Pixelin

Futuro, pasado e o universo sonoro de BFlecha

Cando BFlecha publico ‘ExNovo’ o pasado mes de abril non só lanzou seu mellor traballo ata o momento, senón unha das propostas musicais máis interesantes do ano en Galicia. Seu son sintético capaz de evocar coloridas paisaxes virtuais funcionaba á perfección da man da co-produción de Mwëslee, pero aínda quedaba por ver como se traduciría esta proposta ao contexto do directo.

A resposta chegou onte en Vigo, no marco do Underfest SON Estrella Galicia, que acolleu o primeiro concerto desta nova etapa de BFlecha. A viguesa Belén Vidal xogou en casa ante o seu público, co que compartiu un concerto que non se tratou dunha actuación máis onde repasou seu novo material xunto a cancións dos seus anteriores discos, senón de todo un novo espectáculo centrado completamente arredor do material e o concepto o seu disco ‘ExNovo’.

A estética dixital da súa música complementouse mediante unha posta en escena minimalista que apostou por potenciar aqueles elementos máis orgánicos. Sobre o escenario, unha pequena rocha rodeada de herbas e area de praia sobre a que se sentou Belén nada máis iniciar as primeiras notas. Vestida cunha túnica branca que evocaba máis unha estética ancestral que futurista, a artista viguesa encheu o Auditorio Municipal de Vigo de sons electrónicos lanzados dende o ‘pad’ que sostiña nas súas mans, acompañados da súa voz, manipulada mediante ecos e reverberacións que conectaban a expresividade máis humana cunha estética sonora dixital.

Esta dinámica marcou todo o show de ‘ExNovo’, onde BFlecha contrapuxo a proposta sonora deste traballo cunha presentación intimista, marcada por unha iluminación sinxela e a combinación de sintetizadores con elementos orgánicos como unha caracola de mar convertida en instrumento de vento por Belén Vidal. Entre as cancións que soaron onte en Vigo non faltaron algúns dos temas máis destacados do seu último disco como ‘Skyline’ ou ‘Enantiómeros’.

Pero sen lugar a dúbidas o tramo máis sorprendente do concerto chegou coas cancións ‘Máscara’ e ‘Blázares’, nas que a artista incorporou á paleta sonora dúas gaitas que complementaron á perfección as súas paisaxes sonoras. Recuperar sons da tradición musical e acompañalos dunha produción moderna é sen lugar a dúbidas unha das modas do momento, pero en moitas ocasións esta mistura non sempre chega a funcionar de maneira tan ben como fixo neste concerto. O son de BFlecha non se limitaba a ser un envoltorio novo para as melodías que xa escoitamos unha e outra vez, se non que utilizou o timbre e a sonoridade destes instrumentos tradicionais para impulsar o clímax destas cancións, conscientes do pasado pero que en todo momento seguían mirando cara o futuro.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.