Jeff Rosenstock: “Trump foi a personificación da ruína para moitos de nós”

Hai artistas que teñen un lugar especial nos nosos corazóns. Non por nada, senón por méritos propios. Artistas nos que descobres algo, ou te volves atopar cun sentimento que pensabas esquecido. Que che devolven a ilusión nun estilo musical que levabas anos sen escoitar. Pasoume fai tempo co garage, cando alá por 2015, Courtney Barnett lanzaba o seu álbum debut Sometimes I Sit and Think, and Sometimes I Just Sit. Aconteceu de novo fai ben pouquiño, co folk, cando Sangre de Muérdago lanzaron o seu excelentísimo Xuntas. E, ano a ano, pásame co punk cando Jeff Rosenstock lanza un novo disco.

Esta ilusión incondicional non é algo exclusivo en min por aquí. Tanto en 2018 como en 2020, anos nos que saíron POST- e NO DREAM, non tivemos máis remedio que incluílos nas nosas listas de fin de ano. Porque, a cada escoita, descubrimos algo que nos gusta máis. Un sarcasmo. Unha frase lapidaria. Una guitarra capaz de que saltemos coma tolos. Así é Jeff Rosenstock para nós.

Falar cun dos nosos artistas favoritos sempre fai ilusión. E, neste caso, tamén tivemos que falar en inglés. Por primeira vez en tres anos de Balea. O resultado? Unha entrevista chea de coñecemento, sinceridade e música. Jeff Rosenstock fala connosco para contarnos máis dos seus métodos de creación, o que é para el a música punk, e a situación actual nos Estados Unidos.

Sabemos o mal que están as cousas por aquí co coronavirus. Como vai todo por alí?

Eu sei o mal que están as cousas en Los Ángeles, que é onde vivo agora mesmo. E diría que está igual en todas as partes de Estados Unidos. As tendas están abertas, e os supermercados, pero tes que ser rápido para facer o que teñas que facer. En California, a vacinación vai lenta e os hospitais están cheos. É bastante fodido. No resto dos Estados Unidos parece que as cousas están mal, pero non tan mal. Algún amigo xa se vacinou… Diría que estou no centro das cousas que están mal. Non podes comprar a vacina, de todos modos. Os traballadores esenciais son os que están vacinándose. Pero é diferente de Estado a Estado.

E a ti, como che afectou persoalmente a nivel social e económico?

Teño moita sorte. Teño un traballo a tempo completo compoñendo a música de O mundo de Craig, para Cartoon Network. Aínda tendo que traballar dende a casa, as cousas non pararon. Supoño que será porque podes facer a meirande parte dese traballo de maneira remota, como gravar voces. Por isto mesmo, o meu traballo mantívose máis ou menos igual. Xa digo, teño moita sorte. Doume conta de que é algo raro.

Persoalmente, non sei. Penso que estou perdendo a cabeza tanto como calquera outra persoa. Mudámonos xusto antes de que todo isto pasara, polo que estou bastante desorientado. Boto de menos á miña banda. Somos familia, e non nos vemos dende hai demasiado. Boto de menos ir de xira con eles. Boto de menos ver a calquera. E, obviamente, boto de menos tocar en directo. É o que levo facendo toda a miña vida, e sinto que unha parte de min desapareceu ao non poder facer nada diso. Teño emocións diferentes con isto, sabes? Pero considero que todo podería ser moito peor.

Remataras de presentar –POST cando todo isto comezou?

Non diría que remataramos o “-POST Tour”. Sentíame un pouco abrumado mentres intentaba estar de xira todo o tempo que podía xunto a este novo traballo que teño. A miña saúde mental estábase danando así que dixen “Ei, tomémonos un descanso por un segundiño. Por favor”.

Igualmente, tento non ver o de facer xira como unha presentación do álbum que me toque xirar. Sempre estiven en bandas que xiran todo o tempo e mentres o fan lanzan albumes, e dalgún modo funciona. Pero si, tivemos que deixar de lado unha gran parte da xira que levabamos facendo dende 2015 por isto. Teño ganas de volver xirar. A ver se o facemos. Algún día.

Lanzaches NO DREAM por sorpresa durante a pandemia. Cal era a túa idea inicial?

Creo que moitos artistas non lanzaron no seu momento os álbumes que tiñan preparados debido á pandemia. Pero a pandemia non parou, e tiveron que sacalos igualmente. Queriamos lanzalo en xullo, e ía ser unha sorpresa igualmente. Tiñamos preparada unha aparición no show de Seth Meyers, e iso é algo moi grande para nós. Queríamos tocar e que esa mesma noite saíse o disco. Ía ser unha fodida pasada. Ía xenial. Sempre busco maneiras nas que lanzar un disco sexa emocionante, no canto de ese proceso laborioso dunha nota de prensa seguida dun sinxelo. Despois outra nota de prensa, despois outro sinxelo, despois outra nota de prensa, despois outro sinxelo…

Así que nada, obviamente iso empezou a facerse anacos a medida que a pandemia era máis e máis real, así que falei con Ponyvinyl e preguntei cando era o máis cedo que podíamos lanzalo. Non íamos facer xira no 2020, creo que era obvio, así que lanzamos o disco para que polo menos houbera unha cousa boa aí fóra. Se eu fose fan dunha banda e lanzasen un álbum no medio de toda esta merda inesperada estaría flipando. Así que esa foi a idea.

Comparando NO DREAM con –POST e WORRY., vexo máis similitudes nestes dous últimos que en NO DREAM. O novo soa máis “enerxético”.

Cando escribín NO DREAM estaba, definitivamente, escoitando máis ska e punk que cos outros. Corro moito, e é o que acostumo a escoitar mentres o fago porque me axuda a manterme con enerxía. E conducindo, mentres estabamos de xira, tamén porque me axudaba a manterme esperto. Ademais, defíneo un pouco traballar en O Mundo de Craig, pola natureza de traballar alí, onde teño que compoñer moitas cancións punk rápidas para un episodio de nove minutos. Dalgún modo, o meu cerebro se puxo en modo punk.

Tamén, tiña unha amiga -amiga da miña banda, amiga de moitos dos meus amigos- Brittany Strummer, que escribía novas sobre punk. Era unha das persoas máis marabillosas e graciosas que coñecín xamais e faleceu en medio das gravacións do álbum. Era tamén unha fan, e pensaba moito nela mentres gravaba. Quería facer un disco de punk ruidoso para ela. Iso foi parte disto tamén, agora que o penso. Non creo que os outros dous boten de menos moita enerxía, pero entendo a impresión. Todo nel foi ao cen por cen xa dende o principio.

No álbum aparecen Chris Farren e Laura Stevenson, cos que estiveches xa en bandas anteriormente. Como é traballar con eles nun proxecto persoal?

Laura está en Nova York. Mandeille as gravacións e fixo as súas cousas na casa. Chris… Chris creo que igual veu á miña casa, xa que vivimos na mesma cidade. Foi sinxelo, saíu só, porque xa traballamos moitísimas veces en cousas xuntos. Con Chris obviamente en Antarctigo Vespucci, con Laura en O Mundo de Craig e na movida de Neil Young…

Foi xenial ter a Laura no álbum. Non quería un efecto de dobraxe sobre as miñas voces nas cancións, así que lle pedín a Laura que cantase absolutamente toda a canción comigo. O resultado foi tan vivo e xenial que non podo máis que agradecerlle que cantase tanto comigo neste álbum. Quedou mellor, moito mellor, por isto.

Todo o mundo co que traballo sabe que teño unha especie de visión sobre elo, e confían en min, e iso é bonito. E a cambio, eu confío neles cando me piden que faga algo nas súas movidas.

E, durante todo isto, estiveches publicando tamén música e incluíndoa no teu 2020 DUMP. Dirías que a situación cambiou a túa maneira de crear?

Diría que… si? Si. Diría que cambiou dalgún modo a maneira na que escribo, e facer 2020 DUMP foi unha maneira de asegurarme de que todo isto da pandemia non detivese a miña música e perdese esa inspiración que estaba a ter ultimamente. Sempre estou escribindo, e iso non cambiou.

O que si cambiou é que agora non podo experimentar nada excepto esa sensación de estar na casa e esperar a que algo remate. Iso cambiou un pouco a miña maneira de escribir letras, porque xa non teño tantas fontes de información como antes, sexa ir a sitios, ver a xente… É raro para min escribir o cen por cen das cancións dun álbum dende a mesma localización. Polo normal, un certo número de cousas aparecen mentres viaxo.

As cancións que fas en O Mundo de Craig son un pouco diferentes ás que fas como Jeff Rosenstock, pero seguen sendo punk. E o teu público é totalmente diferente. Son os nenos punkies?

Cando eu era un neno, cando escoitaba algo alto e rápido eu estaba como “Oh, si, xenial!”. Dende que era moi pequeno. Creo que de aí ven esa enerxía na serie. Si, os nenos son punk.

É algo raro. Os nenos son unha enerxía sen restricións a meirande parte do tempo, que é unha das cousas que máis me gustan do punk. E agora que levo facendo música dende hai moito tempo, algún dos meus fans xa ten fillos e publican vídeos dos seus nenos bailando nos seus salóns cancións que eu escribín. É algo impresionante e tolísimo.

Cando naceu o punk tiña un significado. Crees que cambiou?

Creo que o significado do punk foi interpretado de maneira diferente xa polos “tres grandes” dos primeiros días: The Ramones, The Clash e os Sex Pistols. Cada un deles tiña unha visión diferente do que era o punk, para comezar.

Creo que é algo que sempre me intrigou. E que me mantén sendo punk, ou algo así. Creo que é un termo moi aberto, o cal é irónico porque moita xente intenta darlle unha definición moi clara, con cousas como “o punk só existe se levas chaquetas de coiro”, ou “o punk só existe se sacas un álbum por ti mesmo”, ou se tocas “tupatutupa…”, ou algo así. Pero creo que o punk é simplemente facer o que che saia do carallo e levalo onde ti o queiras levar.

Si, existiron moitas grandes bandas punk políticas, e creo que o punk é unha porta aberta ás bandas para ser así. Para ter éticas radicais, e cousas así. Pero ao mesmo tempo está aberta a grupos para cantar cancións parvas sobre, non sei, coches ou merdas así.

Non sei se realmente cambiou. Cambiou no sentido de que agora existen empresas que foron capaces de crear márketing ao redor del, e sacar albumes de punk impecablemente limpas, pero seguen existindo diferentes pequenos fragmentos que seguen a facer as súas propias cousas.

Creo que unha cousa boa de que o punk evolucione é que cada vez hai máis e máis comportamentos que non son aceptados pola escena. Hai unha maior preocupación polo resto de xente. Polo menos nos Estados Unidos, nos últimos anos existe un esforzo considerable para que os concertos sexan espazos nos que se respecte a todo o mundo. Que todos poidan ser quen queren ser. Creo que facelos un lugar ao que calquera pode ir é unha cousa moi boa.

Sempre que xorde un estilo musical dende abaixo, fálase deste como o novo punk. Crees que algo así existe?

Punk é simplemente unha palabra. E engloba moitísimas cousas. É un termo moi amplo. Para mín, na miña cabeza, o novo punk é calquera cousa que uns rapaces estean facendo na súa casa, ou no seu soto. Creando escenas.

Non fai moito, Estados Unidos pasou un momento tenso co asalto ao Capitolio. Gustaríame saber como o viviches ti. Crees que a música, e en concreto o punk, ten un rol que xogar en todo isto?

Creo que estas cousas precisan que a xente tome medidas. Fomentar o activismo. Que a xente debe unirse a grupos de axuda ou cousas do estilo. Creo, de todas formas, que é xenial que o punk sexa un lugar seguro onde falar destas cousas. Lembro escoitar discos punk moi políticos cando era novo, e que me axudaron a abrir os ollos ante as cousas que me ensinaron no colexio, vendo que non eran a historia ao completo, ou que non eran reais. Como por exemplo, a historia americana, ou como funcionaba a economía. Nese sentido, o punk educoume.

Non creo que ninguén teña unha responsabilidade sobre cuestións así, pero creo que o punk pode ser a música que faga isto. Igual que o rap. Calquera música pode facelo. Non creo que por ser unha banda de punk teñas que facelo, pero se queres, deberías. Hai xente que di “Ei, deixa a política fóra da música!”. Pero… Algunha vez escoitaches música? A política é parte da música. Tes que vivir con elo.

En canto aos problemas que hai aquí e a nivel mundial… Os últimos catro anos, con quen foi escollido, con quen fora antes o noso presidente, con quen eu esperaba que fora o noso novo presidente, e todas esas cousas… Non me sinto particularmente optimista. Gustaríame que cambiase. Pero chegados a certo punto… Non sei. Tento atopar algo de optimismo. E sinto que non é algo que me pase a min só, senón que é un eco que lle chega ao meu corpo.

Vénseme á cabeza, con estas cousas, a túa canción USA. Crees que o seu significado desapareceu agora que o goberno de Trump rematou? Cambia algo o feito de que haxa un novo presidente na Casa Branca?

Hai un sentimento diferente. Non fai que as cousas sexan mellores, pero o feito de que Trump non estea xa na Casa Branca é unha cousa moi boa. É bo por moitas razóns. Cunha procura básica das ordes executivas que se fixeron xa, dáste conta de que a cousa cambiou. Estamos de volta na Organización Mundial da Saúde e no Acordo do Clima de París. Iso é moi bo.

Pero ao mesmo tempo, non creo que cambie o significado da canción. Foi moi interesante para min ver que a xente asociou as miñas cancións coa presidencia de Trump, porque para min esas cancións non son sobre el, senón sobre a humanidade, e sobre como os humanos se tratan os uns aos outros.

WORRY. non era sobre el en absoluto. Aínda estaba facendo a campaña cando fixen a maioría das súas cancións. Creo que Trump foi a personificación da ruína para moitos de nós, que representaba a un grupo de persoas odiosas, que daba voz e poder á supremacía branca americana. E todo isto, obviamente, non é bo.  

Non creo que Biden vaia a dar pasos axigantados para corrixir isto. E creo que por iso moita xente ten a sensación de que nada cambiou. Pero creo que é moi importante mirar ao que pasou o 6 de xaneiro, ver cada mandato que pasou baixo o goberno de Trump, e ver canta xente foi perseguida. Alucíname que durante os catro anos do seu mandato tiveramos que dicir case a diario o particularmente malo que era. É un tema delicado aquí, porque as nosas emocións están insensibilizadas e monetizadas. Porque é máis importante saber como vender esas emocións que as emocións por si mesmas.

En HELLLLHOOOOLE, falas de certa xente “á que lle importa todo unha merda e saca beneficio da dor”. Cal é esa dor para ti?

Esa liña, especificamente, é sobre a xentrificación. Sobre como os caseiros, especialmente en Nova York, poden en calquera momento podería vender a túa casa e deixarte sen nada. A xente que ten a propiedade neste mundo non ten problemas en expulsarte dunha patada da túa vida para conseguir cartos.

Na canción NO DREAM dis “O único marco no que o capitalismo pode prosperar é a distopía”. Ata que punto cres nisto?

Totalmente. O que creo que me gustaría ter acompañado desa frase é unha resposta. Unha alternativa. Pero se tes un sistema, e especialmente o sistema capitalista que temos nos Estados Unidos, conectado coas teorías da economía de efecto derrame dos oitenta, onde se nos di que deixemos aos ricos ser cada vez máis ricos e aos pobres se lles di que non se preocupen por elo, non funciona.

Podería seguir con isto. Pero creo que o mellor exemplo é que, por exemplo, o feito de que os nenos aquí ao ir á escola teñan medo de ser asasinados polos seus compañeiros de clase é unha merda distópica. E poderíamos deter isto se o lobby do armamento non estivera gastando cartos en subornar aos nosos representantes para que deteñan leis de regulación das armas.

E vexo exemplos así todo o tempo. Con como a xente que non ten casa é tratada en Estados Unidos. Participamos nun sistema que recompensa a algunha xente de maneira ridícula, e que dá a outra xente moi pouco.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.