de Primeira’, o regreso máis brusco ao estilo tradicional da banda de guitarras sesenteiras e contido lírico simple, que disipa todas as pretensións de transformación total de son que cumpría esperar.

‘Tabernas e Rotondas’, aínda na liña típica de Familia Caamagno, sube o nivel das dúas anteriores brevemente para dar paso a ‘Cocogualla’, un tema de groove rockabilly que pode resultar divertido á primeira escoita, mais a repetitiva e inintelixible letra e ruidosas guitarras acaban cansando rapidamente.

Menos mal que os Caamagno non deixan aquí o disco e nos regalan no punto final ‘Canción Moderna de Occidente’, un bonus que reversiona a cuarta pista anteriormente enxalzada, e que fai que rematemos con bo sabor de boca; porque como o propio título do álbum di, “había que intentalo”.

En definitiva, o novo de Familia Caamagno é unha escoita agradable, pero non soa fresco, e acabará cansando ás poucas repeticións. Non é un disco que fascine, que saia da liña xeral da banda. Nunca ocultaron que o punto forte para eles é o directo, e que conciben o estudo como unha forma de ter material para tocar en vivo, pero lles falta innovar, saírse do de hai sete anos. E para iso non precisan desfacerse do son dos 60 que tanto levan traballando, senón reinventalo, experimentar e levalo a novos límites non explorados aínda.

6
Pódeche interesar...
Ska-P será o cabeza de cartel da primeira edición do REC Fest