Hayley Williams amosa a súa cara máis vulnerable en ‘Petals for Armor’

Release Date
8 Maio, 2020
Discográfica
Atlantic
Xénero
Art-Pop
Our Score
7.6

Para todas as persoas que viviron a súa adolescencia na segunda metade dos 2000 resulta practicamente inimaxinable non ter escoitado algunha canción de Paramore. Esta banda estadounidense de rock alternativo e pop-punk estaba en todos lados e soaba en todas partes naqueles anos onde a estética emo todavía non nos daba grima.

Eu persoalmente nunca cheguei a conectar a súa música naquel momento, semellábame demasiado pop para ser rock e demasiado rock para ser pop, todo ao mesmo tempo. Porén, cando en 2017 lanzaron o single Hard Times Paramore chamaron por primeira vez a miña atención de verdade. Con esta canción e o disco que a seguiu, After Laughter, Paramore tiñan claro que música querían facer, pop, e ademais saíulles moi ben. Misturando elementos do new age con melodías pegadizas, ritmos que invitaban en todo momento ao baile e unha estética colorida que servía de contrapunto a unhas letras sinceras.

Agora, a cantante Hayley Williams lanza a súa carreira en solitario nun disco que afonda no cambio de dirección marcado por After Laughter, onde desenvolve unha narrativa aínda máis persoal. Petals for Armor é un disco que explora a idea de que a vulnerabilidade en certa maneira pode ser unha fortaleza, aproveitando a súa música como medio para sincerarse, sacar á fora os seus sentimentos e superar unha etapa de turbulencia persoal na súa vida.

Este álbum está composto por tres partes diferenciadas que foron lanzadas por separado, conformando case unha estrutura por actos. A primeira frase de Simmer, a canción que abre este disco, é toda unha declaración de intencións: “Rage is a quiet thing”, a rabia non sempre resulta un estrondo, pode pasar desapercibida, quedar oculta detrás dunha máscara, pero non por iso desaparece. Os ritmos inestables de Simmer e Leave It Alone, os coros de Cinnamon ou o estribillo de Sudden Desire amosan que a rabia é un elemento definitorio deste primeiro acto.

Pero a medida que avanza o disco van mudando as sensacións. Pouco a pouco as cancións pasan a ter un son menos denso, as melodías a ser máis definidas e as baterías seguen ritmos máis marcados. Pistas como Dead Horse ou Over Yet comezan a adentrarse no pop de aires oitenteiros cun estilo similar ao que xa escoitaramos en After Laughter mais desta vez algo máis alonxado do New Age.

Hayley Williams emprega este cambio de estilos como un recurso narrativo, co que amosa a súa evolución persoal, dende a rabia inicial, pasando polo remordemento e finalmente á paz reflexada no peche de Crystal Clear. Todo un proceso de liberación emocional expresado mediante a música e a letra das súas cancións que converte a escoita deste disco en toda unha viaxe.

Con todo, Petals for Armor ten os seus problemas. Por momentos Hayley Williams non semella ter de todo claro que papel debe xogar a súa voz naquelas cancións máis pausadas, resultando demasiado estridente por momentos. Ademais, non hai nada neste disco que non tiveran realizado xa outros artistas, os comezos máis experimentais móvense por terreos xa transitados por artistas como Björk ou Radiohead, e as cancións máis pop non van máis alá do revival oitenteiro.

Porén este disco resulta unha proposta entretida, interesante e coas ideas moi claras, algo a destacar especialmente ao tratarse do debut da artista en solitario. Petals for Armor é un traballo que abrirá moitas portas a Hayley Williams, que aos seus 31 anos aínda ten unha longa carreira por diante.

7.6
Pódeche interesar...
PS2: A consola que marcou a toda unha xeración