GoGo Penguin seguen a renovar o jazz cunha precisión milimétrica

Release Date
12 Xuño, 2020
Discográfica
Blue Note
Xénero
Jazz Contemporáneo
Our Score
8.2

É moi habitual escoitar por aí a frase de que “a música non é máis matemáticas”, unha afirmación coa que nunca cheguei a estar de todo de acordo. Por suposto, a música pódese explicar mediante as matemáticas, como boa parte dos fenómenos físicos do noso mundo, porén sempre considerei que a súa compoñente expresiva, máis próxima á linguaxe é a maneira máis axeitada de aproximarse á música tal e como a entendemos e a consumimos. Con todo, neste disco homónimo de GoGo Penguin, o quinto traballo desta banda británica de jazz contemporáneo, son precisamente os elementos musicais máis vinculados as matemáticas os que fan da súa escoita unha experiencia fascinante.

O ritmo é o protagonista absoluto deste álbum, onde o piano de Chris Illingworth abandoa a melodía case por completo por patróns harmónicos xerados a través de notas que por momentos, pola súa milimétrica precisión, parecen ser producidas polo secuenciador dun sintetizador modular máis que polas mans dun pianista. Desta maneira o baixo de Nick Blacka e a batería de Rob Turner teñen todavía máis espazo para brillar que en traballos anteriores da banda.

Porén, este disco homónimo comeza de maneira completamente distinta. 1_# é unha intrudución de corte ambiental, carente absolutamente de ritmo, onde unhas notas de piano cun tono melancólico flotan sobre unha base de sons ambientais e longas notas de contrabaxio tocado co arco. Todo cambia en Atomised, onde un arpexio de piano de Illingworth que non se toma nin un respiro, a excepción dos momentos nos que uns poderosos acordes conseguen deter ao resto da instrumentación, marcada pola frenética batería de Turner e o contrabaixo de Blacka, quizáis o instrumento máis melódico de toda a canción.

Signal In The Noise segue unha idea similar, onde os acentos de cada liña de piano xogan parecen querer xogar ao escondite cos golpes de batería, especialmente no fascinante tramo final da canción, un crescendo cheo de tensión que é capaz de levar ao oínte case a un estado de trance. En Open baixan as revolucións, cun tema máis melódico e centrado na búsqueda da beleza que se materializa de novo cara o final da pista coa aparición do son baixo tocado co arco, que ofrece un contraste soprendente ao resto da instrumentación.

Nalgúns momentos deste GoGo Penguin tamén aparecen riffs sorprendentemente pesados e enérxicos que case poderían facer que alguén se atrevese a facer algo de headbanging nun concerto de jazz, como acontece co piano de Totem ou o tramo central de To The Nth onde hai caso o que se podería considerar un breakdown de contrabaixo.

O quinto disco de GoGo Penguin é tamén un traballo excelentemente producido. Cada instrumento soa con perfecta claridade e certas decisións como as de engadir reverberacións e ecos ao piano de Chris Illingworth sempre semellan acertadas e coidadas ao detalle. O trío de Manchester segue a impulsar a vangarda do jazz contemporáneo cun traballo incriblemente técnico, con ritmos que por momentos semellan imposibles, que ao mesmo tempo son capaces de conformar cancións accesibles e fascinantes.

8.2
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.