Gary Clark Jr. – This Land

Release Date
22 febrero, 2019
Discográfica
Warner Bros. Records
Xénero
Neo-Soul
Our Score
10

Gary Clark Jr. non é un guitarrista ao uso. Salta á vista nada máis escoitar o traballo co que saltou á fama en 2012, Black And Blu, que o texano é un virtuoso disto das seis cordas. Nembargantes, todavía nos debía un álbum que fora máis alá da pura mostra de técnica coa guitarra, pois The Story Of Sonny Boy Slim (2015) quizais foi un dos álbumes máis aburridos daquel ano. Parecía que a súa estrela se esvaecía e quedaría como unha eterna promesa.

Pero tras un lapso de case catro anos, Gary volveu con This Land, o single do seu novo traballo, que levaría ese mesmo título. Neste tema atopamos unha versión moi diferente do texano: a letra ten unha clara mensaxe política contra a ultradereita máis racista do seu país e mestura o blues con elementos da música urbana contemporánea como poden ser o característico hi-hat do trap ou unha base que semella de hip-hop.

Este concepto é o que, sen dúbida algunha, mellor funciona a través dos máis de 60 minutos de álbum. Isto apréciase, aparte de no tema que dá título ao álbum, en What About Us e Feeling Like A Million. É unha mágoa que dos 15 temas que compoñen este LP, só estes tres presenten esta idea tan fresca e interesante.

Cortes como Pearl Cadillac ou I Walk Alone baixan as revolucións do álbum a modo de baladas, cun Gary Clark que decide cantar en falsete; e estas cancións simplemente non funcionan. Parecen voltar á dinámica tediosa do anterior álbum, sen nada que aportar nun traballo que xa é suficientemente longo. I Got My Eyes On You (Locked & Loaded) ou When I’m Gone son unha volta ao blues máis clásico e en Feed The Babies e The Guitar Man métese de cheo no soul con arranxos de vento-metal e coros gospel, ofrecendo así unha ampla variedade de estilos.

O álbum péchao Dirty Dishes Blues, unha peza minimalista no que só a guitarra e unha percusión apagada acompañan a voz, un esforzo por rematar nunha nota diferente pero que, tras máis dunha hora de escoita, non aporta moito máis que o feito de ser distinto a todo o anterior.

En resumo, Gary Clark Jr. en This Land trata de voltar ás súas raíces cun álbum máis serio, entretido na súa maior parte pero que peca de ambición. Ideas que non funcionan, temas que non encaixan co resto e unha duración excesiva que supera a hora (73 minutos contando as dúas bonus tracks) contrastan con cancións innovadoras e interesantes, acertada crítica política e unha demostración de que Gary Clark sabe manexarse moi ben cunha guitarra na man.

Quizais para o seu próximo traballo o texano debería saír algo máis da súa zona de confort e explorar esa mestura do blues coa música popular contemporánea que tan ben lle está funcionando, por exemplo, ao canadense Grandson. Quizais entón deixe de ser unha eterna promesa.

10
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.