Grande Amore e Ortiga queren que te divirtas con ‘Los Rastreadores’

Release Date
27 Xaneiro, 2021
Xénero
Pop
Discográfica
Ernie Producciones

Por unha banda, Nuno. Grande Amore. Cantante de Oh! Ayatollah. Pola outra, Chicho. Ortiga. Boyanka Kostova. Dúas caras novas da música galega, e aínda así preto de consagrarse a unhas idades nas que moitos aínda non sabemos moi ben o que imos facer coas nosas vidas. E non é coincidencia. Non é sorte. É talento. E en Los Rastreadores atopamos un pouco máis del.

A química entre ambos non é nada novo. Naquel Chicho & Sus Chichas, moi dende o principio bailabamos con ambos ao son dese Acostumbrao co que semella imposible deixar de mover os pés. Podíase intuír algo máis que unha colaboración esporádica naquel tema? Tal vez. Igual non. Pero estaba claro que daquel álbum que tanto destacamos en 2019 esta era un dos temas que non iamos esquecer. Nuno e Chicho funcionaban xuntos. Coma levasen cantando a dúo toda a vida.  

Los Rastreadores, nese sentido, é unha continuación case natural, e ao mesmo tempo ofrece moito máis do que podiamos pedir. Temas como a encargada de abrir o álbum, Un Agarrado, ou case ao final deste, Seis, son capaces de facernos bailar como aquel Acostumbrao fixera. Tal vez un chisco máis lento, pero cun espírito similar.

Se procuramos algo máis pop, Nrtkm ou Papando respostan á chamada, recollendo este último eses berros que tanto caracterizan a música de Nuno tanto en Grande Amore como en Oh! Ayatollah. Nuno gústase. E fai que nos guste. Entramos de cheo nas súas historias, e Chicho déixalle o camiño o máis libre para que nolas conte.

E, entre estes elementos, están esas pequenas tolemias que destacan por si soas. Fóra e dentro do álbum, Mondo Dolore e Fiesta Chill ábrense paso e lembran vidas de antes de que eses rastreadores que evocan no título fosen precisas. Mondo Dolore chámanos a saltar e pegar berros en italiano sobre o amor. E Fiesta Chill chegaría a nós nese momento cando os nosos corpos non poden máis de tanto bailar e aínda así precisan máis.

En conxunto, o álbum é capaz de perderse e atoparse nos mesmos puntos. A mestura de estilos fai que algún ritmo non sexa tan agresivo como podería ser, e pode resultar unha constante atoparnos querendo máis despois dunha canción. Pero, ao mesmo tempo, neste agregado é tamén onde consigue os seus puntos máis fortes. Ortiga e Grande Amore exploran os seus sons. As súas diferencias. Buscan puntos de equilibrio e conseguen que cada tema sexa capaz de aportar algo.

E non fai falta, tampouco, máis. Quen sabe que sairá de aquí? O que é seguro é que Los Rastreadores é un EP divertido, e onde cada encontro entre os artistas inspira que eles tamén o pasaron ben ao facelo. E en momentos coma os que nos toca vivir, ás veces soamente precisamos que un álbum como este rastree as nosas emocións e prenda a chama da diversión.

Ortiga. Chicho. O de Boyanka Kostova. Grande Amore. O de Oh! Ayatollah. A alianza de ambos en Los Rastreadores non é o disco do ano. Pero tampouco o pretende. É divertido a máis non poder, e cheo de pequenos detalles que paga a pena destacar. E se todo o 2021 continúa a este nivel, tal vez poidamos esquecernos de máis dun mal.

7.5
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.